Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Kyle’ marcha e permite a volta de xornadas soleadas

A forte borrasca deixou refachos de ata 110,3 quilómetros por hora // Lousame volveu ser o concello con máis choiva

Estes días semellou que o verán abandonara o territorio galego, xa que en poucas partes da comunidade se deixou ver. E é que chegou ao atlántico un estranxeiro moi especial: Kyle, unha curiosa cicloxénese explosiva. Este proceso, que segundo explican dende MeteoGalicia “consiste nunha borrasca que se profundiza máis de 20 milibares en 24 horas”, fixo que a tormenta tropical Kyle chegase ata terras europeas como un fenómeno intensa, que, aínda que vai dirección ás illas británicas, deixou fortes choivas e rachas de vento na nosa comunidade, e en especial na provincia coruñesa. Mais isto non implica que esta cicloxénese chegara como tal e na súa totalidade a terras galegas, senón que, o que estivo a atravesar a comunidade foi “unha fronte asociada a esa borrasca, a ese centro de baixas presións”, explican especialista da axencia meteorolóxica autonómica.

Fenómenos como o Kyle non son habituais nestas datas nin nestes últimos anos, xa que, dende hai 40, tan só se rexistraron cinco casos similares: nos anos 1979, 1982, 2003, 2004 e o máis recente, en 2016.

Deste xeito, a devandita cicloxénese deixou, no seu paso polo atlántico este mércores, notables cambios meteorolóxicos na comunidade galega. Así, mentres en zonas cunha altitude menor de 900 metros en Lugo se rexistraron onte as temperaturas máis elevadas, cifradas a redor dos 30 graos en Ribas de Sil, Foz, Ribadeo ou Lourenzá; noutras localidades a unha altitude maior de 900 metros as temperaturas máximas, entre os 22 e os 25 graos, déronse en zonas de Ourense, como A Veiga ou A Mezquita, ou en Navia de Suarna, na provincia de Lugo.

En cambio, as temperaturas máis baixas en zonas a menos de 900 metros rondaron os 12 graos e foron rexistradas en 5 concellos da provincia de Ourense: Viana do Bolo, Verín, Calvos de Randín, Riós e Vilardevós. Porén, en zonas de montaña, as mínimas marcaron dende os 8,7º do concello da Mezquita, Ourense, ata os 11,1º de Carballeda de Valdeorras, tamén da provincia ourensá.

Os refachos máis fortes producíronse no mediodía en Penedo do Galo, no concello de Viveiro e provincia de Lugo, que chegaron aos 110,3 quilómetros por hora; seguido de O Xistral, en Muras, provincia de Lugo, con 109,5 quilómetros por hora. Tamén en Punta Candieira en Cedeira, provincia de A Coruña, se rexistrou un refacho de 105,4 quilómetros por hora na madrugada do día de onte.

En canto ás fortes choivas que acompañaron a estas rachas de vento e fixeron deste tempo algo moi molesto, Muralla (Lousame, A Coruña) lévase o ouro da localidade máis pasada por auga na xornada de onte, pois ata as oito da tarde tiña rexistrado xa 64,4 litros por metro cadrado. Seguírona localidades de distintos concellos da provincia coruñesa: Santa Comba, Val do Dubra, Rois ou Zas. Mentres, municipios lucenses ou ourensáns recollían cifras máis baixas, como o caso de Cabeza de Manzaneda, con tan só 0,9 litros por metro cadrado.

MELLORÍA PROGRESIVA. ¿Cando voltarán as xornadas secas e con bo tempo? “A melloría notarase en certas áreas de Galicia nos vindeiros días, pero progresivamente”, apuntan dende Meteogalicia. Deste xeito, Galicia non regresará a unhas condicións meteorolóxicas e atmosféricas propias do verán de maneira totalmente abrupta. O día de hoxe será diferente aos que vimos pasando: seco e soleado en xeral, aínda que pode haber algunha precipitación nas primeiras horas da mañá, sobre todo no sureste de Galicia. Haberá ceos nubrados no litoral atlántico e a medida que avance o día predominarán os claros sobre as nubes en todo a costa norte da comunidade. “Comeza unha nova sucesión de días que non terán as condicións adversas do día de hoxe (referido a onte)”, apuntan dende a axencia meteorolóxica galega.

20 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito