Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Xoan Vázquez Mao // Director Xeral do Eixo Atlántico

“Eu dunha cimeira non espero nada, son unha posta en escena mediática”

{Madrid, 1957} Nunha conversa con EL CORREO GALLEGO o secretario xeral do Eixo Atlántico debulla un dos temas que máis titulares ocupa nestes días: o anuncio da conexión ferroviaria entre Vigo e Oporto, feito hai unhas semanas por Antonio Costa, primeiro ministro portugués, e que se tratará na vindeira Cimeira Ibérica, prevista para o 4 de novembro.

O Eixo Atlántico valora positivamente a conexión Oporto-Vigo?

Si, pero o primeiro que quero deixar claro é que, aínda que o tramo internacional se chama Oporto-Vigo, nós no Eixo Atlántico hai tempo xa que lle chamamos Ferrol-Lisboa, ou incluso, Ferrol-Sines, que está situado ao sur de Lisboa e é un dos tres grandes portos de augas profundas que temos na fachada ibérica, xunto co de Ferrol e Coruña

O tramo español chámase Ferrol-Fronteira portuguesa. Entre Ferrol e Coruña nunca se fixo nada, e ofrecer o bypass de Betanzos é como ter cancro e que che ofrezan unha aspirina. Dende o Eixo Atlántico, xa se pediu que no ano próximo, no que se abre a “xanela” de modificación dos corredores ferroviarios (o plan Conect Europa) tamén se inclúa este tramo no corredor Europeo ferroviario do atlántico.

Porque ten tanto interese Portugal nesta conexión ferroviaria?

Ten unha lóxica clara. Portugal xa anunciou que no 2030 quere eliminar calquera voo interno inferior a hora e media. É dicir, todos os voos portugueses entre Faro e Oporto (que é a maior distancia entre os tres aeroportos) duran menos dese tempo, entón só quedarían os voos coas illas e os internacionais. Isto si que é coherente coa batalla contra o cambio climático.

Ademais ten unha estratexia moi clara: da maritimidade. Portugal ten Ministerio do Mar, mentres que España ten un de pesca e dentro do ámbito da agricultura. Polo tanto, Portugal entende a conveniencia de conectar todos os portos, todos os aeroportos e todas as universidades, nunha lóxica de desenvolvemento conxunto con Galicia, que é o que nós vimos defendendo. Esa é a nosa vantaxe.

Se hai unha vantaxe, hai tamén un inconveniente?

Si. Toda a xente sabe que ao Goberno de España condiciónano catro rexións: Cataluña, Valencia e Andalucía no mediterráneo, e logo Madrid. Isto é a pescada que se morde a cola: ‘como ti tes máis, eu invisto máis, e como eu invisto máis ti tes máis’. Fálase moito da España vaciada, pero todo o que chamamos a España atlántica, que é o que linda con Portugal e a parte interior de Galicia, está con graves crises demográficas. Polo tanto, España non aposta polo Atlántico.

Dentro deste contexto político, cal é a situación particular da saída sur de Vigo?

A saída sur estaba aprobada, tíñao todo. Tiña o Estudo de Impacto Ambiental e só había que comezar a expropiar. Que acontece? Sendo ministro José Blanco, mandan subir as tuneladoras ao barrio de San Lourenzo, á estación de Vigo, e alí acaba completamente a liña. É dicir, non é que en Galicia non nos den obras, é que incluso nos anulan as que están aprobadas.

Por que se bota para atrás?

Teoricamente, naquel momento era pola crise económica. Esa foi a explicación que se deu naquel momento, pero despois seguiu Zapatero, logo veu Rajoy, e agora Pedro Sánchez.... Durante os gobernos de Zapatero e de Rajoy, especialmente de Rajoy, avisamos de que o Estudo de Impacto Ambiental iba caducar, que pasaban dez anos.

Nós advertímolo, e o Estudo de Impacto Ambiental caducou. Esta é a historia, é dicir, mentres Portugal avanza, España frea.

Esta é situación a día de hoxe. Cal é solución?

A solución sería que a Cimeira Ibérica nos dera unha sorpresa positiva e que o Goberno español anunciara a licitación do Estudo Informativo Previo, porque si se licita até fin de ano e se resolve no primeiro semestre do ano próximo, poderiamos chegar co estudo feito a 2026. Obviamente se os portugueses van facer catrocentos quilómetros en catro anos, Galicia podería facer corenta en catro anos tamén, non? E se ademais se meten os outros de Ferrol-Coruña sería perfecto. Porque se se quere, pódese. Ou, por citar a Pedro Sánchez, “se non se fai é un problema de incompetencia ou de mala fe”.

Confía en que aconteza así e saia adiante o proxecto para 2030?

O que fixo Costa, presentando o tema el só en Oporto e uns días antes da primeira data na que estaba prevista a cimeira, que logo se atrasou, foi unha xogada mestra para meter presión a España. Tendo en conta que ademais hai cousas en Bruxelas nas que España precisa o apoio de Portugal, eu comezo a ter esperanzas de que poidamos ter unha boa noticia na Cimeira, aínda que as cimeiras nunca se caracterizan por dar boas noticias.

De feito, na proposta dos orzamentos do Estado hai unha partida que podería perfectamente adicarse a iso, de dous millóns de euros na saída sur de Vigo, para executar no 2024-25, que coincide co prezo estimado dun Estudo Informativo Previo.

Apunta isto a que hai intención dende o Goberno?

Pode ser, en principio eu quero facer unha interpretación en positivo. Agora é moi importante a presión sobre o Goberno español, para que, empregando unha expresión portuguesa, ‘honre os seus compromisos’. Portugal estao facendo, e España aínda non, pero espero que o faga porque aí vai a solvencia dun país. Non se pode sacar unha normativa que estableza ata canto tes que poñer a calefacción ou o aire acondicionado nos establecementos e logo non poñer en marcha un medio de transporte que é sostible, que é ecolóxico, que saca coches da estrada e polo tanto aforra en combustible... Isto é algo que xa non tiñamos que estar pedindo. Isto xa tiña que ser unha iniciativa do Goberno español.

E como afectaría isto aos aeroportos galegos?

Ademais das moitas vantaxes que vai traer, unha infraestrutura como esta liña vertical Ferrol-Lisboa vai a permitir racionalizar os aeroportos. Fálase nestes días de que si é unha neura portuguesa, para apoiar ao Sa Carneiro en contra dos aeroportos galegos... Non é verdade, O Sá Carneiro non necesita atacar a ninguén porque xa sobrepasou o seu plan estratéxico con dous anos de antecedencia e agora xa ten un novo obxectivo de viaxeiros que está cumprindo perfectamente. O problema dos aeroportos galegos é a estupidez endóxena do localismo.

En que sentido?

En Portugal, todos os alcaldes do norte do país consideran o aeroporto de Oporto-Sa Carneiro como seu. É un aeroporto para catro millóns de cidadáns que ten o norte, e aquí temos tres aeroportos para tres millóns e nin se quera somos capaces de coordinalos para conseguir ter entre os tres un número suficiente de voos.

En Oporto pódese coller un voo a Bruxelas todos os días, incluso dúas frecuencias diarias. Aquí só podes coller un voo a Bruxelas en Santiago e creo que tres días a semana, e ás veces non é todo o ano. Entón, mentres non coordinemos os aeroportos, mentres non apliquemos a intermodalidade, e mentres non acabemos coa estupidez e o localismo que son o cancro dos aeroportos galegos, non van medrar. O Sá Carneiro non ten que prexudicar os aeroportos galegos, non o necesita.

E por que conectar con Vigo e non con Madrid?

Primeiro, hai unha interrelación económica moi potente. Segundo, Galicia é a porta de entrada natural de Portugal en España, por afinidade, características, relación... E logo está que un tren que comunique a fachada marítima, é un tren que comunica a parte máis poboada de Portugal, dalle máis servizo.

Portugal non vai a deixar colgada a conexión con Madrid, o que están dicindo e que primeiro queren facer a conexión con España por Galicia., porque ten varias vantaxes.

Que vantaxes?

É a liña principal do país, e, ao ser transfronteiriza, dálle un financiamento suplementario. E despois permite coordinar toda a rexión do norte, que é a máis a industrial do país, con Galicia. Non hai que esquecer que Galicia ten algunhas das empresas máis importantes do mundo, como Inditex, e no norte de Portugal hai moita industria téxtil. Tamén Braga ten un dos máis importantes centros tecnolóxicos compartidos de nanotecnolóxias, e a USC ten algunha das mellores cabezas neste ámbito, por tanto un dos mellores equipos de investigación. Asemade, no norte de Portugal están algúns dos mellores laboratorios do país, e en Santiago esta o hub da Sionlla.

É dicir, non é a imaxe que ten a xente das feiras, o bacallau e as toallas. Estamos falando de economía, de desenvolvemento, de cooperación, algo que os portugueses teñen moi claro. Para eles, non como para a Xunta de Galicia, a cooperación non é facerse fotos.

Por que o di?

Eu son moi crítico coa Xunta de Galicia porque non está facendo absolutamente nada pola conexión máis alá de fotos e declaracións. Ás veces sospeito que á Xunta de Galicia non lle interesa que se faga a saída sur para poder seguir empregándoa como arma contra o goberno de Madrid cando non son da mesma cor. Porque a Xunta pasa de ser ‘a procesión dos caladiños’ a ser agora a ‘confraría do santo lamento’ Por que non levan isto ao discurso institucional entre a Comunidade autónoma eo goberno central, como fixo sen ir máis lonxe, Fraga Iribarne. Sendo el presidente da Xunta foi quen de entenderse con Felipe González, sendo o presidente do goberno, que sendo de ideoloxías antagónicas foron quen de entenderse e levar a construción das autovías ao debate institucional Comunidade- Goberno central, e as autovías son unha realidade.

Por que a xunta de Galicia non fai o mesmo co tren, en vez de dedicarse a facer continuamente declaracións, e chamadas e críticas... sempre que non gobernan os seus? Polo tanto, o problema aquí é do Goberno central, pero tamén do Goberno autonómico que prefire empregar isto como arma arroxadiza e non facer un diálogo institucional para poñelo en marcha.

Como se presenta esta Cimeira Ibérica?

O primeiro que temos que ter presente e que as cimeiras son postas en escena mediáticas. Obviamente, nunha cimeira non se aproba nada que non esté previamente consensuado. Pódese matizar algunha cuestión, pero basicamente, son para tratar cuestións previamente traballadas por diversos ministerios. Até o de agora, as cimeiras nunca aportaron nada relevante. Cando se desbloqueou o tren Celta, Vigo-Oporto, por exemplo, o tema xa estaba previamente aprobado e o único que se fixo foi a foto. Normalmente o que se fai nas cimeiras son declaracións de intencións, proxectos que se encargan pero que nunca se levan á operatividade...

Eu dunha cimeira, por definición, non espero nada, son unha posta en escena mediática.

E que temas se tratarán?

Aínda non coñezo a orden do día, pero supoño que tratarán, por necesidade e obriga, temas enerxéticos, os fondos europeos, e o lobby en Bruxelas, que é importante. Tamén se vai a aprobar unha estratexia transfronteiriza, que se encargou hai un ou dous anos. Despois, sobre o tema do tren, todo depende de se o Goberno español cambia de posición en función da xogada de Costa. Se secomprometen á licitación do Estudo informativo previo, si que, por primeira vez, haberá algo importante na cimeira, haberá que estar vixilantes para que o cumpran. E logo a outra gran cuestión na fronteira nin sequera vai á cimeira.

Cal é?

Que é imprescindible unha actualización do tratado de cooperación bilateral dos dous países. O actual ten máis de quince anos, e necesitamos un novo. Nós hai anos que vimos reclamando un novo tratado, e incluso fixemos un documento que aportamos ao Goberno español e ao portugués.

O portugués que viu a oportunidade de actualizado, e o español inicialmente non se opuxo e tivo unha reunión co secretario de estado de exteriores na época de Rajoy, pero algunhas das comunidades da fronteira si que se opuxeron. Non sabemos moi ben porque, non foron capaces de explicárnolo, pero iso provocou que en España o tema quedara sobre a mesa, e sobre a mesa segue.

Entón, non hai vistas a que se vaia resolver?

Non parece que nun ano, no que hai eleccións que afectan a dúas das catro rexións fronteirizas cunha situación política complexa, vaia a existir o consenso necesario para poder retomalo. Ademais, o líder da oposición provén dunha das comunidades en cuestión e tampouco amosa moita apertura ao tema,

Non sei se en canto se produza unha situación de normalización política e de estabilidade, poderá haber un diálogo institucional entre todas as partes para apoiar un novo tratado. Tamén é verdade que para España igual que a fachada atlántica non é prioritaria, o tratado con Portugal tampouco o é.

30 anos do Eixo Atlántico

Aló polo ano 1992, un 28 de setembro nacía o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, mediante o tratado constitutivo de Viana do Castelo, que confirgura o sistema urbano da Eurorrexión de Galicia-norte de Portugal, o primeiro transfronteirizo de toda a Unión Europea.


Nun primeiro momento, foron trece as cidades fundadoras, aínda que agora o Eixo Atlántico xa está conformado por un total de 37 cidades, tanto de España coma do Norte de Portugal.

Trátase dun organismo sin ánimo de lucro, adicado a apoiar todas aquelas iniciativas que fomentan a cooperación trasnfronteiriza. Ten desenvolto en múltiples ámbitos, como o deportivo, artístico, cultural... Pero, ante todo, o Eixo Atlántico pon o foco na necesidade de fomentar un sistema territorial equilibrado, un sistema urbano sostible e un goberno que permita mayor centralidade das cidades, baseado na cooperación da eurorrexión.

17 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.