Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de 1.500 pacientes intervidos en Galicia cos robots cirúrxicos Da Vinci

Tras o aniversario da instalación dos 7 equipos, un en cada área, o Sergas conta con máis de 200 médicos formados no seu uso

Hai xa un ano que o Servizo Galego de Saúde instalaba sete robots cirúrxicos ao longo de todo o territorio autonómico, un en cada área sanitaria, destinados a servir de apoio aos facultativos médicos en intervencións cirúrxicas, e agora, xa son máis de 1.500 persoas as que se beneficiaron destes equipos nestes 12 meses.

Con estes dispositivos de ciruxía robótica minimamente invasiva téñense levado a cabo procedementos de moi diversa índole en todo o territorio, tanto de ciruxía xeral como torácica. Dente intervencións como a extirpación de tumores, á instalación de bypass gástricos ou operacións de cadrís e de útero. Trátase “dun antes e un despois” na saúde galega, tal e como celebrou onte o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, nuha visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para coñecer o funcionamento dos equipos un ano despois da súa implantación.

O titular do Executivo autonómico salientou que “en Galicia estamos xa a un nivel que nada ten que envexar ao doutras comunidades”, e que coa adopción destes equipamentos de “altísima tecnoloxía” o sistema galego de sáude colocouse nunha situación punteira. Asemade, fixo fincapé en que xa son máis de 200 sanitarios os que recibiron formación para usar estes robots e agradeceu que ““cada vez máis profesionais estean interesados” para sacarlle “a máxima rendibilidade”.

Ciruxía non invasiva. Este dispositivo de ciruxía minimamente invasiva conta cunha consola de mandos para o ciruxián, un sistema de visualización para transmitir o procedemento e unha torre con catro brazos robóticos integrados cos que se levan a cabo as intervencións. Resumidamente, é unha ferramenta que permite que un médico opere con máis destreza e dun xeito moito menos invasivo.

A pesar de tratarse de dispositivos de tecnoloxía punta, o robot Da Vinci non é un invento tan novo como cabería esperar e xa ten, de feito, a “mayoría de idade”. A primeira xeración deste sistema naceu da man da empresa Intuitive Surgical no 1999, no lugar de onde semellan xurdir todas as ideas en Estados Unidos: Sillicon Valley.

Foi en marzo deste ano, tal e como informou a empresa distribuidora destes sistemas en España e Portugal, Abex Excelencia Robótica, que se instalou o Da Vinci número 100 na península, cos que xa se operaron a máis de 60.000 persoas. Isto implica que arredor dun sete por cento se atopan en Galicia.

Renovación tecnolóxica. Na visita de onte ao CHUF, Alfonso Rueda tamén quixo apuntar que estes robots Da Vinci forman parte da aposta que dende hai dez anos fixo a Xunta por dotar os centros sanitarios do último en tecnoloxía. Neste eido, engadiu que só neste 2022 se conta cun orzamento de máis de 90 millóns de euros para a adquisición e instalación de tecnoloxía.

Aclarou que máis de 61 millóns dos fondos europeos serán destinados a renovar e instalar equipamento de alta tecnoloxía nos hospitais galegos, dos cales 5,2 millóns se invertirán no propio CHUF para instalar dúas resonancias, incorporar por primeira vez na área un equipo de radioloxía vascular intervencionista e renovar os TAC’s.

Por outra banda, 3 dos 90 millóns irán destinados a renovar máis de 50 mesas cirúrxicas do Sergas; 780.000 euros a adquirir respiradores para as novas áreas de Urxencias e UCI dos hospitais da Coruña e Santiago, e 1,3 millóns para equipar as novas áreas de especialización e endoscopia dos hospitais do Salnés e Barbanza.

Finalmente, Rueda advertiu que de nada serviría dotar os centros do último en tecnoloxía sen adaptar as instalacións sanitarias ás novas necesidades de pacientes e sanitarios, e lembrou que a Xunta puxo en marcha o Plan Director do Hospital de Ferrol.

Dun orzamento total de 131 millóns de euros, 50 están destinados á realización das tres obras da primeira fase de execución do plan, que xa se están levando a cabo. Con elas estase a ampliar nun 54% a superficie do hospital e construindo a nova área de radioloxía, que estará lista en outubro; realizando melloras nos accesos e ampliando o aparcadoiro en 266 prazas.

21 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito