Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Gonzalo Caballero Míguez, Secretario Xeral do PSdeG

“Feijóo non estivo á altura de entender na covid que o Goberno xestionou con acerto”

{ Ponteareas, 1975} Gonzalo Caballero, doutor en Economía e en Ciencias Políticas, é profesor de Economía Aplicada da UVigo, e dende 2017 secretario xeral do PSdeG. Co congreso galego a medio ano vista, séntese con folgos para tirar da organización para acadar nas municipais uns resultados como os históricos colleitados nas últimas. Sobre o ruído interno, avisa que ningún barón se atreverá a desafiar á militancia.

As eleccións empézanse a gañar no momento en que arranca a lexislatura. Case un ano despois das galegas, ve algún tipo de desgaste no presidente Alberto Núñez Feijóo?

Todo este ano transcorreu dunha forma distinta de calquer outro pola pandemia, pola terceira onda da covid, polos retos sanitarios. Estamos ante un tempo distinto, que implica novos escenarios e novos retos para conseguir reactivar a sociedade galega. En Galicia o sistema sanitario ten que ser fortalecido, nas residencias de maiores houbo eivas e debilidades, a estratexia de Feijóo de salvar o Nadal levounos a unha terceira onda a principios deste ano que foi a máis profunda e con efectos máis negativos. Tempo haberá de sacar todas as leccións diso.

E agora, que hai que facer?

Estamos no tempo de construír a reacción. E dende o PSdeG actuamos como alternativa fronte as políticas da dereita e coa responsabilidade de primar o benestar dos galegos. Os cálculos electoralistas hai que deixalos para outro momento.

Ve, xa que logo, erosión no PPdeG polas políticas aplicadas por Feijóo?

Feijóo cometeu erros evidentes cando no outono se opuxo ao estado de alarma. Outro erro foi cando abriu as restricións dicindo que había que salvar o Nadal e a Semana Santa e tamén errou cando negou que puidésemos estar vacinando á cidanía galega a principios deste ano. O éxito da vacinación e o éxito máis importante para as galegas e galegos e vén marcado polo liderado do Goberno de España, que prometeu que neste verán o 70% da cidadanía ía estar vacinada, e así vai ser. Feijóo en todos eses episodios non estivo á altura de entender que dende o Goberno de España se xestionou con acerto.

Cre que a oposición está conseguindo rendibilidade deses erros que atribúe ao Goberno galego?

Nós somos unha oposición firme e contundente fronte as políticas do PPdeG, que recorta no público e carece de estratexia para a reactivación de Galicia. Neste ano chegan os orzamentos da Xunta a máis de 1.200 millóns e hai nas súas contas 234 para pemes e autónomos que lle enviou o Goberno e Feijóo non distribuíu entre os sectores máis afectados da pandemia. O Goberno de España aplicou políticas de expansión anticíclicas moi diferentes ás do PP, o que permitiu facer fronte á crise con máis garantías ao conxunto do Estado e ás comunidades autónomas. A nosa é unha estratexia de cogobernanza dende a oposición e de responsabilidade dende os concellos e deputacións porque a prioridade son os galegos e galegas. Hoxe estamos traballando na recuperación para que ningún galego quede atrás. Tempo haberá para marcar a estratexia política e electoral.

As vindeiras eleccións serán as xerais e municipais.

Os socialistas estamos reforzándonos para encaralas coas capacidades de éxito de hai dous anos.

Coa vista posta nas galegas, con que hipótese traballa: será candidato Feijóo ou será Rueda?

Son secretario xeral e na miña etapa conseguimos acadar os mellores resultados da historia nunhas xerais, nas europeas e tamén nas municipais, gobernando en tres das catro deputacións, en cinco das sete ciudades e en máis de cen concellos. Aínda despois de mudar o panorama político coa pandemia, nas galegas pasamos dun 17% a un 19%. Evidentemente, non conseguimos mobilizar todo o electorado progresista porque a participación descendeu dunha forma histórica, pero o PSdeG está con forza, con proxecto, con capacidade e teño toda a ilusión e todo o compromiso de impulsar o progreso de Galicia. Para iso cando correspondan autonómicas o PP decidirá o seu candidato, pero nós hoxe estamos pensando en clave de reactivación e non electoral. Comigo como secretario xeral conseguimos os mellores resultados nunhas xerais e nunhas autonómicas e estarei coa mesma forza para levar ao partido a ese mesmo nivel dentro de dous anos.

O PSdeG está facendo os deberes cara a dentro, ilusionando a militancia e cara a fóra para mobilizar ese sectores que quedaron na casa nas últimas autonómicas?

Este momento é distinto a calquera outro. Temos que saber medir os tempos políticos e electorais sen confundir a unha cidadanía que o que nos pide é que agora nos centremos na acción fronte a crise económica e social. Esa é a miña principal actividade defendendo políticas de progreso que xeren emprego. O PSdeG está con forza, ten proxección de futuro e sabemos ademáis que BNG non sabe xestionar os seus éxitos porque son flor dun determinado momento que non pode perdurar porque na medida que o éxito do Bloque implica o éxito do PPdeG estaremos nunha liña na que non acadaremos os cambios de progreso que queremos. Agora hai que deixar frutificar o PSdeG. Conto cunha militancia á que non lle gustan os xogos de despacho, nin de clans, nin de baronías. Pídolle a todos os responsables do partido que dean o mellor de si mesmos fronte a maior crise, para que os cidadáns saiban que estamos envorcados no prioritario. Cando toquen os tempos do congreso e do debate farémolo adecuadamente.

Outros ámbitos do partido non poñen en dúbida que o prioritario é a loita contra a pandemia, pero ...

O único ámbito de partido é a militancia.

Pero, hai dirixentes que tratan de artellar unha alternativa.

Este é un partido da militancia. Sigo traballando a carón da militancia por unha Galicia de progreso, defendendo un proxecto federalista e galeguista, feminista, ecoloxista e claramente de esquerda. Esa é a mensaxe da militancia. Creo que ninguén estará cometendo o erro de tentar torpedear a mensaxe, o compromiso e a ilusión que a militancia trasladou nos procesos de primarias.

Eses sectores consideran que se funciona o eixo A Coruña-Lugo vostede vai ter problemas e ademáis significaría devolverlle a honra a Gómez Besteiro libre de cargas xudiciais.

Gañei unhas primarias hai catro anos contra todas as baronías. Gañeinas nas catro provincias e síntome plenamente acompañado pola militancia para seguir avanzado no proxecto de esquerdas, progresista e alternativo ao de Feijóo. Non vou entrar en ningunha especulación porque o meu deber como líder é impulsar un proxecto en Galicia, por Galicia e para Galicia. Todos os que queiran sumar terán un espazo na nova etapa. Pero, é o momento da unidade para enfrontar a crise.

Como ve a fortaleza de Pedro Sánchez a nivel estatal, tralas eleccións madrileñas e o debate dos indultos ós independentistas?

Fixo unha boa tarefa para pilotar unha crise de tanta envergadura, fronte unha oposición desleal que a cidadanía non merece. Cun goberno de dereitas e austericida estariamos desangrando a cidadanía e o tecido productivo. O balance é fondamento positivo.

Pode quedar empañada esa xestión polas eleccións madrileñas e polos indultos?

Quedan dous anos para as xerais e van existir distintas ondas do ciclo electoral moi volátil.

Non cre que está instalado un ambiente de cambio de ciclo?

Todo está moi aberto. Dependerá das accións dos partidos. Atérrame pensar que unha dereita irresponsable cunha ultradereita democraticamente perigosa poidan acceder ao Goberno. En relación aos indultos, sempre que fomos capaces de perdoarnos e reencontrarnos establecimos boa base para afrontar o futuro, como se fixo na Transición. Sorprende que os que tanto defenden a Transición non entendan que se hai escenarios para o reencontro que implican posibilidades de indultos o Goberno debe facelo por responsabilidade.

Na rebaixa ou desaparición das peaxes da AP-9 nalgún tramo ou na posta enriba de mesa do debate de cobrar nas autovías, o Goberno está xestionando ben a situación en Galicia?

Nas peaxes da AP-9 vaise dar unha rebaixa histórica nas vindeiras semanas superando unha etapa de precios abusivos durante décadas.

Vaise retrasar ou producir xa?

Espero que poida ser no mes de xullo. O importante é que sexa un acordo duradeiro que permita rebaixar as peaxes ate o final da concesión. Tamén quero salientar que despois de tantas mentiras do presidente da Xunta dicindo que as obras do AVE non finalizarían este ano, Feijóo debería rectificar porque se van rematar no tempo axeitado.

14 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito