Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo aboga por abordar o retorno e a migración de xeito planificado e ordenado

O presidente cre que se debe facer tanto a nivel europeo como estatal, para afrontar as consecuencias do avellentamento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo hoxe a necesidade de abordar o retorno e a migración planificada e ordenada a nivel europeo e estatal para afrontar as consecuencias do avellentamento. “Se cedemos terreo nese debate, outros o ocuparán con discursos que responden máis á emoción que á razón; ao ruído que á serenidade; ao populismo que á política ben exercida”, dixo.

Durante o debate Rexións e diáspora, no marco do Congreso de autoridades locais do Consello de Europa, Feijóo compartiu a aposta de Galicia polo retorno e a súa experiencia neste eido, referíndose á diáspora como “unha oportunidade” para difundir e protexer a nosa cultura, as nosas posibilidades turísticas ou de expansión empresarial, pero moi especialmente, como trampolín de retorno dos que un día marcharon e dos seus fillos e netos.

Nesta liña, destacou as iniciativas que está a desenvolver a Xunta encamiñadas a transformar os vínculos cos galegos do exterior en raíces e, si eles así o desexan, emprender unha vida na Comunidade: a creación dunha Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno que xa ten axudado a 6.500 familias; axudas económicas a 3.000 familias para facilitar a súa integración; “e incrementamos as axudas aos que queiran emprender, con contías que xa teñen beneficiado a máis de 500 proxectos, revertendo na economía galega oito veces máis que o apoio público”, engadiu.

O titular do Goberno galego referiuse tamén ao retorno como un instrumento fundamental na política galega fronte ao reto demográfico, recordando que Galicia gañou poboación por primeira vez grazas ao saldo migratorio positivo.

“Galicia, hoxe, diríxese aos seus fillos e fillas -sobre todo aos de segunda e terceira xeración- para invitalos a regresar”, abundou, resaltando tamén a Lei de Impulso Demográfico, que abre a senda a través da cal a Comunidade contará cunha educación infantil gratuíta para todos os nenos galegos.

No tocante á política de migración, Feijóo incidiu na necesidade de, a nivel estatal, dar algúns pasos importantes como: implantar unha reforma normativa que facilite unha integración plena, tanto a aqueles con nacionalidade como os que non a teñen; actualizar o sistema de homologación de títulos; axilizar o acceso á nacionalidade; recoñecer con máis rapidez permisos de residencia a cónxuxes, fillos e demais familiares sen nacionalidade dos retornados españois; e recoñecer o dereito a residir e traballar en España a mozos de alta cualificación que veñen a estudiar.

27 oct 2021 / 13:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.