Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Non é normal que sexa legal que os ídolos de moitos nenos protagonicen publicidade de casas de apostas”

Santiago Caamaño, ludómano rehabilitado, busca concienciar sobre os perigos desta enfermidade na que caen cada vez máis mozos

Entrevistamos ao coruñés Santiago Caamaño, ludómano rehabilitado e activista que busca concienciar e axudar a xente con esta enfermidade. Desde a súa conta de Twitter @LudopataR conta a súa experiencia e alerta á xuventude sobre os perigos do xogo. É un problema cada vez máis arraigado entre os máis mozos. Segundo un estudo da USC, un de cada dez adolescentes de entre 12 e 18 anos en Santiago de Compostela recoñece apostar diñeiro en xogos de azar en liña ou webs de apostas (póker e apostas deportivas principalmente).

Cando comezaches a xogar e como comezou a túa adicción?

Empecei a xogar con 14 anos, comezando co póker cos amigos. Ao principio víao un xogo social, por dicilo dalgunha maneira, pero pouco a pouco empecei xa a xogar por internet e polos 16 anos tamén empecei a xogar á ruleta e tragaperras, e penso que foi aí onde empecei a perder o control un pouco. Todo o que tiña trataba de gastalo só no xogo e intentaba conseguir diñeiro para xogar, porque eu daquela non tiña ingresos, e foi cando empecei a engancharme. Ata os 22 estiven xogando practicamente a diario.

Afectou o problema ao teu día a día?

A corto prazo eu pensaba que só me afectaba economicamente, pero agora véndoo dende unha perspectiva máis afastada afectábame en todo. Realmente non ía a clase por xogar, non ía cos amigos nin a ningún evento familiar, sempre buscaba algún tipo de escusa para poder quedar xogando na casa. Buscaba aislarme, sen vida social polo xogo.

En que momento te deches conta de que tiñas un problema?

Pedín axuda cando tiña 22 anos, pero cando pedín axuda non foi realmente porque pensase que tiña un problema, senón porque tiña unha débeda grande e busquei axuda pola débeda máis que polo problema en si. Logo, unha vez que empecei a rehabilitarme porque a familia me ofreceu axuda, tiven un par de recaídas, e aí nesas recaídas con 23 anos foi cando me din conta de que si que estaba enfermo e de que non ía ser capaz de recuperarme eu só antes de que todo fora a peor.

Resultouche complicada a rehabilitación?

En principio non a tomei en serio, pero cando a tomei en serio foi ao principio incomodo porque tes que facer o exercicio de control de gastos, pero ao final seguín adiante, era un problema de que necesitaba saír e non quedou outra.

Cres que o xogo e sobre todo as casas de apostas están demasiado normalizadas incluso entre os menores de idade?

Si, claro, cada vez máis. De feito, o problema que está habendo actualmente é este, que están normalizadas sobre todo as casas de apostas deportivas. Un 20% de rapaces de 14 anos xa xogaron algunha vez unha aposta deportiva, iso é unha barbaridade. Penso que agora mesmo non é normal ver un neno de 14 anos nunha tragaperra pero igual nunha maquina de apostas xa non é tan raro, a xente xa non o ve como algo tan fóra do común, o que é moi perigoso.

A quen se pode sinalar como culpable?

A culpa é loxicamente das casas de apostas, pero polo feito de que se lles permite legalmente. Entón tamén hai unha parte da normativa que ten culpa, porque o que non é normal en pleno 2021 é que sexa legal ver a Cristiano Ronaldo ou Neymar, que son os ídolos de moitos nenos, anunciando unha actividade que está prohibida para menores. É moi perigoso ver isto cando quen máis os idolatran son os nenos e adolescentes, son os que mais soen verse reflectidos en futbolistas de elite, pero tamén en outros famosos que tamén publicitan estes espazos. A xente dese mundo, os operadores de xogo, os famosos que colaboran e a normativa, todos xuntos son un bucle moi perigoso para a xuventude, todos temos unha parte de culpa.

Que opinas sobre as novas mediadas dadas dende o Ministerio de Consumo, son un avance ou non son suficientes?

Todo o que sexa poñer novas normativas é sempre un avance, pero loxicamente parécenme insuficientes, porque chegamos a un punto no que está tan estendido o problema que o tema da publicidade e algo que xa había que erradicalo. Eu xa non falo de políticas de casas de apostas, iso igual había que limitala a núcleos por 1 cada 10-20 km como se fai cos casinos. Pero a publicidade a única solución é prohibila, non serven só as restricións horarias nin nada. Agora é o momento de erradicar a publicidade e limitar os salóns de xogo e sobre todo quitar as apostas dos bares, porque se o estás regulando por un lado pero a mesma vez se poñen nos bares como está pasando en Galicia, parece que o que estás quitando por un lado estás dándoo polo outro, así que non ten moito sentido.

Cando decidiches traballar na concienciación?

Empecei na asociación na que eu me rehabilitei, que é AGALURE. Eu estaba axudando dando charlas nos colexios e cando me din conta de que o problema era máis grande do que eu pensaba, porque vías que practicamente todos os chavales xogaban, foi cando quixen poder facer algo ao respecto, intentar poñer un gran de area para concienciar ou axudar dentro do que poda.

19 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.