Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Banco de España e o mundo rural

    O BANCO DE ESPAÑA acostuma a sorprendernos e non sempre para ben. O seu último informe anual inclúe unha análise das implicacións económicas da distribución espacial da poboación. Lonxe de laios estériles e de xesticulación innecesarias, aborda con método e rigor os destinos diverxentes dos mundos rural e urbano. E sobre todo, atrévese a formular algunhas propostas útiles.

    Centrándonos no mundo rural, cabe recoller tres ideas. A primeira, que nas últimas décadas a evolución diverxente está ocasionada polas diferencias no crecemento natural da poboación (e non polo éxodo rural). Pero o movemento previo de abandono do campo condiciona o déficit natural actual.

    A segunda, a evolución a longo prazo explícase polos cambios na estrutura produtiva (o tránsito dunha economía agraria a outra industrial e logo de servizos): en España moitas zonas agrarias foron incapaces de acometer a mínima industrialización que evitase o éxodo. Por iso a concentración da actividade e a poboación nas cidades é alta. Gustaríame, en todo caso, que o estudo incidise máis no efecto positivo que ten provocado nas últimas décadas a descentralización do estado do benestar: os servizos públicos funcionaron como un mecanismo equilibrador fronte ao funcionamento do mercado.

    A terceira, que a proximidade a unha área urbana (e canto máis grande mellor) é un factor positivo para o mantemento económico e demográfico do mundo rural. As cidades e o campo camiñan xuntos. Aproximadamente un millón de habitantes residen en concellos en risco de despoboamento (un terzo do total), lonxe da influencia urbana. En Galicia concéntranse nas montañas orientais, na dorsal galaica e na fronteira terrestre co veciño Portugal.

    A diagnose compleméntase con propostas de políticas públicas, de adaptación (manter os servizos que poidan elevar o benestar da poboación) e de mitigación (de desenvolvemento a medio e longo prazo), que, en diferentes doses, deben ser aplicadas aos diversos mundos rurais. Nunha publicación recente (O país do porvir, Galaxia, 2020) tiñamos avanzado algunhas ideas que vexo agora recollidas. A adaptación esixe concentrar a provisión dos servizos públicos e facilitar o acceso a todos, para o que propuñamos artellar un mapa de prestación de servizos básicos con garantías. O papel dos nodos urbanos é central (esta era a idea básica do Plan de Reequilibrio territorial impulsado polo Presidente Touriño, que despois non tivo continuidade). Para favorecer o desenvolvemento compre imitar as mellores prácticas internacionais: tiñamos proposto o modelo escocés, para as Highlands, de axencia independente, que agora o Informe retoma; engade o exemplo de Xapón ou de Italia, quizais demasiado recente. Despois da pandemia o hábitat dixital con conexión dixital 5G é unha fonte de esperanza.

    Con realismo, con determinación, con profesionalidade e consenso político é posible dotar ao medio rural dos servizos precisos para desenvolver unha vida digna e fomentar a radicación en espazos non urbanos de actividades de alto valor engadido, sempre que servizos, conectividade e acceso aos espazos urbanos estean garantidas. O Plan de Medidas diante do reto demográfico, con máis de 10 mil millóns de euros nutridos cos fondos extraordinarios europeos é unha oportunidade a non desaproveitar.

    07 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.