Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 20 mayo 2022
12:47
h

Galicia baixou un 60% a sinistralidade nos puntos negros da rede viaria

O Goberno autonómico investiu 14 millóns para eliminar os treitos onde se dan máis accidentes

Santiago. O Consello da Xunta avaliou este xoves un informe de balance de resultados da Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade autonómica que acredita que as medidas adoptadas contribuíron a reducir en case un 60 % a sinistralidade nos ‘puntos negros’ da rede viaria da nosa comunidade.

A Administración autonómica leva mobilizados xa 14 millóns de euros no desenvolvemento desta estratexia e o investimento final de todas as actuacións, incluídas as que restan por licitar, calcúlase en 16,8 millóns de euros. O investimento mobilizado ata o agora acada xa o 111 % do estimado inicialmente para o desenvolvemento desta iniciativa, que reforza a seguridade.

A estratexia materializouse a través de 35 actuacións, das cales 28 están executadas ou, cando menos, coas obras licitadas, é dicir, un 80 %. Neste sentido, as intervencións activadas, as xa executadas ou licitadas recollen a reforma de 114 interseccións en estradas autonómicas, incluída a execución de 23 novas rotondas e o acondicionamento de 135 pasos de peóns para a mellor accesibilidade das persoas.

As accións máis complexas necesitaron da redacción de proxectos construtivos, o seu sometemento a procesos de información pública, a expropiación dos terreos, o recuamento das redes de servizos, como de electricidade ou telecomunicacións, e a licitación e execución das obras.

“Trátase, en todos os casos, de proxectos moi laboriosos que exixiron un importante esforzo de concertación e de explicación para que os usuarios comprendesen o beneficio das intervencións proxectadas, aínda que estas puidesen supor incomodidades, fundamentalmente, durante a execución dos traballos”, explica a Xunta nun comunicado. Estes casos máis complexos foron 19: en 14 as obras están rematadas, en execución ou licitadas e 5 están tramitándose para a súa execución.

INFORME QUE DA CONTA DA SÚA “EFICACIA”. O informe coñecido onte polo Consello da Xunta dá conta da eficacia da estratexia aprobada polo Executivo autonómico en outubro de 2017 para actuar nos 52 treitos de concentración de accidentes que foron identificados no ano 2016, no marco do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020.

Así pois, o desenvolvemento desta estratexia permitiu desde 2016 que a lonxitude dos treitos de concentración de accidentes descendese significativamente, agora ocupa 46,6 quilómetros, que supoñen un 0,84 por cento do total da lonxitude da rede autonómica de estradas, fronte ao 1,61 % que supoñían no 2016.

En canto á incidencia das actuacións recollidas na Estratexia de diminución da accidentalidade, destaca no ano 2021 o descenso do 58,75 % do número de accidentes con vítimas nos TCA identificados no 2016, con respecto precisamente a ese mesmo exercicio: é dicir, tras un lustro.

Principio de Visión Cero: o Plan de seguridade viaria 2022-2025. A Xunta está a tramitar actualmente un novo Plan de seguridade viaria 2022-2025 que ten como obxectivo acadar a redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nas estradas galegas. O novo Plan de seguridade viaria, baixo o principio de Visión Cero, busca aproximarse ás cero vítimas de accidentes de tráfico. redacción

21 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.