Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia busca que retornen os seus fillos na diáspora a base de postos de traballo

A Xunta pretende facilitar o regreso á súa terra de 30.000 persoas // Con un cento de propostas, destaca o impulso ó emprendemento, a formación e o emprego con 175 millóns en catro anos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, abordaron este luns no seo do Diálogo Social a Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026), continuando coa execución da iniciativa que comezou a semana pasada e coa que, con 450 millóns de orzamento para os vindeiros catro anos, se estima facilitar o regreso á súa terra de 30.000 galegos do exterior.

A nova planificación, que duplica as medidas, cun cento de accións, e o orzamento da Estratexia anterior, pon o foco de xeito relevante no eido laboral, ao que se destinarán 175 millóns de euros ata 2026 para impulsar o emprendemento, a formación e o emprego dos galegos do exterior.

O eido do emprego é o que aglutina unha maior cantidade de medidas (37) para o impulso do emprendemento, a formación e o emprego dos galegos do exterior, entre as que Lorenzana expuxo á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos que participan no Diálogo Social o programa Retorna Emprego que aposta pola colaboración público-privada.

As empresas que se adhiran á iniciativa, que está a deseñar a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, terán a obriga de comunicar as súas vacantes ao Servizo de Emprego de Galicia, para que primeiro se poida traballar na casación destas ofertas coas persoas demandantes de emprego en Galicia.

No caso de que non se atope demanda entre os galegos que están a buscar un emprego de xeito activo, a Xunta facilitará entón neses sectores ou actividades económicas a formación e orientación ós galegos que desexen retornar á súa terra cun posto de traballo. Unha vez que a persoa estea cualificada co financiamento da Xunta, as compañías que participen do programa autonómico deberán asinar un contrato indefinido con elas de alomenos doce meses de duración. A Administración autonómica fará, ademais, un seguimento de orientación durante seis meses.

EMPREGO ESTABLE. Os programas de emprego que se inclúen nesta Estratexia apostan en xeral por facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas de nacionalidade española e orixe galego, favorecendo o emprego estable e facilitando o incremento das oportunidades laborais; accións formativas para a adquisición de competencias e capacidades; e unha actuación para impulsar a creación de empresas cunha fase de pre-aceleración de acompañamento e titorización dos proxectos e unha de aceleración para os plans de negocio máis viables.

A Estratexia, ademais, centrarase en medidas sociais, de educación e de asesoramento, seguimento, coordinación e control entre as que se inclúen o apoio integral ás familias no retorno; facilitando o acceso á vivenda a través da incorporación da figura dos retornados ás liñas de axuda para alugueiro, rehabilitación e compra; promovendo a continuidade educativa dos retornados e dos seus familiares; e favorecendo a participación nos programas de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude retornada.

VANTAXE COMPETITIVA. Galicia Retorna 2023-26, que se aprobou o pasado 15 de decembro no Consello da Xunta, dá continuidade ao primeiro Plan integral de fomento e apoio ao retorno. A nova planificación parte da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade e ás empresas galegas persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, favorecendo a atración e a retención do talento como unha oportunidade para superar o complexo reto demográfico que ten por diante a nosa comunidade.

Trátase dun documento reitor das liñas de actuación para os cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e os seus descendentes, e que viven principalmente en Latinoamérica e en países como Suiza, Alemaña, Francia e Reino Unido. O principal obxectivo desta inicaitiva da Xunta é, en resumo, facer de Galicia a mellor opción para viviren para as galegas e galegos residentes no exterior.

27 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito