Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG descentraliza o ‘Día da Patria’ cara as sete cidades por mor da covid

Campos cre que tras o 12-X, militancia e simpatizantes teñen ganas de celebrar pero reivindica que se trata dun convite aberto á participación do conxunto da cidadanía de forma inclusiva

O BNG proporcionaralle un carácter máis “expansivo e descentralizado” ao Día da Patria Galega neste insólito 2020, para casar a seguridade sanitaria coa conmemoración dunha data que este ano convírtese en centenaria e tras un proceso electoral no que os frentistas, con Ana Pontón á cabeza, obtiveron uns resultados históricos con 19 deputados no Pazo do Hórreo .

Para informar dos actos que a formación que dende o 12-X lidera a oposición en Galicia, ten preparados para o vindeiro domingo, compareceu onte Xabier Campos, secretario de comunicación do BNG. A celebración constará de sete actos nas sete principais cidades galegas que arrancarán conxuntamente ás 12:00 horas.

A Praza da Quintana –epicentro habitual dos actos do 25 de xullo– seguirá sendo o escenario central no centenario, de feito, está programado que ás 12:45 horas os actos do resto de cidades conecten en directo co acto central celebrado nesta praza da Zona Vella compostelana. Un directo, que segundo informou Campos, “tamén se poderá seguir a través de Facebook.

Nesta descentralización do 25 do Santiago, cobrará especial relevancia a militancia do BNG e a súa implantación territorial xa que os actos en cada cidade contarán con intervencións dos voceiros locais frentistas e os nacionalistas teñen asignado unha cidade para a celebración do acto, a todas e cada unha das comarcas do país, en función da área de influencia, para que a ‘Patria’ chegue a todos os recunchos do territorio. A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acudirá á celebración na Praza da Quintana que contará cun aforo máximo dun milleiro de persoas. Dende alí, intervirá xunto con Paulo Ríos “Kai” –deputado electo e secretario xeral de Galiza Nova–. Unhas intervencións que como apuntou Campos, “se replicarán en directo no resto de cidades” e tamén en redes sociais.

Este acto na Quintana, virá precedido da tradicional marcha –instaurada a partires de 1983– dende Praza de Galicia. Este ano obrigadamente transformada nunha “marcha controlada” na que os nacionalistas realizarán un reparto masivo de bandeiras galegas, e qeu contará cun amplio “servizo de orde” que garantirá escrupulosamente o cumplimento das medidas de seguridade fronte ao coronavirus.

AMBIENTE FESTIVO. Campos presentou o cartaz que os nacionalistas deseñaron para conmemorar o día, co lema “Construíndo a nova Galiza”. O secretario de comunicación sinalou que “con este lema transmitimos que non se terminou nada, senón que o 12-X foi un paso adiante importante nun proceso de crecemento”, que augura “irá a máis”.

E é que o dirixente nacionalista destacou que este será un “Día da Patria postelectoral”, estimando que terá “un aspecto especialmente festivo, de celebración conxunta e colectiva da militancia e os simpatizantes” polos resultados acadados por Pontón.

INCLUSIVIDADE. Xavier Campos quixo destacar que os frentistas non conciben o Día da Patria como propio, senón de xeito “inclusivo”. “Este é o día da nación que compartimos dirixido a todos os galegos e galegas na súa diversidade e pluralidade, sexan ou non nacionalistas. É o día no que nos une o amor que temos polo noso país”, explicou o dirixente frentista.

Neste senso o BNG xa ten convidado a cada un dos sete actos a persoas que representan colectivos sociais, veciñais e económicos do país, xa que, “é un convite aberto á participación da cidadanía”, insistiu.

ACTOS PREVIOS. Como cada ano, os días previos ao 25, servirán para entrar en calor.

O venres 23, a cita é en Ferrol onde terá lugar unha ruada baixo o lema “Avante a República Galega” convocada polo BNG xunto ás súas organizacións xuvenís, a CIG e grupos indepententistas como Causa Galiza, Briga ou a Fundaçom Artábria.

Por outra banda, o sábado 24, Galiza Nova organiza un acto homenaxe a Rosalía e Castelaou por parte da mocidade. A cerimonia terá lugar no Parque de San Domingos de Bonaval ás 18:00 horas. Intervirán neste caso ademais de Ana Pontón e Paulo Ríos “Kai”, Daniel Castro e Iria Carreira. Ambos deputados electos nas eleccións do 12-X e integrantes da dirección nacional de Galiza Nova ao igual que Ríos.

100º aniversario
un século de celebración

··· As orixes do Día da Patria Galega remóntanse ao 1919 cando a Asemblea das Irmandades da Fala reunida en Compostela acordou celebralo o 25 de xullo do ano seguinte. Unha decisión da que participaron históricos “bos e xenerosos” como Losada Diéguez, os irmáns Vilar Ponte, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas.

··· Durante os anos previos á ditadura primorriverista e ao longo da II República o día adquire o seu cariz festivo e reivindicativo, pronto truncado tras a Guerra Civil cando o franquismo oculta ese día que, curiosamente, pasou a ser o Día de España. Mantendo as celebracións unicamente no exilio republicano.

··· Coa chegada da democracia e do Estatuto de Autonomía no 1981 ten lugar a aprobación definitiva da conmemoración do Día Nacional de Galicia no 25 de xullo. Non obstante esta oficialidade conlevou o endurecemento das medidas de seguridade. Ata tal punto que o Goberno Civil de A Coruña prohibiu as manifestacións nacionalistas, unha prohibición que duraría ata 1983 cando centos de manifestantes deciden concentrarse na compostelana Praza de Galicia, dando lugar á manifestación que decorre anualmente ata a Quintana.

22 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito