Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Medio rural. A “xestión intelixente do fogo” consiste en “crear paisaxes que sexan máis resistentes e resilientes”, afirma Adrián Regos, investigador en cuxo estudo se propón a solución paisaxística contra os lumes nos montes TEXTO Paula Pérez Cantelar

O ‘fire-smart’, a barreira aos incendios forestais en Galicia

Ben curtida en batalla está a poboación galega no que a incendios forestais se refire, xa que en gran parte dos territorios da comunidade padécese dun nivel de risco extremo a que estes se produzan. Debido a esta condición, son numerosos os estudos que intentan albergar respostas e hipóteses que xustifiquen a ola de lumes que cada ano asoballan as terras galegas, así como investigar e propor diferentes e posibles solucións.

Un estudo liderado pola USC e o centro de investigación CIBIO/InBIO da Universidade do Porto apunta a “xestión intelixente do fogo”, ou fire-smart en inglés, como solución aos incendios forestais e ao seu impacto, garantindo simultaneamente a conservación da biodiversidade e de fornecemento de servizos ecosistémicos para as próximas décadas na Reserva da Bioesfera Transfronteiriza Geres-Xurés.

Como explica o investigador e coordinador do proxecto, o galego Adrián Regos, o fire-smart, consiste en “crear paisaxes que sexan máis resistentes e máis resilientes ao fogo”, é dicir, que sexan máis resistentes ao lume, pero que tamén teñan a capacidade, ou máis ben, habilidade, de recuperarse fácilmente tras unha perturbación deste estilo.

Trátase pois, dunha “perspectiva máis preventiva”, apunta o investigador, xa que, sendo incapaces de incidir sobre as condicións meteorolóxicas causantes destas problemáticas, onde se pode actuar é “na configuración da paisaxe”. Ademais, o equipo abordou que o crecente impacto dos incendios vén dado polo fenómeno de abandono progresivo de actividades productivas tradicionais como as agropastorais, que se traduciu dende os últimos anos da segunda metade do século XX nunha nova paisaxe con menos zona agrícola e máis masa forestal sen xestionar.

Ao final, apunta, “o que temos é (como se di en ecoloxía do fogo): máis combustible a arder”. Ao mesmo tempo, sinala, “cada vez temos veráns con temperaturas máis extremas, o que provoca non só máis incendios, senón máis incendios severos”. Aos devanditos problemas, engádese a deficiencia das políticas actuais de xestión de incendios: “céntranse principalmente na supresión inmediata, sen ter en conta o papel fundamental que o fogo como proceso exerce nos ecosistemas, o que paradoxicamente favorece a acumulación de combustible e unha transición cara paisaxes máis inflamables e propensos a sufrir grandes incendios forestais”, aclaran os autores do traballo. É dicir, as políticas fallan na prevención e isto ten repercusións negativas.

En sumo, a perspectiva deste estudo é “crear, de maneira preventiva, paisaxes que poidan axudar na loita contra incendios e ao mesmo tempo, conciliar eses obxectivos de supresión e de mitigación de incendios con outros como a conservación da biodiversidade en importantes zonas como o Xurés, unha das áreas de estudo; ou outros servizos ecosistémicos, como a regulación climática”, explica Regos.

O estudo pretende explorar estas cuestións, simulando a evolución da paisaxe mediante modelos matemáticos dacordo con diferentes estrataxemas de xestión do territorio para as próximas décadas, para demostrar “como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nestas zonas poderían reducir ata un 50% as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstos entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico”, aclara Regos.

Por outra banda e en relación co anterior, a Consellería de Medio Rural semella que anda ollo a vizor deste tema, pois recentemente, crearon o programa Aldeas Modelo, que ten como obxectivo a recuperación productiva de zonas maiormente abandonadas preto de poboacións, de xeito que, tal posta en valor, axuda a previr incendios. É dicir, pretenden, eliminando a maleza “combustible”, evitar incendios, potenciando ao mesmo tempo a súa posible e moi útil revalorización.

Once aldeas modelo xa en marcha

··· Galicia conta con 11 aldeas modelo declaradas como tal, máis hai outra media ducia esperando a selo e outras poucas atópanse no proceso de ser algo máis verdes.

“As aldeas modelo teñen varios pasos que dar”, explica Alejandro Sánchez de Dios, subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. En primeiro lugar, sendo un proxecto voluntario, débese contar coa aprobación do 70% dos veciños. Logo, se se cumplen certos requisitos, declárase partícipe do programa á aldea e automaticamente procederíase á limpeza do perímetro. Unha vez que esta finalizase, buscaríanse persoas ou asociacións dispostas a poñer en producción a aldea, someténdoa pois a un “procedemento de concordancia competitiva”, afirma, de apuntarse varias. Unha vez que se conta con produtor: comezan as obras.

Das nomeadas 11 aldeas, nove pasaron a fase de desbroce e andan procurando un produtor. Mentres, en Osmo xa se pode observar o gando de porcino celta en ecolóxico instalado; e en Trascastro, xa se están a realizar obras para dar cabida a unha granxa de vacuno en extensivo.

A idea de dito programa xordeu de maneira curiosa. Na Consellería de Medio Rural contaban con dúas estratexias: a primeira, desbrozar 50 metros ao redor das aldeas con risco de incendios; e por outra banda, impulsar a recuperación de terras en abandono. “O bo deste tema foi que se xuntaron ambas ideas”, di De Dios.

As aldeas modelo sitúanse pois como punteiras en Europa nesta iniciativa, que ademais, segundo achega o subdirector de Mobilidade de Terras, tamén fan recuperar “o orgullo da xente da aldea, que en vez de ver maleza, pode ver o que había cando eran pequenos”.

16 ago 2020 / 00:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.