Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Indignación polo cese do profesor Fernando Cobo

    A historia está chea de exemplos (Sócrates, Hus, Xoana de Arco, Becket...), onde grandes personaxes foron denigrados polos poderes fácticos da época, baixo acusacións de todo tipo, con tal de que fosen apartados. Que hoxe non se chegue a rematar fisicamente con quen estorba, non implica que esas prácticas, propias de tempos pasados, non se sigan aplicando. A memoria de quen é apartado, o seu éxito, a súa valía, logros, investigacións, achegas a institucións ou en beneficio da propia comunidade, esquécense case proporcionalmente co prestixio alcanzado. Lembren senón, a todo un salvador de Roma, Escipión, rematando no exilio e desterrado, pese a librar ao seu pobo dun perigo real como foi a Cartago de Aníbal. De heroe a proscrito no tempo que leva pronunciar: Zama! A nómina de personaxes inxustamente tratados daría para toda unha monografía, pero un servidor nunca chegou a imaxinar que estas malas artes alcanzasen a institucións académicas e a épocas contemporáneas, como esta nosa universidade. Xulguen vostedes mesmos:

    A estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con (EHEC), como centro de investigación da USC situado en Vilagarcía, no encoro do río que lle dá nome, leva 16 anos funcionando a iniciativa do profesor e doutor Fernando Cobo. Único en España, en canto a especialización nos ecosistemas acuáticos continentais, é toda unha referencia internacional que, ano tras ano, dá prestixio a esta nosa universidade. En 2009 recibiu o Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+ EFQM (European Foundation for Quality Management), selo que se renovou en bienios sucesivos, de maneira ininterrompida, dando fe esta cualificación do nivel de excelencia respecto dos seus competidores, ao superar todas as fases de certificación. Non vou recoller aquí as mencións e premios deste centro, de doada consulta na rede, nin tampouco lembrar os numerosos estudos feitos en ríos galegos e non galegos. Abonda con subliñar as súas publicacións, artigos científicos recoñecidos no estudo do bloom toxixénico das Cianobacterias, da biodiversidade fluvial, da súa participación en numerosos congresos internacionais e de investigacións varias sobre biodiversidade, ecotoxicoloxía, contaminación e calidade das augas, xestión de poboacións, acuicultura, xenética, modelización limnolóxica... Por outra banda, ao longo destes 16 anos, os máis de mil alumnos que pasaron polas súas instalacións para o desenvolvemento de proxectos de investigación, teses doutorais, cursos de verán... poden dar boa conta do seu funcionamento. E non só alumnos da USC, porque unha cifra sen cuantificar de alumnado de secundaria, tamén se adentrou no apaixonante mundo da toma de mostras e análise nos seus laboratorios. Quen lles fala, visitou en máis dunha ocasión con algún grupo de escolares a Estación de Hidrobioloxía. Froito da súa pegada, algúns destes alumnos acabarían cursando bioloxía na universidade. Hai uns días, un destes exalumnos, hoxe no grao, chámame:

    • Ola! profe. Sabes que pecharon a Estación do Con e que cesaron a Fernando Cobo?

    • Pois acabo de enterarme polas redes. Cal foi a razón, sabes? – Pregunto.

    • Pola facultade dise que a situación laboral precaria dun colaborador, con contratos semestrais durante anos e anos, fixo que fora como testemuña nun xuízo para dicir a verdade en favor dese colaborador. Dise que o advertiron para que non fora e que esa foi a causa do cese.

    Modus operandi: No pasado Consello de Goberno da USC, do 24 de setembro, aprobouse a creación dunha Rede de Estacións Biolóxicas da USC (Rebusc), incluíndo nela a amentada Estación de Hidrobioloxía, a Estación de Bioloxía Mariña de A Graña e a Estación Científica do Courel. Pero a sorpresa vén cando a Estación de Hidrobioloxía cambia o seu nome por “Laboratorio de Hidrobioloxía-USC” e se decide prescindir da figura do Director Científico, Fernando Cobo. Toda unha sorpresa que non responde a criterios profesionais e que desata que unha parte do profesorado da universidade asine un manifesto no seu favor. A Asociación Galega de Sociedades de Pesca (AGSP) publica outro comunicado lamentando o relevo do director e doutor, Fernando Cobo, ao fronte da EHEC, en termos igual de contundentes. Os pescadores tiñan nel a única persoa capacitada para velar polos moribundos ríos galegos.

    Así as cousas, salvo que a USC desande o camiño andado, agárdanse movementos xudiciais por parte do exdirector da Estación de Hidrobioloxía. Entón, a USC volverá aos titulares e non precisamente para ben. Cando fale a xustiza, como única garante contra as inxustizas e abusos nunha democracia, quizais entón se pronuncie o decanato e o resto de compañeiros que ollan de perfil, como se isto non fora con eles.

    Se abría esta defensa contra a destitución fulminante do profesor titular de Zooloxía e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago, Fernando Cobo, como director da Estación de Hidrobioloxía, cunha nómina de personaxes inxustamente tratados, dou peche coas palabras doutro non menos interesante, Cicerón, quen se referiu nestes termos sobre as inxustizas: “Sed iniustitiae genera duo sunt, unum eorum, qui inferunt, alterum eorum, qui ab iis, quibus infertur, si possunt, non propulsant iniuriam (...) qui autem non defendit nec obsistit, si potest, iniuriae, tam est in vitio, quam si parentes aut amicos aut patriam deserat.” (Hai dous tipos de inxustiza: o primeiro de quen inxuria a outro e o segundo, de aqueles que, podendo, non defenden aos inxuriados (...) quen podendo non o defende nin impide a ofensa, é tan culpable como se deixara indefensos aos pais, aos amigos ou a patria). (De Officiis, I, 7, 23)

    14 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.