Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia multiplica por dez as plantacións de piñeiro desde o 2018

Os viveiros pasaron de producir 524.000 coníferas anuais a unha media de 5,1 millóns

A aposta de todo o sector forestal para potenciar o piñeiro en Galicia deu xa os primeiros froitos: as plantacións anuais de coníferas multiplicáronse por dez desde o 2018. Ese foi o ano no que toda a cadea forestal da comunidade se uniu para recuperar esta especie, primeiro coa sinatura por medio cento de entidades e empresas dun convenio de colaboración no outono do 2018, e xa a mediados do 2019 coa constitución oficial da Fundación Arume.

Esta aposta plasmouse na folla de ruta marcada por Arume e os seus catro pilares: mellora xenética, silvicultura e restauración de montes, marca e mercado, e formación. Os resultados foron presentados en rolda de prensa en Santiago por Francisco Dans, vicepresidente da Fundación; Isabel García, presidenta de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga); e Jacobo Feijoo, secretario xeral de Asefoga.

Un primeiro termómetro do impacto da estratexia vese nas plantacións de piñeiros en monte. No 2016 e no 2017, os viveiros galegos produciron menos de medio millón de plantas de piñeiro ó ano, cifra que se elevou lixeiramente no 2018 ata 524.000. Pero foi no 2019, ano en que nace Arume, cando a cifra de plantas anuais aumentou ata 4,6 millóns, en tanto no 2020 chegouse ós 5,7 millóns de plantas. Así, no trienio 2019-2021, cunha media de 5,1 millóns de plantas anuais, prácticamente de multiplica por 10 as cifras do 2018. A produción de planta nos viveiros galegos permite a plantación anual de arredor de 4.000 hectáreas de coníferas, ás que hai que sumar a superficie de piñeirais cortados que se rexeneran de xeito natural.

Outra cuestión a considerar é a categoría da planta comercializada. Nestes últimos anos, hai un incremento na utilización de planta de categorías xenéticas superiores, unha tendencia na que cómpre seguir avanzando.

Neste senso, a Fundación Arume ten aberta unha liña de traballo, mediante convenio coa Consellería de Medio Rural, para avanzar na mellora xenética dos piñeiros, de xeito que se lle ofrezan ós propietarios plantas con maiores crecementos, mellor calidade e maior resistencia a enfermidades.

Bioeconomía

Cando se iniciou a aposta estratéxica do sector forestal polo piñeiro, no 2018, facíase en base a uns pronósticos sobre a demanda futura que tería a madeira nunha época marcada pola bioeconomía, na que a madeira, en especial a de coníferas, se presenta como a materia prima estrela para reducir a pegada de carbono, tanto en novos usos, caso por exemplo da madeira estrutural para construción, como en usos tradicionais (carpintería, embalaxes, mobles, etc.).

Eses pronósticos sobre a demanda futura comezaron xa a facerse realidade no 2021, ano no que a alta demanda internacional de coníferas disparou o prezo da madeira de piñeiro para serra entre un 40 e un 50% en monte. Coa liña de traballo emprendida pola Fundación Arume, pódese concluír que Galicia está hoxe em día maís preparada para sacar réditos sociais, ambientais e económicos a esta tendencia do mercado, que se continuará a consolidar nos próximos anos.

06 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.