Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
rural. Plantar eucalipto sae barato e, en caso de incendio, os custes os asumen os galegos vía orzamentos TEXTO Ángela Precedo

Tres de cada catro terreos carecen de xestión forestal

Os expertos sosteñen que de non ter sido pola plantación masiva de eucaliptos, as terras galegas poderían producir alimentos suficientes para facer fronte á suba de prezos

O aceite, o pan, os tomates, as patacas... Alimentos básicos para a alimentación humana duplicaron e, no caso do aceite, ate cuatriplicaron o seu prezo nos últimos meses. A inflación non perdoa e, agravada polas consecuencias da guerra de Ucraína e por unha pandemia da que aínda España non está recuperada, fai que a cesta da compra cada vez vaia a menos e os cidadáns renuncien a certos alimentos para adquirir outros.

Isto é algo que ocorre en todo o país, mais, en Galicia, unha comunidade verde mírese por onde se mire, con amplas fincas e cunha gran superficie agraria e forestal, chama a atención que teñamos que pagar os cartos que se piden agora por produtos que perfectamente poderían cultivarse na nosa terra. Como é isto? Pois a realidade é que o dano nolo fixemos nós mesmos e tamén as políticas do Goberno que durante anos desincentivaron o cultivo.

En concreto, nos 2000 incentivábase a plantación de especies como o eucalipto para poder darlle unha utilidade ás fincas que non servían para outro tipo de plantacións. A cousa é que perante o ‘carameliño’ foron moitos os agricultores que viron máis rendible (aínda que equivocadamente) a plantación destas árbores que seguir producindo hortalizas ou froitos. E, a curto prazo, si viron beneficios económicos, mais, ao longo, poderían ter conseguido máis cos cultivos autóctonos.

Sexa como for, o gran problema parte de que, adicando a superficie ao cultivo de eucaliptos, perdeuse todo o demáis, todas aquelas plantacións que servirían, nestos momentos de crise, para o autoconsumo e para facer fronte como ‘illa alimentaria’ á inflación de prezos do resto de España. Nunca un territorio tan apto estivo tan desaproveitado.

Aproveitando a análise que fai o economista e experto na materia Marcelino Fernández no artigo ‘Eucaliptos, falacias e economía de proximidade’, publicado esta semana na revista Cerna, editada por Adega, repasamos cada unha das categorías de cultivo que Galicia perdeu. Comezando por destacar que, a día de hoxe, a superficie de terra cultivada sobre a total únicamente é do 3,9 %, fronte ao 25,5 % (a cuarta parte) que lle adica de media España. Só en tubérculos e hortas familiares a comunidade galega sae gañando.

Os cereais gran, cun precio agora dispado pola loita no ‘graneiro de Europa’, como se lle denomina a Ucraína, é algo que en Galicia apenas se cultiva: só o 1,09 % da superficie agraria se adica a iso. España multiplica por dez esa porcentaxe, ata o 11,98 %. E, por ir máis a exemplos concretos, o experto asegura que a superficie adicada ao trigo é do 4 % en España, mentras que é de só o 0,5 % en Galicia. E as cifras son semellantes na cebada, no centeo ou na avea. No millo redúcese algo a diferenza.

É porque non hai boas condicións para elo? O certo é que non. Fernández Mallo afirma que trigo, millo, avea ou centeo poderían multiplicar as veces que quixesen a súa producción sen máis que dispór de terras para elo, sen necesidade de facer nada nin de rego. De maneira que Galicia podería ser autosuficiente en cereal e non depender das importacións de Castela e León, Andalucía ou Aragón. Para a cebada, por contra, si habería que correxir a acidez do solo.

No que respecta ás leguminosas, quitando algún exemplo aillado, Galicia non produce nada. E podería, segundo Fernández Mallo, producir en boas condicións xudías, fabas, fabóns, chícharos, colza e incluso a solla, en zonas de interior e con rego.

Nunha situación non moito mellor están as hortalizas, algo que aínda para moitos se vincula indivisiblemente ao campo galego. E a verdade é que só o 0,09 % da superficie agraria galega se adica a elas, fronte ao 0,46 % da de España (multiplicando por cinco o valor de Galicia). Máis pormenorizadamente, só se cultiva grelo, col e acelga en cantidades por riba do que correspondería en equivalente á producción española.

Cando tamén poderían cultivarse moi ben tomates, pementos, cebolas, leituga, porro, calabacín ou cenoura, das que se produce moi pouco. E cogombro, brócoli, allo, berenxena, alcachofa, cabaza, espinaca, remolacha ou espárrago, das que non se produce apenas nada. Todas esas verduras que comemos chegan agora de Castela e León, Navarra, Murcia e Andalucía.

No apartado de froitas e froitos secos, o kiwi é a única excepción que marca o camiño do que é posible lograr no futuro. Galicia podería aumentar a producción de cultivos nos que ten unha presenza relevante, como é o caso das maceiras, figueiras, castiñeiros e nogais, e pode, especialmente, incrementar de forma notoria a plantación de pereiras, cerdeiras, ciroleiras, limoeiros, pexegueiros, abeleiras e amendoeiros, amén de explotar tamén amorodos e os chamados froitos vermellos con altas posibilidades de éxito. E outras especies como aguacates ou pistachos poderían darse en zonas interiores.

Sobre o viñedo, pese ás fortalezas das denominacións de orixe galegas, o certo é que Galicia non produce tanto como o conxunto de España: un 0,85 % fronte a un 1,91 %. Aínda así, o sector do viño galego presenta unha boa evolución nos últimos anos, sobre todo co desenvolvemento das Denominacións de Orixe, e co traballo de I+D que levan a cabo as cooperativas e empresas do sector para poder competir no mercado, non só na variante branca, senón na tinta.

“O problema non é tanto se estamos plantando moito ou pouco eucalipto. O problema é: que estamos a facer coa terra?”, plantexa María do Mar Pérez, experta en Política Agraria na USC. Indica que a consulta da Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas permite ver como de 2003 a 2016 perdemos un pouco máis de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil, mentres que, ao longo destes anos, a superficie forestal arborizada tense incrementado de xeito sostido. Dacordo cos datos de Medio Rural, en 2019 o forestal arborizado ocupaba 1.385.000 hectáreas.

Deste xeito, a pregunta pertinente é: que parte desta superficie se corresponde en realidade cunha producción forestal profesional? Tal e como apunta a profesora Pérez, “os datos non deixan lugar a dúbidas”, pois “só 305.000 hectáreas dispoñen dun instrumento de ordenación e de xestión forestal”. É dicir, “o 78 % da superficie forestada en Galiza carece desa ferramenta de xestión básica”.

E isto, segundo a experta, “é un problema económico, pero tamén de seguridade cidadá (na medida en que eleva o risco de incendios) e ambiental”. Sendo así, como é que os agricultores seguen apostando pola plantación de eucalipto? Será que resulta máis rendible? “Non”, asegura claramente a EL CORREO a profesora Pérez, que explica que “comparando a rendibilidade do uso agrario co forestal atoparémonos con que é menor neste último caso”.

Entón, que acontece? “A resposta está nos datos anteriores”, afirma, xa que, “na realidade, unha parte maioritaria desas masas forestais, moitas delas de eucaliptos (e noutros casos tamén doutras frondosas autóctonas) son en realidade unha forma encuberta de abandono”. “Non estamos a falar de plantacións profesionais: carecen de plans de ordenación forestal e de xestión”, indica, engadindo que “os propietarios non só asumen un custo de plantación moi baixo (nalgúns casos inexistente), senon que tampouco incurren en custes derivados da xestión forestal”.

A experta en política agraria da USC asegura ademais que, “no caso de que se produza un incendio, tampouco os propietarios teñen que facer fronte aos custes de extinción: estes os asumimos todos os galegos vía orzamentos”. Ademais, segundo precisa, “é importante lembrar que, en moitos casos, os propietarios nen sequera viven na zona: somos unha sociedade que reside maioritariamente en contextos urbanos, aproximadamente 2,7 millóns de galegos e case 1,7 millóns de propietarios de fincas rústicas!”. Case nada! Con esta estrutura de propiedade e en ausencia dunha auténtica política de ordenación territorial “as ineficiencias económicas e ambientais no uso da terra están servidas”, conclúe.

RECUPERAR OS USOS TRADICIONAIS. A experta fai fincapé na necesidade de recuperar os usos tradicionais da terra . E é que “a imaxe que todos temos na cabeza de Galiza como un territorio maioritariamente arborado non resposta en absoluto aos nosos usos tradicionais”, afirma Pérez, que recorda que, “antes de que se producira a modernización agraria e os fortes fluxos migratorios dos 60, a paisaxe galega non era forestal, senón agraria”. De feito, o que predominaban eran os usos agrarios do terreo dentro dunha lóxica que o xeógrafo Abel Bouhier definiu como un sistema de policultivo, gandeiría e monte (non entendido como uso madereiro, senón como un complemento imprescindible para o sostemento da produción agraria).

Os espazos de monte empregábanse de xeito maioritario para a produción de toxo (fundamentalmente para manter a fertilidade das terras de labor) e para obter unha colleita adicional de cereais (centeo, maioritariamente) a través das estivadas, entre outros usos. Obviamente o monte tamén producía madeira, puntualiza, mais a este uso adicábase unha parte minoritaria. E claro, en calqueira caso, non eran eucaliptos, senón frondosas autóctonas ou piñeiros.

Mais para a experta, a cuestión da terra vai máis aló de substituír especies forestais alóctonas por autóctonas, “é bastante máis complexo”. “O que temos que decidir como país é a que queremos adicar o territorio, solventando un problema pendente dende hai décadas: a ordenación de usos”, plantexa, xa que “tan irracional dende un punto de vista económico é forestar terra agraria como roturar terra de aptitude forestal”.

E, indo á práctica, o primeiro que debe ter claro un agricultor que desexe sacarlle rendemento ao seu terreo é que “necesitamos desintensificar a produción gandeira, porque somos moi dependentes da importación de insumos (especialmente alimentos para o gando) e isto fainos especialmente vulnerables nunha coxuntura como a actual, na que os gandeiros terán que asumir subas dos prezos”.

Así, lembra que apenas destinamos o 25 % do territorio a usos agrarios, e “non podemos permitirnos seguir perdendo terra agraria”. A partir de aí, habería que avanzar para ter produtores silvícolas profesionais. “A cuestión non é elixir unha ou dúas especies forestais, senón que a superficie destinada á produción de madeira estea xestionada de xeito profesional e con especies adaptadas ás características de cada zona”, sentenza.

eucalipto: 12 anos ate a corta

··· O eucalipto ocupa en torno ao 20 % da superficie de Galicia, o que supón 550.000 hectáreas. Os defensores da especie din que resulta moi rentable polo seu rápido crecemento e a súa rentabilidade, mais aínda que sí que medra máis rápido que outras especies madereiras, o seu prezo por metro cúbico tende a ser inferior. Ademáis, a primeira corta dun eucalipto soe ter lugar aos doce anos, mentras que ás árbores frutais comezan a producir moito antes. Unha maceira comeza a dar froito aos tres; unha oliveira tamén aos tres; catro anos tarda un limoeiro ou unha pereira; cerdeiras e nogueiras, ao redor de seis; e os castiñeiros, que serían os que máis tardasen, faríano aos sete.

27 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito