Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Antón Gómez-Reino Varela, deputado en Cortes e secretario xeral de Podemos Galicia

“O Goberno fai un esforzo importantísimo na AP-9 e agora hai que abordar a transferencia”

“O traballo da ministra Yolanda Díaz e o seu equipo de galegos está solventando o día a día de miles de familias. Vai facer a inversión máis grande da historia”

{A Coruña, 1980} Técnico superior en saúde ambiental, activista social, parlamentario en varias lexislaturas e secretario xeral da formación morada galega, lidera o proceso orgánico de reflexión para tentar reenganchar o proxecto político coa sociedade tralo revés electoral do 12-X. Cun mandato por diante de dous anos, apunta que ten que aparecer nos próximos tempos novos liderazgos e novas persoas.

Completamente reintegrado na normalidade como deputado en Cortes e líder de Podemos Galicia tralo revés nas eleccións galegas do 12 de xullo da coalición da esquerda rupturista que encabezaba?

Si. Eu, como todo o mundo, levara o proceso de confinamento, pero coa particularidade de que aínda non coñecía a miña filla que nacera precisamente no confinamento. Polo tanto, despois das autonómicas ademáis de adicarme as primeiras semanas a reflexionar e falar cos compañeiros e compañeiras da organización, tamén as adiquei a estar coa familia. A partires de ahí, xa levo bastante tempo reintegrado e activo traballando no Congreso no período preorzamentario e no que ten que ver co marco orgánico de Podemos Galicia abrindo o proceso da conferencia política con moito traballo e encontros telemáticos.

Cal é o horizonte?

Temos un ciclo longo por diante para repensar e reconstruir a organización nos vindeiros tres anos de cara ás próximas municipais e ós comicios que veñan a partires de ahí.

En que se diferenciará o futuro do pasado de Podemos Galicia?

Nos últimos catro anos Podemos estivo volcado completamente en buscar alianzas. Agora mesmo, máis alá de preguntarnos cando toque que alianzas e que apoios amplos trataremos de cerrar, toca ordenar a casa. E iso é o que estamos facendo en Galicia.

Como ve de ánimo os ex socios ou aínda socios: Antón Sánchez, Martiño Noriega (Anova), Eva Solla (EU)? Mantén contacto con eles?

Manteño con moitos deles un contacto máis persoal. E máis alá de eso, todo o mundo no espazo entendeu que non tocaba tomar decisións apresuradas e que o que cumpría era analizar a situación e, a partires de ahí, cada quen dar os debates internos na súa organización. Nós con EU e IU no Estado temos un proxecto estratéxico que é Unidas Podemos. E me consta que en Anova están tamén nun proceso de análise.

Canto pesaron no fracaso do espazo de confluencia os proxectos diverxentes que o conformaban e canto os egos personais dos dirixentes?

No ámbito da política autonómica creo que nos pasou moitísima factura o feito de que non fomos capaces de construir unha cultura política de resolución das lexítimas e necesarias diferenzas de forma normalizada. Eso nos fixo moito dano. Basta ver o distinto apoio que tivemos nas xerais do que tivemos nas autonómicas. En todo caso, e máis alá de que algúns líderes nos usurparon o capital político que fomos levantando ao longo dos anos, eso é pasado, e a pandemia, a situación económica e social centran a nosa atención de cara ó futuro.

Unha última cuestión orgánica antes de abordar os orzamentos do Estado. Cando quedará definido o proxecto político e está vostede disposto a pilotar a nova etapa?

Despois do 12-X dixen que asumir responsabilidades tamén ten que ver con non deixar abandonado o proxecto e dalgunha forma axudar con outros e outras a rearmar Podemos Galicia. Nese sentido, tamén son moi claro: non só en Podemos Galicia senón en xeral teñen que aparecer nos próximos tempos novos liderados e novas persoas. Eso é absolutamente fundamental. Agora estamos pensando, como preparándonos para o novo ciclo electoral en Galicia , a tres catro anos vista e, en todo caso, o mandato que ten o Consello Cidadán Galego que eu lidero como secretario xeral é de dous anos. Agora o que me toca é liderar con outros e outras o proceso de reflexión e reforzo, que tamén significa que apareza moita nova xente que tome responsabilidades.

Haberá de novo alianzas?

Claro que hai que plantexarse alianzas, pero sen un Podemos Galicia forte non haberá nin cambio político en Galicia nin alianzas. A tarefa a construir organización, construir Podemos Galicia.

Non quedaron queimados os lazos? Poden reconstruir pontes?

Eu digo que neste momento hai que reforzar Podemos. Máis alá de eso, insisto, temos unha alianza estratéxica con Esquerda Unida.

Cambiando de tema, no ámbito económico e social do que antes falaba, que valoración fai dos presupostos do Estado, nos que Podemos como socio de Goberno ten parte?

Nós somos unha forza de goberno e os orzamentos do Estado son un cambio de paradigma histórico, que rompen coa austeridade, rompen con moitos anos de recortes e plantexan que hai que defender o público e abordar un cambio da economía productiva no Estado e tamén en Galicia. Nós queremos ser unha forza de goberno útil nese novo ciclo político que se abre. E creo que nestas últimas semana estamos dando pasos importantes para adiante para pecharlle o camiño a unha extrema dereita que estaba embarrando o debate político nas institucións e na sociedade.

Con respecto a Galicia o PP sinala que hai unha caída de máis de dez puntos na inversión se a comparación se establece co ano 2018, o último no Goberno de Mariano Rajoy.

O PP pode decir calquera cousa. Todo o mundo sabe que as partidas do PP nos orzamentos despois non se cumplían. Este Goberno ten o compromiso de finalizar unha infraestructura, o AVE, que se levaba unha parte enorme dos orzamentos. Se quitamos o que ten que ver coas inversións do AVE os números son clarísimos. Nestes orzamentos o que ten que ver coas inversións territorializadas dos ministerios suben un 39 % na provincia da Coruña, un 90% na provincia de Lugo, un 83% na de Ourense e un 32% na de Pontevedra. Ademais, o interesante creo que non son os números nin o cemento, senón as partidas destinadas a reforzar a sanidade, educación e a dependencia, materias todas elas moi importantes en Galicia. Hai que pór enriba da mesa que onde nos orzamentos en sanidade do PP se gastaba un euro agora gástanse dous. Tamén responden a cuestións que preocupaban moito en Galicia, frente ós recortes das pensións do PP, aquí se actualizan. Eso vai a mellorar, ou polo menos afectar positivamente a 300.000 galegos e galegas. Hai un acordo de regulación de alugueiros que nos costou moitísimo arrancar a Unidas Podemos. En Galicia onde subeu un 30% nos últimos anos o alugueiro vai ter efectos positivos para moita xente, por exemplo, na área de Compostela. Agora hai un compromiso, que estaba pendiente nos últimos anos, para acabar de rexenerar a ría do Burgo na Coruña. Tamén na AP-9...

Na Autopista do Atlántico, a Xunta e o BNG arróganse o éxito das bonificacións pola presión exercida.

Eu me pregunto, quen fai a proposta de orzamentos do Estado? Faina o señor Feijóo? Faina outra forza política? Esta é a proposta de orzamentos do Estado que fai un Goberno do PSOE e de Unidas Podemos. Aquí non é cuestión de arrogarse o protagonismo. E unha demanda maioritaria da sociedade galega. O conxunto das forzas no Parlamento de Galicia votaron a favor neste sentido e este goberno fai un esforzo orzamentario importantísimo de 55 millóns de euros para que en moitos tramos non se pague e en outros os galegos deixen de pagar o que están pagando agora mesmo. En todo caso, dende Unidas Podemos tamén decimos que este ten que ser o primeiro paso porque é evidente que hai que abordar a transferencia da AP-9 a Galicia. Estas semanas presentamos unha iniciativa para a convocatoria da comisión bilateral de transferencias entre o Goberno e a Xunta. Por último, gustaríame poñer en valor que o Ministerio de Traballo que ten ao frente a galega Yolanda Díaz, vai facer a inversión pública máis grande da historia no nosos país, derivada dunha situación social e laboral difícil pola pandemia, pero con un consenso innegable máis alá de ideoloxías. O traballo de Yolanza Díaz e do seu equipo, fundamentalmente formado por galegos e galegas, está solventando o día a día de miles de familias en Galicia e millóns no Estado.

Queda marxe para melloralos no período de enmendas?

Sempre. Temos moitas demandas que fan compañeiros dos grupos municipais que son razoables e imos seguir defendendo. No período de enmendas aspiramos a melloralos da man do PSOE e outras forzas.

31 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito