Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Estudantes de oposición e a dificultade de acceso ás bibliotecas

Os aforos reducidos e as novas medidas pola COVID lastran a centos de persoas na cidade de Santiago

As bibliotecas de Santiago alternaron no último ano entre o peche das instalacións e a apertura con capacidade reducida. Tamén se viron sometidas a outras normas de acceso que crean dificultades ás persoas que precisan dun espazo de estudo no seu día a día. As bibliotecas da cidade contan cun aforo do 50%, a Concepción Arenal, da USC, ten un 30%. Ademais, as bibliotecas da Universidade reservan os seus espazos para estudantes de cada facultade, salvo Concepción Arenal, que abre as fins de semana para todo o público. O camiño de preparar unha oposición é moi empedrado. Á dificultade de poder compatibilizalo cun traballo, o forte estrés ao que se está sometido ou á dificultade de manter unha vida social que te permita desconectar son algunhas das complicacións que van xurdindo cando encaras estas probas. Agora, as prazas reducidas nas bibliotecas públicas súmase a esta lista de complicacións. Non todo o mundo pode contar cun espazo reservado na súa casa para estudar dunha forma adecuada. Se vives nun piso compartido, se contas cunha habitación pequena ou mesmo se vives coa familia e compartes habitación ou tes crianzas das que facerte cargo, atopar unha mesa onde estudar de maneira eficiente seguramente sexa moi difícil.

O problema non é só o aforo. As restricións de acceso ás bibliotecas das facultades fai que algunhas non cubran as prazas dispoñibles, mentres que en outras se poden atopar colas na porta antes de que abran e a súa capacidade está completa en menos dunha hora. A Biblioteca Anxel Casal é o principal exemplo desta problemática, onde se poden ver as colas tanto ás 8 da mañá como ao mediodía. Instalacións como as das facultades de Bioloxía, Historia ou Economía teñen os postos reservados para estudantes deses centros. A Concepción Arenal pola semana reserva ás súas prazas para alumnos de Políticas, Dereito, Relacións Laborais e Farmacia. Nelas non se cubren os postos. En cambio, na Anxel Casal ou na Xeral da USC atopamos o aforo completo a diario. Se chegas un pouco tarde seguramente teñas que dar a volta para a túa casa.

Durante os últimos meses, numerosas persoas fixeron chegar queixas á Universidade debido á problemática que xurdiu a partir destas normativas. Hai que ter en conta que moitos son antigos estudantes do campus que, unha vez rematados os estudos oficiais da carreira ou máster, ven como non contan con ningún tipo de recoñecemento por parte da institución na que estiveron os últimos anos. Dende a universidade a resposta que se lles dá é que debido ás restricións non poden facer outra cousa que limitar o acceso e que, coa apertura da Biblioteca Xeral, intentaron dar servizo ás persoas alleas ao centro na actualidade. Pero a pesares de que sexa pensado para este uso, a realidade é que o alumnado de distintas facultades tamén se ve na obriga de acudir ao mesmo espazo debido a que as salas pensadas para o estudantado propio moitas veces non contan cunhas infraestruturas adecuadas ou cómodas, e acoden tamén ao espazo de Fonseca.

As medidas establecidas están pensadas para realizar un seguimento ante posibles contactos, así como manter a seguridade. Tamén se indica que para poder conectar coa sociedade estableceuse un espazo de libre acceso por campus, un en Lugo e outro en Santiago, sendo a súa prioridade aínda así dar servizo á actual comunidade universitaria. Polo tanto, faise unha distinción entre o estudantado da universidade e os alleos, xa sexan antigos ou futuros alumnos, en casos de estudantes de bacharelato ou selectividade ou persoas alleas á Universidade.

Cando un grupo de prexudicados contactou co Concello, o desenlace non foi máis positivo. En Santiago cóntase con outros espazos urbanos de estudo no Ensanche, Conxo e Fontiñas. O Concello comunicou que a súa intención era abrilos de novo, pero aínda non chegou ese momento. O único aberto é o de Fontiñas. A súa apertura axudaría a desconxestionar as bibliotecas principais da cidade.

Compre lembrar que a situación da USC non se repite no resto de campus galegos. Tanto en Vigo como na Coruña, mediante distintos mecanismos, garanten acceso a calquera que o precise, aínda que poidan priorizar ao estudantado universitario en activo. No de Lugo, xestionado dende Compostela, houbo queixas no mesmo sentido, posto que se non formabas parte da comunidade non podías acceder, chegando a conseguir que se lles permitise o acceso a través dunha carta de lector.

Moitos usuarios piden que se liberalicen os espazos de bibliotecas para que poda acudir calquera persoa que o precisa.

16 jun 2021 / 12:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.