Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O cambio climático: un problema na man de todos

O experto Juan Taboada indica que en Santiago provoca que as choivas se acumulen en períodos moi concretos

Trátase dunha problemática que nos afecta a tódolos cidadáns, algo que non ten posibilidade de ser eludido. O cambio climático é un fenómeno cuxa orixe foi hai máis de 150 anos, aínda que os seus efectos teñen estado máis visíbeis desde a metade do S.XX cara adiante. Ademais, baséase no cambio das condicións climatolóxicas que soen ser habituais nun lugar. Por exemplo, estes cambios poden verse representados en aumento ou diminución de precipitacións, períodos máis longos de calor ou alongamento de estacións, entre outros.

Debido á complexidade deste fenómeno e que é unha constante nos medios de comunicación, quixemos tratar cun experto sobre o tema, Juan Taboada, meteorólogo e coordinador de Meteogalicia.

-Como definirías o cambio climático?

A terra ten unha temperatura media que se debe á temperatura que ven do sol e a radiación infravermella que a terra emite cara o espazo. Este balance determínao a composición da atmosfera. Despois, hai unha pequena porcentaxe de gases que se chaman de efecto invernadoiro, que o que fan e que parte desa radiación infravermella que remitiría cara o espazo retéñena e volve cara á superficie. Pero agora mesmo estamos a alterar ese equilibrio, incrementando a cantidade de gases de efecto invernadoiro e o consecuente aumento de temperaturas a nivel global.

-Cal ou cales son os causantes deste cambio?

O xeito no que xeramos e consumimos a enerxía. Agora estamos nunha transición, pero ata agora, é dicir S.XX e comezos do S.XXI, estabamos baseados no uso de combustíbeis fósiles, como poden ser o carbón ou o petróleo. Estes combustíbeis teñen como consecuencia a xeración de gases de efecto invernadoiro. Porque unha vez que os emitimos, quedan unha media de 100 anos na atmosfera.

-Como está a afectar a Galicia esta situación e, concretamente, á cidade de Santiago de Compostela?

A nivel xeral en case todo o mundo, o que estamos a ver é que a temperaturas medias van aumentando. Ademais, está medrar a frecuencia de fenómenos extremos. Por exemplo, temos o caso das choivas no que se incrementan as torrenciais, é dicir, non hai unha tendencia a que Santiago sexa máis húmido ni máis seco, pero si que estamos a ver que as choivas acumúlanse en períodos moi concretos. A meteoroloxía, no día a día, está a ser moito máis desordenada.

-Ten solución ou freo esta situación climática?

Parte da solución está en descarbonizar o uso da enerxía, é dicir, pasar a enerxías que non xeren gases de efecto invernadoiro como o dióxido de carbono. Ademais, é necesario ter os escenarios de cambio climático a nivel local, é dicir, a nivel europeo sabemos ben pero a nivel local fai falta máis detalle.

-Que mensaxe lle transmitirías sobre o cambio climático á poboación que nos le?

Que é un problema real, pero que ten solución e está nas mans de todos. Aquel vello lema “pensa globalmente, actúa localmente” segue a ser moi importante. Cada un podemos aportar algo, tamén as diferentes administracións estando activos. Pero que non hai que ter unha visión de catástrofe, é un problema que está aí e hai que abordalo.

29 mar 2021 / 11:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.