Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lembranza a Man, unha vítima do fuel

“Deixouse morrer ao ver o seu traballo asolagado”, afirmou Digna, veciña de Camelle // Na vila non só gardan recordos, senón tamén máscaras que a confraría doou para loitar contra o covid

Vinte anos despois da catástrofe, Camariñas deulle voz a tres das súas veciñas para que lembrasen o que viviron e sentiron naqueles longos meses escuros de 2002 e 2003 ante un auditorio ateigado. Entre as súas lembranzas non podía faltar un nome propio: Man de Camelle, o artista alemán que levaba máis de catro décadas afincado na vila e que creou un auténtico museo ao aire libre á beira do porto con materias recollidos do mar. Foi “a única vítima real do Prestige”, afirmou Digna Romar, veciña da vila. Hai que lembrar, que Manfred Gnadinger, nome de pila de Man, foi atopado morto na súa casa, rodeada polo fuel, pouco despois dun mes de que chegase á costa o vertido.

“Deixouse morrer ao ver todo o seu traballo asolagado polo chapapote”, engadiu. Outra das súas veciñas, Carmen Pérez, subliñou que “pensou que se acabara o mundo” e acabou “morrendo de pena”, enfatizou Jacqueline Lista.

Unha desesperación que elas mesmas sentiron tamén nos primeiros días, cando empezou a chegar o negro chapapote á costa. Jacqueline, que por aquel entón rexentaba o Bar Piña en Camariñas, asegura que o seu local foi onde se organizaron as primeiras cuadrillas para ir limpar, ata que o Concello asumiu a organización. “Recollíamos o chapapote coas nosas mans, sen luvas, e enchíamolo en baños nosos, pois non tiñamos outra cousa”, afirmou.

Digna Romar, muller de mariñeiro e despois profesional do mar tamén, di que aínda lembra perfectamente “o cheiro do fuel”, que foi o primeiro sinal que percibiu do que ía pasar. Ao día seguinte, cando baixaron á beira do mar, “arredor do museo de Man xa estaba todo negro, e tirabas unha pedra e non se afundía no chapapote”. Un sentimento de rabia e impotencia apoderouse dos veciños, e viuse acrecentado cando “os operarios de Tragsa nos dixeron que non podíamos facer nada, que non fósemos limpar, que o fuel era tóxico”.

Tamén Carmen Perez, armadora e muller de mariñeiro, garda como primeiro recordo “o cheiro, que penetraba nas casas”. O coído de Sabadelle, engadiu, “era como unha manta de chapapote, para min aquilo era a morte, porque sempre vivimo do mar, non viamos esperanza e, aínda por enriba, non nos deixaban ir a limpar”.

Afortunadamente, a situación mudou nos días seguintes e coa chegada dos voluntarios. “Ao noso bar chegou xente de todo o mundo. Eles querían axudar”, lembra Jacqueline. “Que veña xente de fóra e que che brinde a man se pedir nada a cambio, eso non hai cartos que o pagen”, subliñou.

Unha solidariedade á que deron boa resposta tamén os veciños e veciñas do concello, pois como lembrou Digna Romar, os primeiros días “acollemos a moitos voluntarios e voluntarias nas nosas cosas, pois non tiñan onde dormir nin onde poder ducharse”. Ademais, “xuntámonos e entre todas cociñamos para darlles de comer”, indicou Carmen Pérez, quen lembrou tamén que a veciñanza de Arou “cediu colchóns para que poidesen descansar”.

O pobo de Camelle non só se amosou solidario con quenes os viñeron a axudar daquela, e dos que gardan moi bos recordos, senón que, dúas décadas despois, recuperaron as máscaras sobrantes que almacenaban na confraría, como as que empregaron os voluntarios para retirar o chapapote, para doalas ao Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, e ao PAC de Vimianzo para loitar contra a pandemia do Covid.

Daquela experiencia amarga tamén xurdiron boas novas. Así en Camelle presumen de ter “dúas fillas do Prestige”, dúas mozas que son fillas de voluntarias que viñeron a limpar a costa camariñana “e acabaron comprando casa aquí, e hoxe son unhas veciñas máis”. Non foron as únicas, pois un dos voluntarios de Protección Civil coñeceu en Camariñas, durante a catástrofe, a que hoxe é a súa parella “e aquí quedamos”.

HOMENAXE A ALONSO. O encontro celebrado en Camariñas tamén serviu para render unha homenaxe póstuma ao entón tenente de alcalde, fareiro de Vilán e coordinador do voluntariado, Antonio Jesús Alonso Ballester.

A alcaldesa, Sandra Insua, fixo entrega a súa viúva, a tamén fareira Cristina Fernández, e á súa familia, dunha placa. Cualificou a Alonso como “un home de profundas conviccións, entre elas a de que diante dunha necesidade extrema hai que estar, e el estivo”.

Cristina Fernández afirmou que “é unha moi grande honra para esta familia, que nos fixo pensar que cando se sementa unha boa semilla sempre se recollerá o froito merecido”. Quixo ademais facer extensivo o recoñecemento, como así o faría el, a “todo o equipo de traballo que coordinou”. Alá onde esté, engadiu, “de seguro que estará contento e feliz, e esa felicidade solapará a desgraza doutros tempos”.

O emotivo acto de agradecemento a todos os que colaboraron na limpeza do chapapote nas costas de Camariñas, e que foi organizado polo Concello, rematou con música. O dúa formado pola cantante Belén Tajes e o músico Fran Barcia, ambos camariñáns, intepretaron o tema Negra sombra, da gran poeta galega Rosalía de Castro, ao que correspondeu o público con aplausos.

Para o recordo
Dúas placas e un mural

··· Para que o recordo do acontencido e o agradecemento ao voluntariado perdure no tempo, ao rematar o acto descubríronse dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra de Camariñas, edificio que foi o fogar durante varios meses dos voluntarios e voluntarias que viñeron limpar o chapapote do ‘Prestige’. Nelas recoñécese o seu labor e ademais recóllese a súa procedencia.

··· O Concello tamén creou un gran mural, que se pode ver nunha das fachadas da Lonxa Vella. Trátase dunha lona xigante que ilustra, a través dunha instantánea do fotógrafo José Manuel Casal, un dos momentos de limpeza da costa. Ademais, na Casa de Pedra pode visitarse unha exposición de fotografías do traballo dos voluntarios, obra da fotoxornalista Ana García.

14 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.