Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feijóo defende o Foro de Santiago como exemplo de política útil

“Hoxe presentamos un documento con vocación de permanencia e que construímos oito presidentes que representamos máis do 60% do territorio do noso país” // Sobre os fondos Next Generation: “Que se transfiran o 50% e que cheguen á economía real, ás pequenas empresas”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou, este mediodía, o Foro Santiago. Camino de consenso como exemplo da política útil para consensuar o financiamento autonómico, priorizar a demografía e garantir que os fondos europeos Next Generation cheguen á economía real. “Hoxe presentamos un documento con vocación de permanencia e que construímos oito presidentes que representamos máis do 60% do territorio do noso país”, dixo, apelando ao papel da política útil que achega solucións.

Nesta liña, Feijóo incidiu na súa intervención en que esta xuntanza -na que participaron tamén os presidentes de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura e Castela e León-, lonxe de ser unha fronte contra ninguén é un punto de encontro para acordar e construír; ”algo que é bo para as comunidades, para o conxunto de España e para a política, porque se trata de sumar e non de enfrontar, de defender xuntos aquelo que nos une e de enfocar conxuntamente os problemas que son similares en todas as terras que compoñen España”, abundou.

Nesta liña, referiuse como un dos asuntos de gran calado estrutural para o futuro, á necesidade de que a cuestión demográfica sexa unha prioridade institucional, con medidas para promover o retorno daqueles españois que emigraron; ademais de favorecer o desenvolvemento sostible nas zonas rurais, “porque isto é garantir miles de empregos e a despensa do conxunto de España”.

No tocante a un sistema de financiamento consensuado, Feijóo demandou que se teña en conta o custo real dos servizos, como a sanidade ou a educación, e factores que os encarecen como a dispersión ou o avellentamento. “Reforzar o principio de suficiencia é, polo tanto, un dos principios básicos que inspiran a Lei orgánica de financiamento autonómico”, dixo.

Máis polo miúdo, no eido sanitario destacou a necesidade de valorar de xeito adecuado o impacto de cada grupo de idade, prestando especial atención aos maiores de 65 anos e aumentando a súa ponderación.

En terceiro lugar, sobre os fondos europeos Next Generation, o presidente da Xunta incidiu na importancia de que se cumpran os acordos da Conferencia de Presidentes: “Que se transfiran o 50% dos fondos e que cheguen á economía real, ás pequenas empresas, é dicir, ao conxunto do noso sistema produtivo”, explicou.

Feijóo concluíu reivindicando novamente este foro cuxo único obxectivo, dixo, é ser útil: “Porque demostra que os políticos podemos poñernos de acordo en temas importantes; porque hoxe oito comunidades distintas, con presidentes distintos, de tres partidos distintos, somos capaces de firmar un documento único; e porque as medidas non só benefician aos cidadáns destas comunidades senón ao conxunto dos españois”.

23 nov 2021 / 18:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.