Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG propón un plan de 28 millóns para rescatar ao sector cultural

“Están vivindo unha situación desesperada”, advirte Pontón

O sector da cultura, os seus traballadores, atravesan una situación de “desesperación” por mor do peche total que están a padecer case dende o inicio da pandemia. O BNG compara a súa situación como a dun enfermo ingresado na unidade de coidados intensivos, e propón para o seu rescate un plan de 28 millóns de euros con cargo aos orzamentos galegos de 2021, actualmente en trámite parlamentario no Hórreo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón Mondelo, reuniuse onte con representantes deste sector para coñecer mellor a súa situación e presentarlles este plan, que os nacionalistas plantexarán en forma de enmendas aos Orzamentos. Se antes da COVID a situación xa era de debilidade estrutural, “agora é crítica e precisa de medidas urxentes”, dixo Pontón.

O plan de rescate que plantexa o Bloque estaría destinado así a atender as urxencias máis inmediatas, como gastos derivados de axendas e programacións canceladas, alugueres, créditos, ou ingresos que palíen a falta de salarios o para afrontar gastos como as cotizacións sociais, tendo en conta que a maior parte dos traballadores da cultura son persoas autónomas, microempresas ou cooperativas sociais.

Entre as medidas máis inmediatas o BNG propón tamén “reorientar” partidas do Xacobeo e, xa máis no medio plazo, aposta por incrementar os fondos orzamentarios destinados á cultura até chegar ao 1 % nas contas de 2021 e ir a un incremento progresivo ata acadar o 1,5 % en dez anos. Pontón lembrou que nestes momentos a partida nos orzamentos para cultura é de 95 millóns de euros, o que supón un 0,82 % do total. Salientou, a conta disto, que no 2008 –último ano do bipartito– os fondos para o sector ascendían a 167 millóns, e que Portugal adica xa o 1,8 %, e Francia, un 2,5 %.

2 % de PIB e 30.000 postos de traballo. “Temos talento, capacidade, potencial, e non podemos deixar que a crise se leve por diante un sector que está nunha situación desesperada (...) non só polo que implica para un país a creación cultural, senón porque representa un sector económico capaz de xerar riqueza e emprego”, advertiu Pontón Mondelo. Antes da pandemia aportaba o 2 % do PIB e xeraba o 3 % do emprego, arredor de 30.000 postos de traballo.

17 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.