Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 23 enero 2021
01:00
h

Máis dunha ducia de actuacións de Mar e Anfaco en favor da conserva

Máis dunha ducia de accións para impulsar a mellora da comercialización das conservas de produtos pesqueiros serán realidade gracias á colaboración da Consellería do Mar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos, Anfaco-Cecopesca. Estas actividades enmárcanse no convenio que cada ano asinan a titular de Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral da unión das conserveiras –e máis que posible presidente da CEG–, Juan Manuel Vieites.

Vixente ata o vindeiro 30 de decembro, a Xunta destina 149.000 euros que permiten actividades de promoción para contribuír á competitividade e sustentabilidade do sector conserveiro de produtos do mar tendo en conta a pandemia e tamén de apoiar ao sector da hostalaría, un dos principais afectados.

Algunhas destas accións de promoción teñen como finalidade amosar aos consumidores o xeito de elaborar e presentar receitas con conservas de peixes e mariscos e promover o consumo destes produtos en colaboración co sector da restauración. Esta iniciativa tamén inclúe o desenvolvemento dunha plataforma gastronómica online co obxectivo de fomentar o consumo das conservas do mar e de dar a coñecer as localizacións onde se poden degustar, como restaurantes que teñen receitas con conservas no seu menú ou outros locais e tendas que as comercialicen. Ademais ao abeiro deste acordo prevese crear un sistema virtual de doazón de conservas a entidades como os bancos de alimentos ou comedores sociais.

Tamén está previsto organizar catro xornadas sobre claves de futuro para o sector nas que se fará fincapé en temáticas como a transformación dixital, o marketing, a I+D+i e a internacionalización. A X Conferencia Mundial do Atún Vigo 2021 é outra das actividades que contén este convenio e terá como fin analizar os retos aos que se enfronta a industria e as exixencias do mercado.

Outras accións que se enmarcan neste acordo son unha publicación sobre a publicidade das conservas do mar no século XX, co obxectivo de render homenaxe ao sector do deseño, a dixitalización dos documentos do Museo Anfaco, para poñer a disposición dos visitantes virtuais o patrimonio documental da industria conserveira, e a elaboración de pequenos vídeos para promover as conservas do mar no ámbito dixital, entre outras.

Na sinatura desta colaboración, celebrada hoxe na sede de Anfaco-Cecopesca, a conselleira do Mar estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.

14 ene 2021 / 00:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.