Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
XOSÉ RAMÓN GIRÓN // Presidente de FEAFES Galicia

“Hai un nivel de sufrimento psíquico moi alto na poboación”

Compostelano de nacemento e noiés de adopción, pois alí exerceu a medicina durante 14 anos no centro de saúde da localidade. Girón, xa xubilado, continúa presidindo a Federación de Asociaciones de Familiares y Personas con Enfermedad Mental de Galicia, tras máis de trinta anos vinculado ao movemento asociativo de axuda e protección aos doentes de saúde mental.

Incorporouse nos anos 90 ao movemento asociativo da enfermidade mental. Tras tantos anos vivindo dende dentro este fenómeno, que cre que ten cambiado dende entón?

Non é unha pregunta fácil. Evidentemente hai cousas que melloraron, pero tamén outras que seguen estancadas. Na atención á saúde mental en xeral e a das persoas con transtorno mental crónico persistente en particular, persiste a necesidade despois de todos estes anos dun aumento de recursos moi importante e nos últimos dous anos, co tema da pandemia, esta necesidade manifestouse dunha forma aguda. Deberíase aproveitar este momento no que hai unha maior visibilidade e a saúde mental comeza a ocupar un parte importante nos medios de comunicación para tomarmos, dunha vez por todas, este asunto en serio e poñer enriba da mesa os orzamentos necesarios para brindarlle a estas persoas unha mellor atención.

Este ámbito, o da integración laboral, é unha das partes máis importantes do traballo que realizades dende FEAFES. Por que esta focalización?

A integración laboral é un dos esforzos máis importantes que realizamos dende a Federación, de feito contamos cun servizo de inserción coordinado co Servizo Público de Emprego de Galicia. Neste sentido colleitamos uns resultados realmente bos, conseguindo integrar a un número importante de persoas nos circuítos habituais de traballo.

Estamos absolutamente convencidos de que a capacidade de volver a reiniciar a súa vida laboral é un dos factores que mellor pronostica a boa evolución a largo plazo das persoas con problemas de saúde mental graves, e de aí o noso empeño en traballar neste eido.

Déronse a coñecer a pasada semana uns datos do Cibersam acerca do suicidio no conxunto do Estado, no que todas as provincias galegas superaban a media estatal, unha tendencia na comunidade xa existente pero que semella terse agravado coa pandemia.

Os galegos historicamente sempre estamos nas primeira posición, ás veces cos asturianos. Está claro que en Galicia o problema do suicidio, polos motivos que sexa, sempre foi moi importante con respecto ao resto do Estado, de feito, como se ve neses datos Lugo é con diferencia a provincia de España na que máis se da este fenómeno. É preciso implementar programas de prevención, como por exemplo o que teñen posto en marcha dende a Unidade de Saúde Mental de Ourense que leva anos traballando na prevención do suicidio cuns resultados moi bos. Iso significa que realmente a prevención non só é posible, senon que ademais funciona e debería implementarse de xeito masivo.

Co Plan de Saúde Mental 2022-2024 deseñado polo Goberno, púxose en marcha un número de atención gratuíta para a prevención do suicidio, o 024, e que tamén parece estar presentando bos resultados.

Pois si. O máis importante na prevención do suicidio é algo tan sinxelo como falalo. Nós o que lle pediríamos ás persoas é que cando sintan a máis mínima dúbida acerca de se alguén está pensando no tema, que o falen dunha maneira empática, con cariño, sen dar ningunha receta máxica do que a persoa ten que facer ou deixar de facer. Está demostrado que isto funciona, e é por iso que compre desmitificar e rachar os estigmas para con estas persoas. Non podemos olvidar que o sufrimento psíquico é moito máis incapacitante que calquer sufrimento de tipo orgánico, mesmo así o recoñece mesmo a OMS.

Segundo a OMS os trastornos de ansiedade e depresión aumentaron un 25% en todo o mundo. Sobre todo en nenos e adolescentes, onde estes trastornos medraran nun 47%. ¿Aparecen cada vez antes este tipo de doenzas mentais?

Sí, este é un dato moi importante. Sería de interese que repensáramos o que está a pasar duns anos para aquí. España está á cabeza en consumo de fármacos psicotrópicos, é dicir tranquilizantes, sedantes, etc. Isto quere dicir que hai un nivel de sufrimento psíquico moi alto dentro da poboación en xeral, e sobre unha situación que xa era esa antes da pandemia, tras ela a situación agravouse. E xa nos últimos datos de consumo de fármacos situase España como a primeira consumidora de este tipo de medicamentos.

Cómpre replantexarse cal é a medida que temos do benestar social. O IPC, por exemplo, está moi ben para medir como está a saúde económica da sociedade, cremos que é necesario medir tamén a saúde mental da sociedade e adoptar as medidas necesarias para tratar de mellorar esta situación.

Falamos dunha psiquiatrización temperá de problemas cun cariz máis psicolóxico. Ademais entre unha cita e a seguinte de psicoloxía no servizo público de saúde pode pasar máis dun mes. Que hai que mellorar neste aspecto?

Estamos detectando que a dificultade que ten a xente para acceder ao sistema público de saúde mental, á hora de percibir unha asistencia psicolóxica sobre todo, está provocando que moita xente acuda ás redes privadas. O que ocorre é que non todo o mundo pode pagalo, e por outro lado, o feito de que haxa estes problemas ten como efecto nocivo que moitas veces ante a imposibilidade das unidades de saúde mental de ofrecer unha atención psicoterapéutica adecuada, pois non lle queda outra que recurrir aos fármacos. De feito é máis que probable que este aumento no consumo do que falábamos antes teña moito que ver con isto. Os profesionais de saúde mental, o que si nos din, é que na maioría dos casos de ansiedade ou depresión leves a alternativa máis sensata sería a psicoterapia, pero non poden facela. De modo que a única maneira que teñen para axudar a estar persoas é mediante fármacos. Os datos están aí, e deberían facernos reflexionar.

03 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.