Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia rexistrou na madrugada de onte ventos de 110 km/h

O litoral continúa en alerta laranxa por ondas de ata sete metros // Mañá entra unha nova fronte

O paso na madrugada do domingo dunha nova fonte asociada a unha borrasca centrada no norte de Irlanda deixou en Galicia refachos de vento superiores aos 110 quilómetros por hora e choivas acumuladas de case 60 litros por metro cadrado, sobre todo no sur da comunidade.

Se ben a situación foi mellor que a xornada do sábado, na que o vento chegou a acadar os 145 quilómetros por hora en Viveiro e a acumulación de precipiacións pasou dos 90 litros por metro cadrado en Rois, o día de onte tamén estivo marcado por un forte temporal que mantén a toda a costa en alerta laranxa.

O municipio galego que máis sufriu os fortes ventos ao longo da xornada de onte, domingo día 8, foi Oia (Pontevedra), concretamente a estación que Meteogalicia ten en Castro Vicudo, que rexistrou refachos de ate 112,6 lm/h a primeira hora da mañá.

Tamén na provincia de Pontevedra, esta vez en Fornelo de Montes (Vigo), o vento a alcanzou os 93 km/h, mentres que en Avión (Ourense) o refacho máximo de vento rexistrado situouse nos 89,6 km/h, na estación de Amiudal.

No tocante ás precipitacións, as máis intensas rexistráronse na provincia de Pontevedra, concretamente na estación de Castrove, en Poio, cunha acumulación de 57,8 litros por metro cadrado.

Do mesmo xeito, os municipios pontevedreses de Ponte Caldelas, Forcarei e Cotobade tamén tamén se atopan entre os que máis sufriron as choivas de onte na comunidade, cunha acumulación de 56, 53 e 51 litros por metro cadrado, respectivamente.

Pola súa banda, Entrimo foi a única localidade doutra provincia, da de Ourense, na que tamén se rexitrou unha das acumulacións máximas de precipacións, con 54,8l/m2.

Finalmente, este novo frente trouxo tamén temperaturas mínimas máis elevadas, que rexistraron unha variación de case catro grados entre a xornada do sábado e a de onte, domingo. Así, mentres que o día 7 a mínima rexistrada foi de 2,3ºC en Rubiá (Ourense), a do día 8 foi de 6ºC en Chantada, (Lugo).

As máximas mantíveronse sen variacións salientables, cun lixeiro incremento de 0,2ºC. Onte foi en Baiona, en Pontevedra, onde se rexistraron as maiores temperaturas do día, 16,4ºC.

Tempo seco e ceos cubertos. Con todo, a xornada de hoxe será moito máis tranquila que a dos pasados días. A comunidade queda, transitoriamente, na influencia de altas presión que traerán tempo seco e ceos parcialmente cubertos, que a medida que avance o día irán deixando paso a grandes claros, sobre todo en zonas de interior.

Así, segundo indica Meteogalicia, agárdase que a de mañán sexa unha xornada sen precipacións e con ventos de compoñente oeste, que pola tarde irá virando a sur con intervalos fortes entre Bares e Fisterra cara a noite.

A temperatura sufrirá un descenso, sendo a máxima prevista de 15ºC en Vigo e 14ºC nas cidades de Pontevedra, Ferrol e A Coruña. As mínimas previstas serán e 3ºC en Lugo e Ourense e de 4º en Santiago.

Neste contexto, a Dirección Xeral de Emerxencias mantén activa hoxe tamén a alerta laranxa por fortes ventos no litoral galego e por ondas que poderían alcanzar os sete metros de altura, igual que a xornada de onte e a do sábado. O risco meteorolóxico será, polo tanto, importante, polo que dende o Executivo autonómico lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa o que tamén implica diques, rompentes e paseos marítimos.

O aviso pasará a ser amarelo a partir das 18:00 horas, por ondas do noroeste de entre 4 e 5 metros de altura.

Unha nova fronte. Mañán, pola súa banda, Galicia continuará unha vez máis baixo a influencia de baixas presións coa chegada dunha fronte á noite. Predominarán as nubes baixas durante toda a xornada, con algúns orballos na metade oeste e apertura de tímidos claros pola tarde no norte e leste da comunidade.

Pola noite, chegará unha nova fronte que deixará choivas de oeste a leste, co que as temperaturas sufrirán un notabe ascenso. Nas cidades, a máxima esperada son 17ºC en Vigo, mentres que a mínima prevista sitúase 8ºC en Lugo, seguida de 11ºC en Santiago e Ourense.

O vento soprará do suroeste, con intervalos fortes no litoral das provincias da Coruña e Lugo e quedará do noroeste despois do paso da fronte.

09 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito