Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CES cre inaprazable que se modernice o transporte ferroviario na comunidade

Ve necesario investimentos programados no tempo e medidas estruturais no ámbito económico para mellorar a competitividade

O ferrocarril desempeñou un papel hexemónico no transporte terrestre de mercadorías durante practicamente un século. Esta situación mudou tras a segunda guerra mundial co uso xeneralizado do automóbil e o desenvolvemento do transporte por estrada.

Durante anos o uso do ferrocarril foi diminuíndo en Galicia, tanto no referente a viaxeiros, como a mercadorías, entrando nunha senda de abandono e deterioro patrimonial. Os investimentos en alta velocidade, desde os últimos anos do século XX, racharon a tendencia no referente ao eixo atlántico entre Coruña e Vigo e na conexión deste con Ourense e a meseta. Sen embargo no resto da rede o deterioro patrimonial e a perda de competitividade do transporte ferroviario continua ata os nosos días.

O ano 2021 foi declarado como ano europeo do ferrocarril, o que supón unha oportunidade para relanzar e poñer en primeiro lugar de prioridades a defensa do tren como medio de transporte seguro, segundo sinala o CES (Consello Económico e Social de Galicia) a través dun manifesto.

Na actualidade estamos nunha situación de emerxencia climática na que o ferrocarril é unha peza crave na imprescindible descarbonización do transporte.

o ferrocarril como transporte eficiente enerxéticamente. Neste contexto dende a entidade ven imprescindible facer un xiro radical nas políticas de transporte para avanzar cara a un modelo sostible onde a mobilidade a pé, en bicicleta e en medios de transporte colectivos, sexan prioritarios.

Reivindican o ferrocarril como un dos modos de transporte máis eficientes enerxéticamente e con menores emisións; eixo dunha modalidade sostible e multimodal que contribúe tanto á construción de cidades máis habitables como ao equilibrio do conxunto do territorio.

“A priorización na planificación da mobilidade das estradas e do automóbil debilitou un sistema ferroviario que hoxe tería que estar xogando un papel central na loita contra o cambio climático”, mencionan.

No ámbito do transporte de persoas, os investimentos nas liñas de alta velocidade permiten mellorar as conexións de media e longa distancia facilitando a mobilidade. Esta circunstancia acredita a importancia e urxencia na finalización das conexións pendentes, co obxecto de garantir a accesibilidade da totalidade das cidades galegas á rede de alta velocidade, en condicións de igualdade co resto de capitais de España que contan co servizo desde fai anos.

problemática do transporte de mercadorías. No referente ao transporte de mercadorías, a definición dos corredores multimodais por parte da Unión Europea establece una malla, conformada por unha rede básica (que debería ser realidade no 2030) e una rede global (para o 2050) que debe posibilitar un transporte sustentable, integrador, eficaz, así como eficiente e que teña en conta os fluxos de mercadorías actuais e futuros permitindo acadar os obxectivos ambientais previstos na Unión. O corredor atlántico vertebra a fachada atlántica europea e a conecta co interior do continente.

No seu deseño orixinal o corredor atlántico non contemplaba, como parte da rede básica, as conexións ferroviarias cos portos galegos e asturianos, cuestión que foi emendada a través dunha revisión como consecuencia, entre outras iniciativas, da acción conxunta dos gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León que reclamaron no 2017 a ampliación do corredor para dar servizo a zona noroeste da península ibérica e os seus portos.

As deficiencias nas conexións ferroviarias das principais instalacións portuarias galegas, con novas instalacións sen conexión ferroviaria e a falta dunha conexión directa do eixo atlántico con Portugal son dúas das moitas carencias consecuencia de anos de falta de investimentos na rede.

Treitos sen electrificar, trazados obsoletos, falta de mantemento, treitos con velocidades máximas e lonxitudes dos trens limitadas, carencias nos sistemas de seguridade, falta de persoal, peche de estacións, supresión de servizos, etc... son algúns dos problemas que é imprescindible mudar a través dun cambio radical na planificación, pero sobre todo na priorización e na execución dos investimentos nas infraestruturas ferroviarias de Galicia.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e axenda urbana, como organismo con competencias na materia ten a obriga de identificar, valorar e priorizar as necesidades de mellora da rede ferroviaria galega con obxecto de adecuar a mesma aos requirimentos da normativa europea, na busca de acadar un incremento constante e continuado da cota de transporte de mercadorías por ferrocarril ata acadar valores semellantes a media dos países do noso entorno.

prioridades do CES. A normativa reguladora dos corredores determina que antes de finais de 2023, a Unión Europea avaliará o despregamento da rede, o grao de cumprimento dos obxectivos, así como os axustes necesarios no seu desenvolvemento como consecuencia dos cambios desde a súa aprobación no 2013.

Co obxecto de impulsar un transporte de mercadorías mais eficaz, eficiente e sostible, CES Galicia esixe: a priorización dos proxectos de infraestruturas de transporte correspondentes ao corredor atlántico para acadar un incremento da participación do ferrocarril no transporte de mercadorías; a execución coa máxima prioridade das conexións das instalacións portuarias co corredor ferroviario, garantindo una correcta intermodalidade, aproveitando a posición privilexiada da fachada noroeste en relación cos tráficos de América Latina e Estremo Oriente e priorización da conexión con Portugal a través da saída sur de Vigo, entre outras.

28 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito