Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Investigadores da EPS de Enxeñaría da USC en Lugo optimizan o manexo da auga nos cultivos de lúpulo

Universidade. Investigadores do grupo Proxectos e Planificación (Proepla) da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC avanzan na optimización do manexo da auga neste cultivo, tanto en producións convencionais como en ecolóxico, a través da implantación dun sistema de rega por goteo que posibilita a aplicación simultánea de auga e fertilizantes, segundo ven recollido no informe de resultados do proxecto Innovacións no cultivo de lúpulo en España, desenvolvido polo grupo operativo Lúpulos de Calidade.

As pescudas desenvolvidas polos investigadores do Campus de Lugo ao abeiro deste grupo operativo creado en 2018 co obxecto de mellorar a competitividade e a sustentabilidade das explotacións agrícolas de lúpulo serviron para analizar polo miúdo tanto as necesidades de rega como a súa incidencia na produción deste cultivo, ademais de para calcular e determinar con precisión a cantidade de auga e tamén de nutrientes que precisa este cultivo nas distintas etapas.

O investigador do grupo Proepla da EPS de Enxeñaría da USC Javier J. Cancela Barrio sinalou neste senso que o sistema de rega por goteo, a través do que tamén é posible o subministro de fertilizantes e, de ser o caso, de tratamentos para posibles enfermidades das plantas, antóllase como un modelo moito máis eficiente que a rega por asolagamento, que constitúe o sistema habitual nas explotacións de lúpulo situadas en Castela e Léon.

Por outra banda, este investigador salientou que o labor desenvolvido no marco deste proxecto, cuxo labor de experimentación se realizou tanto nas parcelas de lúpulo de que dispón a Cooperativa Lutega en Mabegondo, como noutras parcelas de cultivo de lúpulo en ecolóxico radicadas na contorna de Lalín, permitiu establecer que o nivel óptimo de humidade do solo para o cultivo de lúpulo sitúase no 25%. redacción

15 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.