Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 16 septiembre 2021
10:48
h

Marcos Maceira: “A xestión do Goberno autónomo foi en contra do galego”

O presidente da Mesa pola Normalización fala da grave situación que está a vivir o galego, pero cre que “é perfectamente reversíbel, mais para iso ten que haber un compromiso por parte da sociedade, e que se corresponda cun compromiso por parte dos gobernos”

A Mesa pola Normalización Lingüística é unha entidade social que naceu no 1986 e ten como obxectivo principal defender a lingua galega e promover o seu uso en todos os espazos (en todo e para todo). E ademais, o dereito a empregar o galego, e deste xeito, vivir en galego. Falamos co seu presidente, Marcos Maceira.

- Que opinan sobre a xestión do goberno autonómico respecto ao uso do galego no ensino?

En relación ao galego no ensino, pero tamén no resto de sectores, practicamente pódese dicir que non houbo xestión, ou que a xestión que houbo foi en contra do galego, xa non porque o digamos nós como Mesa pola Normalización Lingüística, senón porque o din todos os estudos sociolingüísticos e todos os informes internacionais ao respecto. Non hai ningunha entidade galega relevante que se posicionara a favor do decreto de plurilingüísmo aínda que ten 11 anos xa, e non hai ningunha avaliación feita a favor deste decreto. Constantemente o que temos son chamadas de atención, a última, sen ir máis lonxe, do Comité de Ministros do Consello de Europa, que é de decembro do 2019, di claramente que se deben eliminar os límites do uso do galego en Galiza.

- Consideran que o galego é unha lingua minorizada?

É unha lingua minorizada na medida en que é unha lingua secundarizada, e que a pesar de ter traxectoria dende hai séculos, non chegou a conseguir un status de normalidade plena no seu territorio. Na medida en que haxa mobilizacións a favor do galego, en que haxa iniciativas sobre o galego, xente preocupada polo galego, e sobre todo xente que empregue o galego, pois o perigo pode existir (de que desapareza), mais é un perigo que é evitable, sobre todo, na medida en que haxa interese por parte dos poderes públicos en garantir a posibilidade do uso do galego en todo e para todo. Para iso existen entidades como a nosa. O galego está en dificultades, nunha situación moi grave, mais non é unha situación irreversíbel, a situación do galego é perfectamente reversíbel, mais para iso ten que haber un compromiso por parte da sociedade, e que se corresponda ese compromiso por parte da sociedade cun compromiso por parte dos gobernos.

- Por que xorde a idea de volver traer o Xabarín Clube?

Non é tanto ter un Xabarín Clube como era fai 15 anos, senón, a idea é que non desapareza algo que sempre debeu existir; é a posibilidade de termos contido xuvenil e infantil en galego na canle autonómica, na TVG, nas plataformas dixitais, en todos os tipos de dispositivos móbiles, e a iso engadímoslle que existan os contidos que ofrece a televisión pública española, ou nas principias plataformas existentes, que haxa cando menos a opción en galego. O que fixemos foi coller algo que xa existía, que se relacionaba con contidos xuvenis e infantís en galego e traelo á actualidade con contidos actuais tamén. Isto serve, por unha parte, para denunciar a exclusión do galego dun espazo no que no seu momento comezou a normalizarse a través do Xabarín Clube, que ademais foi pioneiro nese tipo de programación na canle pública, e por outra banda, a capacidade que hai de reparar iso, dotando de presenza do galego un espazo tan importante para a mocidade como é o audiovisual.

- Qué é o certificado ‘Abertos ao Galego’?

É un proxecto para aquelas empresas que manteñan unha responsabilidade lingüística cos consumidores, pois certifícase que teñen un nivel determinado do uso do galego. Isto facémolo por unha parte para apoiar ás empresas que empregan o galego habitualmente, dentro das limitacións que poidan ter moitas delas por normas estatais, para recoñecer isto que fan as empresas polo uso do galego e por outra parte tamén que os consumidores perciban esa responsabilidade e que priorizen na súa relación de consumo o galego. É unha forma de recoñecer un uso do galego que se non fose feito por parte do empresariado galego non existiría. É unha ferramenta para favorecer que se use o galego nas relacións de consumo.

- Que é a ‘Liña do Galego’?

A ‘Liña do Galego’ é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa e dirixido a toda a poboación que, desde 2007, atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneran. Dende xullo do ano 2016, A Mesa puxo en marcha a app A Liña do Galego, cuxo o obxectivo é proporcionar ás usuarias e usuarios unha nova forma de comunicación que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda. Moitas e moitos galegofalantes continúan a considerar normal a exclusión do seu idioma, e iso é algo que queremos axudar a mudar, porque cando a poboación non é consciente dos seus dereitos, existe un déficit democrático que cómpre corrixir. A idea de que hai dereitos lingüísticos en Galiza, tanto individuais como colectivos, non está asentada, canto máis nos territorios onde nin sequera teñen recoñecemento legal estes dereitos.

Coa Liña do Galego quérese afortalar o obxectivo de dar cobertura e amparo ás persoas ás que se lles impide desenvolver a súa vida na lingua propia do país. Cando unha persoa chama ou escribe, ábrese un expediente na base de datos ao que se lle asigna unha numeración para lle poder facer o seguimento. Con todas as queixas, consultas e parabéns realizarase un informe anual, que servirá tanto de diagnose da situación como para propor medidas de mellora para o ano seguinte.

15 mar 2021 / 11:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.