Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ferrol tamén tivo o seu 15-M na Praza de Armas // Todos querían cambio, aínda que paradoxicamente se materializase na aplastante victoria de Mariano Rajoy TEXTO Patricia Hermida

Non digas que foi un soño

Na primavera do 2011, fermentaba o Comando Trilita de Ferrol. A cidade metálica navegaba eses anos entre ondas combativas. Como sempre, pero como nunca. Coa sangue incomparable dos traballadores das auxiliares, as aínda tumultuosas manifestacións do naval ardían entre neumáticos e guillotinas. Nos bares, tramábanse futuras revolucións de viños e cervexas. E os cidadáns tomaban o pleno, coa ‘Grándola, Vila Morena’ no peito. Ferrol estaba tan chea de dor como de vida. Como un lóstrego que cegaba. Había despidos, había pobreza. Pero había resistencia.

Para gran pesar das autonomías Fóra de Portas, todo o noticiable pasa por Madrid. E nas nacentes redes sociais, asistíamos ao furor dun 15M estudantil que se dirixía contra o esmorecente Goberno socialista de Zapatero. Máis alá daqueles líderes de megáfonos reconvertidos co tempo en efímeros vicepresidentes, máis alá das acampadas na Porta do Sol... Ferrol tamén tivo o seu 15M. Na praza de Armas xuntábanse a diario mozas universitarias, veteráns sindicalistas dos estaleiros, cabezas visibles do movemento veciñal, e mesmo algún oportunista nostálxico da estatua ecuestre de Franco. Todos querían cambio, aínda que paradóxicamente se materializase na aplastante victoria de Mariano Rajoy.

Como a lava do Vesubio, aquel movemento avanzou liderado polo satanizado profesor Pablo Iglesias. Os incrédulos asistían á irrupción da súa esquerda nas eleccións europeas, ao mesmo tempo que a Syriza grega convertía a Varoufakis no político de moda (entón codiciada parella da protagonista de Common People, hoxe só pó de estrelas). E eu, que non son precisamente testemuña privilexiada de nada, si que podo afirmar que vivín nas autonómicas de 2012 o furor en torno a AGE. Viaxaba como correspondente do CORREO GALLEGO na caravana do PSdeG, para cubrir a súa campaña. E os ánimos dos socialistas pasaban da broma á negación, e posteriormente á desesperación, ao ver como a xente tiña que quedar fóra dos mítines de Beiras e Yolanda Díaz por exceso de aforo. “Non pode ser, non pode ser”, murmuraban ante aqueles inéditos rock stars.

E dalgún modo, todos nos deixamos arrastrar por aquel espíritu de euforia. Uns a favor e outros en contra, nunca os nacidos na democracia falaran tanto de política. Mesmo na Armada, se desataban loitas cainitas entre os mandos afíns á política conservadora e a mariñería partidaria do rupturismo. Aquela vida era pura discusión. Pero tamén moi emocionante. E aquela voracidade polo debate tiña continuidade especialmente nas noites dos bares. No Comando Trilita de Ferrol compartían mesa as xornalistas do naval, os traballadores dos estaleiros, os enxeñeiros e algún político que despois pasaría pola corporación. Desatáronse odios, tamén amores. A palabra corría á mesma velocidade que o camareiro tiraba as cañas. Éramos novos. E iso só o sei agora.

A éxtase tamén implica o posterior descenso. Pode que o cumio para aquela esquerda rupturista chegara coas municipais de 2015. Alcaldes desgavaratados tomaban o mando con entusiastas equipos que se atopaban de súpeto co máis amado e temido: o PODER. E seguro que o camiño ata as alcaldías foi máis valioso, cuns primeiros meses de idilio. Como naquel verán do amor en Ferrol, con Pablo Iglesias adorado na praza de Amboage como un New York Doll no seu mellor momento. Pero despois do verán, chega o inverno. E o coñecemento. E a desmitificación. E a decepción.

Porque co tempo, aqueles mozos entusiastas transformáronse en pragmáticos políticos de clase alta. Ou tropezaron coa oposición dos grandes medios. E coa imposibilidade de levar á práctica os seus ideais. Ou co desencanto persoal. E sobre todo a decepción chegou para elas, co machismo presente en todos os partidos políticos. Absolutamente, todos. A luz de Pablo Iglesias empezou a apagarse nada máis pisar o Goberno. E ese crepúsculo acompañou en paralelo a Ferrol. Ninguén logrou parar o desmantelamento industrial da comarca, ata deixarnos imaxes distópicas que nunca imaxinamos. Manifestacións baleiras de traballadores, A liña do ceo das Pontes cunhas chemineas que pronto pasarán á historia. Ou as barricadas convertidas en cinzas nas Somozas. Ninguén o conseguiu, ningún partido. Só quedou o abandono.

No verán de 2020, chegaba a debacle electoral á esquerda rupturista galega. O catastrofista nome de Galicia en Común-Anova Mareas non auguraba nada bo. E menos no corazón dunha pandemia mundial. Os que antes votaban a Iglesias agora retornaban ao BNG. E as xa vellas Mareas desaparecían do mapa celta, mentras Yolanda Díaz subía primeiro ao Ministerio de Traballo, despois á Vicepresidencia Terceira do Goberno... e o que lle queda por diante. Ata que finalmente, todo quedou en tebras. Pablo Iglesias desapareceu. E o 15-M converteuse nunha efeméride máis, opacada nestes tempos de morte e renacer.

“E a pesar de todo, non digas que foi un soño”, escribíamos no CORREO naquel verán de 2020. E sen embargo, non te enganes, e non digas que foi un soño. Que fracasaron os proxectos da túa vida. Que tan mal saíron, non te lamentes sen sentido. Porque polo camiño houbo mil aventuras. E aquí estamos, máis pobres. Pero ao final, todos vivimos por un instante a nosa particular Alejandría.

14 may 2021 / 21:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
15M
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.