Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Universidade de Vigo descobre as vantaxes do teatro nas vítimas de violencia machista

As probas foron realizadas con mulleres de Vigo e Porriño // Tratouse de sesións de dramaterapia que buscaban "adestrar as súas competencias persoais para afrontar estas situacións e entendelas", afirma a doutora

O desenvolvemento dun programa de intervención con vítimas de violencia de xénero baseado no uso terapéutico de técnicas teatrais contribúe a unha “redución importante da sintomatoloxía depresiva” que padecen as vítimas, amósase como un medio de superación “do illamento ao que son sometidas polos agresores” e fai posible “unha diminución do malestar psicolóxico e melloras na motivación”. Estas son as principais conclusións que a psicóloga María Luisa Mondolfi extrae do programa baseado na dramaterapia, unha metodoloxía centrada no potencial terapéutico do teatro, que deseñou e desenvolveu cun grupo de mulleres vítimas de violencia de xénero en Vigo e Porriño, como parte da súa tese de doutoramento, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino.

“Trátase dun programa deseñado para as necesidades específicas desta poboación”, sinala Mondolfi, formada en dramaterapia pola North American Drama Therapy Association, dun programa articulado en base a dous “eixos terapéuticos transversais”, un centrado no desenvolvemento de competencias persoais e nas vivencias traumáticas, e un segundo “dirixido a fomentar o cuestionamento dos estereotipos de xénero”. Levado a cabo coa colaboración dos Centros de Información á Muller (CIM) de Vigo e O Porriño, o programa que Mondolfi desenvolveu con 25 vítimas tivo entre os seus principais logros o “ambiente de apoio e soporte emocional” que se xerou no grupo de participantes e o que “serviu para romper o illamento social e afectivo que soe xerar” a violencia machista. Así mesmo, a avaliación deste programa amosou tamén resultados “estatisticamente significativos” na redución da “sintomatoloxía de depresiva e no incremento da percepción do sentido da vida”, á vez que se obtiveron “melloras globais en todos os síntomas e variables avaliadas”, como “a diminución da gravidade do trastorno de estrés postraumático, diminución dos estereotipos sexistas, aumento da autoestima e calidade de vida percibida”, apunta Mondolfi.

TRABALLO CO CORPO E COAS EMOCIÓNS

Segundo explica esta investigadora do grupo Cies-10, a dramaterapia non é unha “disciplina recoñecida en España”, de aí que incida na necesidade de achegar “evidencia empírica para promover o diálogo interdisciplinario e a inclusión desta disciplina deste o ámbito académico”. Nese senso, a súa tese Posibilidades terapéuticas e pedagóxicas do teatro no malestar psíquico, autoestima e estereotipos en mulleres con antecedentes de violencia de género centrábase no deseño, desenvolvemento e posterior avaliación da súa eficacia e impacto dun programa de dramaterapia, recollido previamente, co propósito de que poida ser replicado, no libro colectivo Diseño y evalución de programas educativos en el ámbito social. Actividad física y dramaterapia, que coordinou Margarita Pino.

Articulado en 20 sesións, cada clase iniciábase cun “quentamento físico, de corpo e de voz, acompañado por música”, complementado con exercicios de respiración, que buscaba entre outros obxectivos xerar un ambiente “que fomentara o xogo, xa que unha das metas da actividade era promover a espontaneidade”, explica Mondolfi. “Unha vez establecido este ambiente, nas sesións traballabamos escenas sobre temas que afectaban ao grupo” ou cuestións vinculadas a algunha das participantes “coas que as demais se identificaban”, explica dun programa no que “o obxectivo en todos os casos era a busca de alternativas de cambio, de ruptura da opresión, de adestrar nun ambiente controlado os roles, as competencias persoais para no día a día afrontar esas situacións e entendelas”. O uso da expresión corporal e da danza constituían dúas das bases deste programa, que tamén promovía en ocasións unha interacción entre as participantes máis próxima á improvisación, na que elas mesmas “interpretaban as súas escenas, como se sentían, para exploraran emocionalmente nelas”. O traballo, conclúe Mondolfi, “realizábase realmente co corpo, as emocións e, sobre todo, a interrelación sobre a que se construía o espazo escénico e terapéutico” e complementábase ao remate cunha relaxación guiada e unha discusión grupal “na que cada unha avaliaba a sesión e o seu proceso na mesma”:

DIFICULTADES PARA PODER ACUDIR ÁS SESIÓNS

Nunha liña e investigación, o uso terapéutico do teatro, na que Mondolfi continúa traballando e que abordou con diferentes colectivos, a investigadora atopouse neste estudo coas “reticencias das vítimas” á hora de participar e manter a asistencia ao programa, motivada fundamentalmente polo temor ás “represalias dos agresores”. De feito, oito das 25 participantes no programa non chegaron a completalo. “A maior dificultade para a recuperación e o apego ao tratamento amosouse na permanencia da situación de acoso e violencia por parte de parellas e ex-parellas, que mantén a situación de ameaza e é causa de malestar e deterioro permanente”, denuncia esta investigadora, que recoñece que aínda que a lexislación en materia de violencia machista “avanzou moito e de que os CIM realizan un labor loable, a realidade social mantén estruturas que son resistentes a ser modificadas”. De aí que entre as participantes no programa se atopasen con “situacións de chantaxes e ameazas”, mesmo por parte de ex-parellas cunha orde de afastamento, que tiveron unha incidencia directa nos efectos do programa. “Se estamos realizando unha intervención para superar unha vivencia traumática pero esta continúa ocorrendo, a participante pode fortalecer aspectos da súa personalidade e ser consciente de moitas das situacións de opresión que vive, pero segue exposta ao malestar psíquico e físico da violencia”, lamenta.

20 jul 2018 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito