El Correo Gallego

Noticia 262 de 593 noticia anterior de espazoAbalar Galicia » espazoAbalar

A Xunta investirá 500.000 euros no CEIP da Ramallosa

Dende o Concello de Teo demandan que o executivo autonómico execute o antes posible as obras comprometidas tanto neste centro como nos Tilos e no IES

Cabana, primero por la izqda., con Rodríguez, Guerra y Rodeiro en A Ramallosa.  - FOTO: Xunta
Cabana, primero por la izqda., con Rodríguez, Guerra y Rodeiro en A Ramallosa. - FOTO: Xunta

TEO. C.T.   | 20.03.2018 
A- A+

A concelleira de Educación de Teo, Pilar Faxil, estivo este martes no CEIP da Ramallosa, a onde se achegou o Conselleiro de Educación, para facer o anuncio dun investimento no centro de 500.000 euros para o ano 2019. Os traballos de reforma anunciados pola Xunta neste centro céntranse nunha rehabilitación enerxética e funcional, que abrangue cubertas, fachadas, carpintería e luminarias.

Dende o Concello, o goberno municipal, amosa a súa satisfacción porque o Conselleiro atenda parte das demandas da comunidade educativa. Hai que lembrar que hai poucos meses era unha nai a que chamaba a atención de xeito público a través da prensa sobre a situación de frío no CEIP da Ramallosa. O propio pleno do Concello no mes de xaneiro aprobaba unha moción na que se destacaban as necesidades en todos os colexios de Teo. As ampas, entidades destacadas da comunidade educativa, fan un traballo incansable na defensa dos intereses do ensino público. A Xunta, diante de toda esta presión anuncia un investimento que é positivo pero que para o Concello debe ser o antes posible. A concelleira de Educación, Pilar Faxil destaca que "o anuncio das obras na Ramallosa é unha boa noticia e ao tempo ten un tinte electoral xa que se vai executar, como pronto, arredor das eleccións municipais de 2019".

Na visita que realizou Román Rodríguez esta mañá ao centro da Ramallosa Pilar Faxil lembroulle que os outros CEIPS de Teo, Calo e Os Tilos, teñen necesidades moi importantes e reiterou o convite a que os visite o antes posible. O CRA e o IES tamén son centros da competencia de Educación.

O Concello ten a obriga de facer traballos de mantemento nos centros educativos, unha labor coa que cumpre "de xeito escrupuloso e ata por riba da súa obriga, xa que somos defensores do ensino público" destaca Faxil. "Estaremos vixiantes para que a Consellería cumpra co seu papel como xestor dos colexios e execute o antes posible as obras comprometidas hoxe na Ramallosa, en Calo, nos Tilos e no IES".

Anpa de Calo

O Conselleiro de Educación tamén tivo que atender esta mañá as peticións da Anpa A Rabadela, do colexio de Calo, que lle fixo entrega dun informe coas demandas de obras no seu centro. Cabe destacar que se trata dun centro cos mesmos anos que o da Ramallosa e similares deficiencias.