Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis de 1.500 aspirantes a 129 prazas sanitarias van a oposición este domingo

Un operativo formado por 278 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade

Un total de 1.540 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán mañá no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 129 prazas de fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais e de enfermeiras e enfermeiros. A Xunta reanuda esta fin de semana os exames de oposicións con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

As probas comezarán ás 9,00 horas da mañá co exame para cubrir 10 prazas do grupo A2 de Fisioterapia no que están convocados 404 aspirantes; e co do grupo A2 de Terapia Ocupacional/grupo II Terapeuta ocupacional con 417 persoas convocadas para 50 prazas. A continuación, pola tarde, ás 16,30 horas terán lugar as probas para 69 prazas do grupo A2 de Enfermería no que están chamados a participar 719 aspirantes.

Dadas as limitacións establecidas pola crise sanitaria da COVID, a Dirección Xeral da Función Pública emitirá para todos aqueles participantes que o precisen, unha autorización de mobilidade que xustifique o seu desprazamento para a realización dos exames. Ademais, entre as 24 e 48 horas posteriores ao remate do exercicio, tamén terán á súa disposición un certificado de asistencia. Ambos os dous xustificantes poderán obterse no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

As probas realizaranse no recinto feiral de Silleda en Pontevedra con capacidade para 13.600 persoas e con todas as garantías sanitarias e total seguridade, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a súa celebración.

Este protocolo establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

A Dirección Xeral da Función Pública proporcionará a todos os aspirantes unha máscara que que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén será obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores será de entre catro e cinco metros.

Ademais, un operativo formado por 278 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

13 mar 2021 / 12:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.