Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Marea pide a Inés Rey reactivar as políticas de residuos na Coruña

María García critica que Nostián leve case dous anos traballando sen contrato algún

Santiago. A voceira da Marea Atlántica, María García, amosou onte a preocupación do seu grupo pola completa parálise en todo o relacionado coa recollida e tratamento de residuos no Concello da Coruña. “A planta de Nostián leva 20 meses operando sen contrato, no servizo de recollida de lixo non se están a executar gran parte das medidas previstas, e todos os indicadores están a empeorar. Por iso queremos pedirlle a Inés Rey que reactive as políticas de residuos e que, para empezar, se reúna cos concellos da área metropolitana para informalos”, dixo a concelleira.

Para García, a delicada situación neste ámbito é un síntoma “de que o mandato esmorece pola falta de proxecto de cidade e de iniciativa por parte de Inés Rey, tras un ano sen orzamentos”. Neste sentido, anunciou que os residuos e as políticas ambientais van ser unha parte vital nas negociacións entre a Marea Atlántica e o Partido Socialista nos vindeiros meses. “Se o goberno local non asume a súa responsabilidade, estaremos alí para esixirlla, polo ben da Coruña”, manifestou.

OS INDICADORES EMPEORAN. Na situación actual, estamos a ver como empeoran todos os parámetros relacionados coa separación de materiais en orixe, a colaboración cidadá e a recollida en planta. Como exemplo, e segundo os últimos informes de Ecoembes, en tan só un ano A Coruña viu reducida nun 10% a recuperación de papel e cartón, pasando dunha media de 19,2 quilos por habitante en 2019 a 17,3 quilos en 2020.

Na mesma urbe, coa mesma cantidade de poboación, a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa. Así o indican os estudos da Universidade da Coruña. En 2017 e 2018, gobernando a Marea Atlántica, o Concello recibiu o galardón Pajaritas Azules en 2017 e 2018 pola excelencia na recuperación de papel e cartón. “Agora só recibe malas noticias relacionadas con Nostián”, remarcan dende a formación política.

Así, engaden, a pesar de recibir os pregos dun novo contrato para Nostián xa case listos polo goberno da Marea, o PSOE tívoos dous anos paralizados para decidir, fai pouco, que vai reiniciar o proceso, “polo que será imposible renovar a concesión antes das vindeiras eleccións”. ecg

26 ago 2021 / 20:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.