Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Alto Gaiteiro en Xanceda será o terceiro EPIN galego

A Xunta publica o anteproxecto para declarar a estos terreos no concello de Mesía espazo privado de interés natural // A granxa ecolóxica Casa Grande fixo a solicitude hai dous anos

O río Gaiteiro, que discorre polo concello coruñés de Mesía, na comarca de Ordes, ten infinidade de atractivos pero dentro de poucos contará cunha nova protección, polo menos no seu curso alto. A razón é que a Consellería de Medio Ambiente acaba de publicar no portal de Transparencia da Xunta o anteproxecto da Orde que declara as fragas e brañas do Alto Gaiteiro como espacio privado de interés natural (EPIN).

A solicitude, realizada pola granxa de vacas ecolóxica Casa Grande de Xanceda en febreiro do 2020, por fin tivo resposta, despois das análises feitas por técnicos da Administración autonómica, tal e como explica a este periódico o veterinario e xerente da Casa Grande, Guillermo Martínez tras coñecer a nova.

O expediente estará a dispor do público un mes, para as posibles alegacións. Realmente, esta declaración como EPIN non representa moito cambio, xa que a granxa leva coidando deste espazo natural desde sempre. Ademais para a Xunta tampouco traerá custe en cartos nin en traballo, máis alá dun pequeno control de que o Alto do Gaiteiro segue como ata agora.

sen asignación económica da Xunta No anteproxecto queda claro que “a declaración non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación, aínda que pode ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión”.

A decisión foi tomada porque “o expediente conta cunha memoria técnica que acredita que a paraxe posúe valores singulares e reúne as condicións adecuadas para ser declarada espazo protexido”, indica Medio Ambiente.

A Xunta indica no seu escrito que a Casa Grande de Xanceda é na actualidade “un dos maiores produtores de lácteos ecolóxicos de España e o mais importante de Galicia con unha cifra de negocio de 10 millóns de euros no ano 2020. Ofrece 45 postos de traballo directos estables (60% mulleres). Ten feitas inversións de mais de cinco millóns de euros dende o ano 2006 e proxecta inversións de mais de seis millóns de euros para os próximos tres anos”.

pertence á cunca do río Tambre Martínez indica que realmente este recoñecemento é para “o rego de Xanceda, que pertence ao curso alto do Gaiteiro, unha das fontes que abastece ou pertence á cunca ou bacía do río Tambre”. Para a Casa Grande en xeral e para o seu xerente en particular, que sempre estivo relacionado con grupos ecoloxistas e naturistas, no ADN está a protección da natureza e neste caso, “desde un punto de vista de sostibilidade medioambiental e económica, porque temos unha actividade agropecuaria desde os anos 60”.

A petición xorde porque as 74,5 hectáreas –dispostas en dous enclaves separados entre si por leiras de terceiras persoas alleas ao espazo declarado– que agora contarán co título EPIN forman parte das máis de 200 que ten a granxa para pastos das vacas polo que “o que pretendemos demostrar é que é perfectamente compatible co mantemento e o fomento da biodiversidade e a conservación deste ecosistema agrario”, explica o xerente.

Son espazos seminaturais que conforman a paisaxe que máis se identifica cando hai vacas pacendo, “pradeiras pechadas por sebes que serven de acubillo para mamíferos, insectos, aves... e ao mesmo tempo no caso da nosa finca pedimos esta protección para a parte que está na cunca do rego de Xanceda”, indica Martínez.♠

En realidade, ser EPIN “é un compromiso do propietario das terras de que vai poñer todos os medios económicos, organizativos e humanos para preservar e fomentar o seu coidado”. A explotacióngandeira evita por completo en toda a súa superficie o uso de produtos químicos de síntese como fertilizantes, abonos, herbicidas e pesticidas prexudiciais para o medio ambiente, polo que a diversidade de insectos e polinizadores é considerable.

fragas e brañas con vexEtación e fauna de ribeira As características propias dunha produción ecolóxica, unidas ao feito de que conserva unha notable mostra de sebes multiespecíficas, brañas, fragas e vexetación de ribeira, fan que esta paraxe manteña uns valores naturais que merecen ser preservados e potenciados, explica a Xunta. Todo posible porque o dono e promotor desenvolve un modelo agrogandeiro e fabril sostible, que internaliza as cosideracións ambientais e promove a conservación da biodiversidade de xeito compatible

Existen catro núcleos con máis protección activa, unha fonte, coñecida como Braña do Galo, con bosque de ribeira con especies de flora e de fauna importantes. Tamén existen carballeiras de Quercus robur e Quercus pyrenaica, representadas por dúas unidades de gran valor natural e etnográfico. Unha delas é unha carballeira madura perfectamente conservada, moi vella, que mantén unha orla boscosa de acivros e cerquiños nas zonas máis periféricas, formada por arredor de 70 carballos de gran porte.

A segunda unidade é unha carballeira máis modesta, acompañada principalmente de cerquiño, acivro, castiñeiro e loureiro. Tamén hai brañas ou prados moi húmedos e no sector nordés do EPIN existe unha zona húmida de peculiar interese cunha charca de augas estancadas con gran cantidade de flora específica e contido moi baixo de minerais, tal e como recolle o informe da Xunta..

Así mesmo, Martínez explica que a gran riqueza da produción ecolóxica está en que preserva o medio e ten unha “fertilidade dun xeito natural gracias precisamente a todos os microorganismos e microfauna, fungos... que habitan debaixo da terra. Un ben invisible”, destaca.

E di que “cando se fai gandeiría extensiva, como neste caso, cuns marxes axeitados, podemos permitirnos o luxo incluso de destinar diñeiro para protexer o medio no que están as vacas”. Por este motivo solicitaron hai dous anos a declaración de EPIN para o Alto Gaiteiro, aínda que lles implique moitas actividades que non poidan facer como é o caso de usar fertilizantes, ir en contra do bosque de ribeira, nada que sexa contaminante”, etc, remata o xerente da Casa Grande.

Os outros dous epins galegos
As Sobreiras de Faro, en Oia, desde o 2011

A declaración das Sobreiras do Faro, no concello pontevedrés de Oia como EPIN foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 12 de xaneiro do ano 2011. Trátase dunha das escasas masas de sobreiras en rexións con clima oceánico que se coñecen en Galicia, o que lle confire unha notable singularidade bioxeográfica. Outra peculiaridade deste bosque é que case todas as sobreiras teñen o tronco negro por un incendio no 2006, ao que sobreviviron grazas á súa grosa cortiza. Son da especie Quercus suber L., teñen máis de 70 anos, un porte de entre 12 a 15 metros. Forma parte da Ruta Máxica de Oia, que inclúe petróglifos, pozas, numerosas fervenzas e vistas panorámicas. O sobreiral, de 6,78 hectáreas, no canón do río Broi é propiedade da Comunidade de Montes V. M. C. de Viladesuso. salomé barba

Lagos de Lousada, no concello de Xermade

Os Lagos de Lousada, no concello lucense de Xermade, conforman unha área natural cunha extensión de máis de 40 hectáreas, cuxa declaración definitiva como EPIN foi a finais de abril do 2019. Aparcela na que están posúe uns valores singulares respecto de a hidroloxía, derivados da presenza de antigas explotacións mineras que deron lugar á creación de douslagos e unha lagoa permanentes. Os lagos teñen unha superficie uns 15.000 m2 e a lagoa, de aproximadamente 1.500 m2. Son importantes puntos de auga para a fauna da contorna, con notables poboacións de insectos e anfibios, e forman parte do Inventario Galego de Humidais. O EPIN tamén garda relación coa Reserva da Biosfera Terras do Miño, ao estar integrado dentro do seu ámbito territorial. SALOMÉ BARBA

10 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Oia
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.