Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Formoso propón estudar cláusulas que axuden a fixar poboación no rural

Suxire analizar a súa introdución na contratación pública // Pon como exemplo as sociais que se aplicaron hai anos

“Unha maior implicación de todas as administracións públicas para afrontar os problemas derivados do reto demográfico” foi demandada este xoves polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen propuxo que se estude introducir “cláusulas de reto demográfico” nos pregos de contratación pública. Estas, explicou, poderían ser similares “ás cláusulas sociais introducidas hai uns anos nos contratos públicos de obras e, sobre todo, de servizos, que permitiron grandes avances no relativo a dereitos laborais ou de xénero”.

Deste modo, Formoso manifestou que aínda que por primeira vez “o reto demográfico está no foco do Goberno, é necesario abordar o problema desde unha perspectiva máis transversal” e suxeriu que, ao fío das melloras na conectividade, a extensión da banda ancha e o 5G dos últimos anos, sería interesante discutir o encaixe legal de “incorporar cláusulas nas contratacións públicas que permitan prestar servizos desde zonas alonxadas dos cascos urbanos e das áreas metropolitanas”, que axudarían a crear emprego e actividade económica e a fixar poboación no eido rural.

“Galicia tiña nos anos 60 a mesma poboación de Irlanda, hoxe Irlanda ten 5 millóns de habitantes, case o dobre que Galicia. Algo se fixo mal ou algo se deixou de facer para que esto ocurra, pese a que temos un enorme potencial en moitos aspectos, como que estamos no centro das dúas principais rutas marítimas do mundo”, sostivo ademais o presidente da Deputación herculina.

Neste senso, González lanzou esta proposta no curso da UMIP “Retos demográficos e políticas públicas para España despoaba”, que inaugurou no Pazo de Mariñán (Bergondo) este xoves, xunto á alcaldesa do municipio, Alejandra Pérez Máquez, e á directora da UIMP-Galicia, Obdulia Taboadela.

Ao repecto, Taboadela remarcou que un dos directores do curso, o profesor Francisco Ramos Antón, “xa publicou algunha reflexión, desde o punto de vista sociolóxico e legal, sobre a necesidade de incluir estas cláusulas demográficas na lexislación”, apuntando que se trata “dunha das posibilidades máis innovadoras para loitar contra a despoboación do rural”.

O Pazo de Mariñán acollerá conferencias, coloquios e mesas redondas dende este xoves 16 e ata este sábado 18. No encontro daranse cita representantes de diferentes administracións, institucións e empresas, así como profesores e catedráticos de toda España, que abren un lugar de reflexión sobre os retos demográficos aos que se enfronta Galicia e España desde a visión científica, sociolóxica, medioambiental, institucional ou laboral e con perspectiva de xénero.

As xornadas comezaron este xoves cunha mesa redonda na que participou González Formoso xunto á presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), Teresa López, e á alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, sobre “Políticas de cohesión e desequilibrios territoriales en España. La voz del mundo local”.

A programación deste xoves continuou coa participación da catedrática de Historia da Economía de Santiago de Compostela, María Xosé Rodríguez Galdo, coa conferencia e coloquio sobre as “Recomendacións para unha estratexia normativa fronte aos retos demográficos” e coa profesora de Xeografía da Universidade de Valladolid, Milagros Alario Trigueros, co relatorio “A estratexia Leader e a súa contribución á sostibilidade dos espazos rurais”.

O punto final á sesión inaugural púxoo a mesa redonda “Tecnoloxía e creatividade fronte aos retos da España despoboada. A voz das empresas” da man da subdirectora de Relacións Internacionais e Sostibilidade de Correos, Elena Fernández, a directora de Relacións Institucionais e Sostibilidade de Greenalia, Beatriz Mato, e o presidente de Tragsa, Jesús Casas Grande.

16 sep 2021 / 17:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.