Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Citius organizará a ECAI 2020 de forma dixital por primeira vez na historia da encontro

Trátase da reunión científica sobre intelixencia artificial máis importante do mundo // Cren que a nova fórmula pode aumentar a asistencia

O Citius anunciou onte que o 24º European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2020), o encontro científico máis relevante do mundo no campo da Intelixencia Artificial (IA), mantén a súa celebración a pesar da pandemia global do coronavirus para finais de agosto. Non obstante, por primeira vez na súa historia tratarase dunha conferencia dixital.

“É a primeira vez que este congreso se realizará en dixital nos seus case 50 anos de vida, e será un evento histórico, con máis contidos e participación que nunca”, explica Senén Barro, director científico do Citius e presidente do comité organizador do congreso. Barro asegurou que esta reformulación terá un impacto positivo no número de asistentes: “Esperabamos mil persoas en Compostela, agora serán varios miles os que poderán participar”.

A organización do ECAI tomou esta decisión tras unha minuciosa análise da situación derivada da pandemia no mundo, co obxectivo de garantir a celebración da conferencia, pero sen as severas limitacións e riscos que suporía levala a cabo de xeito presencial. Dende a organización sinalan que irán desvelando novidades nos próximos días e semanas “que sen dúbida soprenderán gratamente á comunidade científica internacional e a todas as persoas e organizacións que se teñen sumado á ECAI 2020, no que agora é unha iniciativa absolutamente singular, tamén polo seu formato”.

Un formato –o dixital– que dende o Citius destacan hai que agradecer ao avance tecnolóxico. “Hai uns anos isto no tería sido posible, pero hoxe as tecnoloxías dispoñibles, algunha delas propias incluso da Intelixencia Artificial, permitiranos organizar un congreso cunha participación que será maior á que agardabamos na súa versión presencial”, aseguran fontes da organización.

MAIOR DURACIÓN E MÁIS CONTIDOS. Esta previsión de acadar unha participación máis alta levou á organización a ampliar a duración do congreso como un dos primeiros cambios que asumirá. Deste xeito, os contidos do congreso repartiranse entre o 29 de agosto e o 5 de setembro, tres días máis do que estaba plantexado para o seu formato presencial. Tratarase ademais de empregar as franxas horarias mellor adaptada á disparidade de fusos en todo o mundo, algo que cobra real importancia nos eventos globais.

A isto hai que engadir a participación de conferenciantes da máis alta élite científica en Intelixencia Artificial e a presentación de traballos científicos co seu conseguinte debate a través dun chat. Mais se pensan que os organizadores olvidaron o ámbito social deste tipo de eventos están equivocados, pois a organización contempla unha xornada polo Camiño de Santiago, concertos musicais, un recorrido histórico pola USC ou incluso unha visita en vivo ao Mercado de Abastos compostelán. Un xeito de aproximar Compostela aos conferenciantes que debido á situación xerada pola covid, non a poderán disfrutar presencialmente.

08 jun 2020 / 19:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito