Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo despídese cunha mensaxe de unidade e moderación, convencido de que o que foi posible en Galicia debe selo tamén en España

Compareceu Feijóo para dar unha mensaxe institucional no Pazo de Raxoi logo de presentar a súa renuncia como titular da Xunta no Parlamento ante o presidente da Cámara, Miguel Santalices. Infromou previamente ao Rei e ao Goberno de España. Presidiu un consello extraordinario da Xunta, que pasará desde agora a estar en funcións. Falou dun novo comezo e da súa condición de servidor público desde os comezos, hai 13 anos. Agora, dixo, o máis complexo é ter que poñerlle fin a esta etapa. Recalcou que por riva dos erros, polos cales pediu perdón, houbo sempre unha guía: os intereses desta Terra. A prioridade máis absoluta, afirmou, foron os galegos, insistindo en que, á hora de tomar decisións, “mirei o que creo mellor para os intereses de todos”.

Aludindo ás súas novas tarefas, apuntou que no conxunto de España debe ser posible o que o foi en Galicia, rexeitou a fragmentación e a vacuidade e apostou pola unidade e a moderación algo que, segundo el, Galicia comprendeu sen fisuras e sen complexos. “En efecto, a autonomía galega fai gala desta combinación: unidade e moderación. Non só se inscribe, senón que participa activamente nas realidades española e europea, e faino sen nutrir no seu seo a semente da división. As autonomías son Estado e Galicia así o comprendeu. Sen fisuras. Sen complexos.” Citou o referente do galeguismo integrador e a busca da estabilidade, e contextualizou o seu labor en medio dunha crise económica acrecentada pola guerra e tras loitar contra unha pandemia. A estabilidade, manifestou, fixo posible que o avance de Galicia non se detivera nunca, e defendeu unha vez máis a democracia que permite implicar a todo o tecido social na toma de decisións. Mostrou a súa convicción de que o galeguismo constitucional que herdou dos anteriores presidentes da Xunta será a guía de quen colla o relevo.

Rememorou Feijóo momentos duros e constatou a gran humanidade do pobo galego. A crise económica foi un reto maiúsculo e Galicia saiu adiante e reforzada. Outro desafío foi a pandemia, que puxo de manifesto un pobo solidario e o elevado nivel do sistema sanitario público. Díxose consciente de que cada avance conseguido é obra de toda Galicia. Aludiu á exitosa campaña de vacinación e deu algunhas pinceladas: o logro dunha rede de hospitais renovada, unha taxa de fracaso escolar reducida á metade, universidades accesibles, gratuidade de escolas infantís, novo modelo sanitario para os maiores, gratuidade do transporte interurbano para mozos e mozas, menos impostos para todos, Galicia líder en producción de vehículos, téxtil e potencia pesqueira. Unha Galicia preparada para encarar a recuperación postpandemia. Recordou con emoción ao falecido Valeriano Martínez, que fora conselleiro de Facenda, e deulles as grazas a todos os axentes sociais e políticos. Tamén, entre saloucos, recordou a súa familia, describindo o seu estado de ánimo entre a tristura e a satisfacción. Agora estará noutras tarefas a unha “inevitable distancia física, non anímica”.

Finalmente, aseverou que os liderados son exitosos se acaban cunha sociedade unida e non fracturada. Nese aspecto mostrose satisfeito. Afastouse de “nacionalismos intransixentes” e “centralismos doutros tempos”. “Non podo compartir que en España é imposible o que si foi posible en Galicia”. Pode e débese servir a España desde Galicia, afirmou. “Galicia é España”. Tamén dixo que se pode e debe servirse a Galicia desde España. Non hai que elixir entre dúas fidelidades antagónicas. Falando en castelán para referirse a esta cuestión, manifestou que “Galicia es una prueba de que la España de las autonomías: Lejos de generar problemas, puede ayudar a resolverlos. Lejos de disgregar, puede unir. Lejos de desvertebrar el Estado, ayuda a coserlo y a armonizarlo”.

Rematou co Camiño como referencia: “Como calquera peregrino, souben que non camiñaba só, senon acompañado de cada cidadan desta Terra”. “A eles me dirixo coa satisfacción do deber cumprido”. Servir á causa da súa liberdade e proeperidade foi unha honra, recoñeceu para logo indicar que seguirá sendo un galego máis para sempre. “Ser galego é un inmenso orgullo. Foi un orgullo servir a Galicia, ala onde estea. Galicia, Galicia, Galicia. Por sempre, Galicia.”

29 abr 2022 / 13:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito