Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
25X

O camiño do ben feito

Decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)

O día grande de Galicia sérveme este ano, grazas a amabilidade de El Correo Gallego, para transmitir con rigor e entusiasmo o sentimento de orgullo que deberiamos ter pola Galicia que estamos construíndo entre todos. Construíndo no sentido literal da palabra, porque lles vou falar da arquitectura e o urbanismo galegos, as disciplinas nas que maiormente desenvolvemos a nosa profesión os arquitectos, colectivo ao que teño o privilexio de representar.

Levamos anos co run run do “feísmo”, de que en Galicia se constrúe peor que no resto de España, e que estamos lonxe de compararnos co resto de Europa, que vaia chapuzas as que se ven polo noso territorio, que non respectamos o medio natural... En fin, unha serie de tópicos que fixeron efecto en nós creándonos un sentimento de culpabilidade arredor da nosa paisaxe e arquitectura. Pois dígolles que iso xa non é certo. Acreditamos anos traballando desde o COAG e as Administracións Públicas para cambiar as dinámicas, a forma de facer as cousas, e agora empezamos a colleitar os froitos.

O COAG, co apoio da Xunta de Galicia e outras institucións, leva 22 anos desenvolvendo un programa pioneiro, o Proxecto Terra, un programa que dá a coñecer ao alumnado de primaria e secundaria os espazos que habitamos e as ferramentas para o cambio cara un modelo de desenvolvemento sostible da arquitectura e o territorio. Esta mensaxe transmitida aos escolares, moitos deles adultos hoxe en día, callou fondamente e xa é parte inherente dos seus valores.

Por outro lado, dispoñemos dunha regulamentación sobre territorio, paisaxe e patrimonio que, se a aplicamos ben, conseguiremos que o desenvolvemento do noso territorio se realice dunha forma axeitada.

Os arquitectos proxectamos desde a sustentabilidade de medios, materiais e economía, é dicir, da maneira na que só é posible enfocar a arquitectura hoxe en día, unha arquitectura baseada nos valores da Declaración de Davos e da New European Bauhaus. O tempo deunos a razón. Cómpre a conservación do noso patrimonio construído, cómpre adaptar as nosas vivendas aos termos de habitabilidade, salubridade e confort actuais.

Debemos pensar, vivir e proxectar practicando as tres erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar. Por fin a Administración decatouse da importancia desta mensaxe e está apostando por el a través das axudas á rehabilitación, axudas que por certo podían ter unha tramitación menos engorrosa, xa que o importante é conseguir renovar o noso patrimonio; pero lamentablemente, a maior parte destas tramitacións consisten en papeleo administrativo que non fai senón desistir ás persoas interesadas en acceder a elas.

Por outra parte, a propia Xunta está impulsando a calidade da arquitectura a través da tramitación da Lei de Arquitectura de Galicia, lei que pretende ser vangardista con respecto a outras aprobadas nesta materia, unha lei que co tempo nos permita conformar un mellor territorio. Entre tanto, redactan guías na que se nos di que materiais, cores e formas utilizar nos nosos proxectos. Agradecendo este interese, entendemos que non é necesario que nos fixen eses condicionantes.

O saber e esforzo dos participantes do proceso arquitectónico (promotor, construtor, directores de execución e proxectistas) reflíctense claramente nas obras de arquitectura e urbanismo que se realizan en Galicia, obras premiadas máis alá de Os Ancares e A Raia. Lembremos as pasadas edicións dos premios FAD, as Bienais Españolas e Iberoamericanas de Arquitectura e Urbanismo, e os premios de Arquitectura e Urbanismo do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), onde unha morea de obras proxectadas e executadas en Galicia polos nosos colexiados foron finalistas ou premiadas.

Este mesmo mes entregáronse os Premios de Arquitectura do CSCAE, con 21 finalistas entre as máis de seiscentas obras presentadas, dous deles galegos e un gañador do Premio Sustentabilidade e Saúde: Valores universais. Galicia é un territorio onde pasamos do “ti vai facendo” ao “ben feito”. Sigamos así, polo camiño do ben feito.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito