Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

demográfico en contratos públicos

O obxectivo é fixar a poboación no rural e frear o abandono para loitar contra os lumes

Zamora. A “implantación de “cláusulas demográficas para contribuír a xerar actividade no rural, fixando así poboación e loitando contra os lumes” é a proposta que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, expuso onte no Foro Next Educatión en Zamora.

Organizado por por Next Educación coa colaboración da European Climate Foundation, o foro versou arredor das causas e consecuencias dos incendios, tanto en Galicia coma en Castela-León, que o líder dos socialistas achacou ao abandono do rural.

Neste senso, propuxo por unha banda, “que a Xunta de Galicia aposte pola cláusula demográfica nas licitacións autonómicas, dando prioridade ás empresas que se implanten no ámbito rural” e, pola outra, “que se bonifique a aquelas que xeren actividade e postos de emprego, detendo así o despoboamento que se está a producir”.

“Con case 200.000 hectáreas queimadas este verán en todo o país, das que a metade foron no noroeste peninsular, e con preto de 50.000 hectáreas queimadas en Galicia, merece a pena facer unha reflexión profunda de por que ocorre isto, e ocorre porque hai un abandono do rural clarísimo, que non se afronta por parte da Xunta de Galicia desde hai anos”, afirmou.

Ordenación do territorio. “Somos unha das comunidades con maior superficie forestal de España e, aínda así, estamos á cola en superficie forestal protexida, estando só o 15% catalogada como Red Natura ou Espazo Natural Protexido, 26 puntos por debaixo da media española que está no 41%”, aseverou, así coma que “só o 12% da superficie forestal de Galicia está ordenada”.

Deste xeito, asegurou que é necesaria unha “revolución da estrutura territorial do país, atacando o minifundio, ampliando a superficie territorial, e facendo habitable e rendible a contorna rural”. “Galicia arde porque se baleirou o rural debido ao minifundio”, sentenciou.

Plantexou, de igual modo, a posibilidade de ofrecer “incentivos fiscais de exención, bonificación ou mellora en certos tributos que se pagan a nivel estatal como pode ser o imposto de sociedades para que as empresas se asenten no rural”.

Servizos no rural. Sobre a ausencia de servizos no rural, falou de “defender os dereitos dos territorios fomentando que aqueles servizos que se poidan prestar desde o rural non teñan porque ser desde o ámbito urbano”, e tamén fixo referencia á importancia de que “a lexislación que se aprobe nos territorios urbanos sexa respectuosa coa idiosincrasia dos territorios”. “Por exemplo, non pode ser que a Lei do Solo de Galicia fose deseñada nun estudio na Castellana en Madrid, porque non funcionou e fixo pobres a 2.300.000 galegos e galegas nun só día”, lamentou.

“Deamos confianza á xente do rural, non impoñamos leis que non teñan sentido”, reclamou Formoso, ao tempo que recriminou “esa capacidade de restrinxir a liberdade no rural, de impoñer a súa forma de vida desde o urbano, esa mentalidade de que todo o que significa rural estropea o medio ambiente”. E.N.

19 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito