Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Na memoria de Xosé Duro Vieiro, un home bo

    FINOU XOSÉ DURO VIEIRO, un traballador incansable, compañeiro leal e xusto un amigo incondicional, un home bo. Como profesor consagrou a súa vida á docencia e á xestión na Universidade de Santiago de Compostela. Por máis que resulte dramático contar os miles de falecidos diarios e ver como pouco a pouco se reduce a paisaxe humana que nos rodea, non se sente a dor que paraliza ata que se pecha o círculo e chega ao teu mellor amigo. A morte é ese shock de consecuencias terribles que agora supón unha ruptura liberadora para Xosé, pero que aprisiona a todos aqueles que o queremos.

    Pepe loitou contra unha leucemia cunha enteireza indescritible, como nunca tiña visto. Sabía que o alemán
    –así lle chamaba ao seu doante– non lle ía a fallar, tampouco o grande equipo médico do CHUS, ao que tanto admiraba: Adrián, Marta, José, Natalia, Sonia..., pero unha bacteria cruzouse no seu camiño e... non puido ser. As súas gañas de vivir facían que se revelase contra a súa enfermidade cada vez que podía e se escapaba á Aguieira, daba longos paseos cos seus cans, reunía aos amigos arredor dunha mesa ou facía unha visita sorpresa á facultade, á de Económicas, claro. Contaba con tal naturalidade todo o que lle tocou vivir nestes últimos dous anos que mais ben facía imaxinar que era un conto. Non quería vernos tristes, dábanos azos e convidábanos a saborear a vida a pequenos grolos, sempre ao seu carón. Así era el. Un compañeiro discreto, un profesor ao que tódolos alumnos querían, fiel aos seus principios e valente, moi valente. Enfrontouse a todo o que considerou inxusto, costase o que lle costase, non soportaba a equidistancia. Era un home libre, sen máis amarres que a súa conciencia e un amor infinito á súa familia –Rosa, a súa muller e inseparable compañeira de viaxe, Miguel e Olaia, os seus fillos e os seus tres netos– e os seus amigos. Regalounos o mellor que tiña: lealdade, apoio e respeto.

    Atreveríame a decir que tódolos economistas formados na USC nas tres últimas décadas foron alumnos seus, por todos querido, por todos foi admirado e conseguiu aquelo que só fan os maestros, transmitir a súa paixón pola facenda pública. Un profesor xeneroso, activo, capaz e sempre implicado.

    Sirvan estas verbas coma unha sentida homenaxe á súa bonhomía. Hónrame o privilexio de telo coñecido, de ter sido compañeira súa, a súa amiga e estou agradecida por todo o que me deu sen pedir nunca nada a cambio. “Porque é tocando fondo onde un chega a saber quen é e dende ese punto comeza a pisar firme ate chegar onde se merece “, dicía.

    Xosé falaba moito do dereito á vida e afanouse no deber de vivila, soubo facelo. Alá arriba agárdalle o seu inseparable amigo, Javier Rojo, a quen tanto botou de menos cando prematuramente tamén se marchou no ano 2016. Xuntos poderán celebrar agora todas aquelas cousas que tiñan pendentes, aínda que aquí hoxe quedamos orfos. Como decía José Luis Sampedro “o humano é sobrevivir na conciencia da norte, o resto só existe” . D.E.P. Xosé.

    16 abr 2021 / 13:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.