Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Firme aposta da USC para renovar o cadro de persoal docente (PDI)

O Consello de Goberno tamén abordou na reunión de onte a lista de novas titulacións

Santiago. Renovación, estabilización e promoción son as claves sobre as que a USC traballa este ano de cara á planificación en materia de

Persoal Docente e Investigador (PDI) para o curso 2020-2021. As actuacións propostas enmárcanse no Plan Plurianual de Profesorado 2019-2022 e teñen o obxectivo de acometer a renovación do colectivo docente achegando propostas que redunden, ao mesmo tempo, no fortalecemento da estrutura deste persoal en base a figuras con estabilidade estrutural.

Nesta liña, o Consello de Goberno aprobou onte a proposta de actuacións en materia de PDI coa intención de fomentar a renovación do cadro de persoal da USC a través da creación de 45 prazas de profesorado axudante-doutor. O documento parte dos criterios establecidos no Plan de Profesorado 2019-2022 e pretende dar resposta

ás necesidades de persoal xeradas polas xubilacións a través da estabilización e creación de prazas. As medidas contidas no documento aspiran a “reducir o volume de profesorado non estrutural e de dotar as áreas de recursos estables que permitan a reposición de efectivos no medio prazo”.

OFERTA DE EMPREGO. Do mesmo xeito, o Consello deu luz verde á oferta pública de emprego para o persoal docente e investigador do ano 2020, a cal está integrada por 82 prazas de profesorado con vinculación permanente orientadas á estabilización e á promoción de profesorado.

En materia de PDI, o Consello tamén aprobou a modificación da relación de postos de traballo, a convocatoria de prazas de profesorado non permanente e os complementos de recoñecemento de mérito docente (quinquenios) correspondentes á convocatoria do pasado ano 2019.

TITULACIÓNS. As declaracións de intencións de propostas de títulos incluídos no proxecto Universidades sem Fronteiras (UNISF) foron tamén tratadas na reunión deste venres.

Neste senso, aprobouse a declaración correspondente ao Máster Desafíos das Cidades Atlánticas proposta pola Facultade de Xeografía e Historia e no que tomarían parte o resto de universidades galegas, así como as do norte de Portugal. O obxectivo xeral do curso é a formación avanzada de profesionais no campo de cidades sostibles, intelixentes, eficientes, resistentes e inclusivas, que impliquen accións de mobilidade para estudantes e profesores entre o norte de Portugal e Galicia. O consello tratou ademais a memoria correspondente á participación da USC nun programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento impulsado dende a Universidade do Porto (Portugal) e a proposta de reverificación do Programa de Doutoramento en Ciencias da Visión.

O Consello, no mesmo apartado, tamén deu onte a súa aprobación ás propostas de renovación dos mestrados propios en Seguridade, Paz e Conflitos internacionais e en Tratamento e Protección de datos e derivados; así como ás propostas dos novos mestrados propios en Terapia Cardiovascular Avanzada, Historia Militar e tamén o de Metodoloxía de Investigación Clínica Aplicada e Derivados. ECG

22 may 2020 / 20:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito