Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fundación Galicia Europa, a unión entre ambas partes

Trata os asuntos que relacionan a comunidade galega coa Unión Europea e dalle voz ás iniciativas e problemas levados ante ás institucións que se atopan en territorio belga

A Fundación Galicia Europa (FGE) nace en 1988 coa misión de promover o achegamento entre Galicia e Europa, mantendo unha oficina galega en Bruxelas. Vinculada á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas. En 2018, a estratexia de acción exterior de Galicia aprobada pola Xunta menciona expresamente á FGE como a oficina galega de interlocución coas institucións e axentes europeos.

O labor da Fundación xira en torno a dous grandes obxectivos, unha mellor comunicación da actividade comunitaria en Galicia e a defensa das posicións galegas no contexto europeo. Para conseguilo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, di que “a Fundación traballa en catro ámbitos, que son a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a información sobre a UE en Galicia e a formación e sensibilización sobre Europa en Galicia”.

Por outra banda, a Fundación conta cun apartado, Euroxuventude, “onde se explican todos os proxectos que saen da Unión Europea que teñen que ver coa xuventude, para que estes poidan incorporarse a ditos proxectos”, tamén hobo outros proxectos relacionados coas dinámicas trasfronteirizas, co Norte de Portugal, onde a Fundación Galicia Europa estaba incluída, pero a principal actuación é “poñer en relación os proxectos de xuventude que se impulsen dende a Unión Europea coa xuventude galega”. Ademáis diso, “facemos unha guía de saídas profesionais, para a mocidade, no ámbito da UE e no ámbito de todas as organizacións internacionais porque sabemos a demanda que hai de estudos ou traballo no exterior”.

O papel de Galicia en Europa amósase como “algo moi dinámico, porque temos unha oficina de representación en Bruxelas, e mantemos un contacto diario directo coas institucións europeas, fundamentalmente coas diferentes direccións xerais da Comisión Europea”.

Asemade, o Brexit, trouxo consigo moita intertidume, e “para nós agora que o resultado xa está o principal problema é o asunto da pesca. Porque Europa e o Reino Unido, fixeron un acordo para salvar os aranceis dos productos, polo que o tema comercio non é unha cuestión con elevada importancia, pero a Galicia aféctalle o acordo en materia de pesca, xa que a reducción da presenza de buques europeos en augas británicas, que se vai consumar e seis anos é grave debido a que tiñamos uns dereitos históricos de capacidade pesqueira no Gran Sol importantes, e agora van ter que ser limitados, e vai estar dependendo das negociacións que se fagan entre a UE e o Reino Unido, ás que Galicia pide incorporarse por ser unha das rexións europeas máis afectadas por este acordo”. Respecto á web do Foro Galego do Brexit, manterase un ano máis para poder informar das consecuencias da saída económica de Reino Unido da UE.

Así como a Covid tivo un impacto en todas ás actividades, na Fundación tamén, “primeiro, porque tivemos que axustar moito a nosa capacidade dixital, tivemos que mudar a web, houbo que axustar moito o traballo, que cambiou de formato presencial a videoconferencia, e despois pola propia necesidade de informar á Xunta de Galicia e a sociedade galega en xeral de todas as novidades que se producían en Europa, dende o principio ata agora, como por exemplo o plan de Recuperación para Europa, acordado en xullo de 2020 polos líderes europeos”, o chamado NextGenerationEU; en total, 1,8 billóns de euros.

A FGE, ademais, seguirá traballando coa Xunta de Galicia para participar nas iniciativas europeas que xurdan do Pacto Verde Europeo (como o futuro Pacto Europeo sobre o Clima). Como unha das primeiras rexións europeas que xa contan cunha estratexia para alcanzar a neutralidade climática en 2050, a FGE tratará de que Galicia contribúa ao debate europeo coa súa experiencia en produción e consumo de enerxías renovables, en promoción da economía circular ou na implicación dos entes locais na loita contra o cambio climático no marco do Pacto de Alcaldes.

03 mar 2021 / 20:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.