Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Goberno galego irá da man do Estado na demanda polos bens de Meirás

Reivindica para o patrimonio público enseres que se queren levar os Franco

Xunta e Estado seguirán da man na estratexia legal para impedir que os herdeiros de Franscisco Franco leven do Pazo de Meirás algún bens que ámbalas dúas administracións consideran que son patrimonio publico pola súa valía histórica. O Goberno galego presentou este luns, no Xulgado de Primeira Instancia nº 70 de Madrid, o escrito polo que se suma á demanda da Avogacía do Estado para reclamar a propiedade pública de diferentes bens mobles que se atopan nas torres e que están vinculados ben á figura da escritora Emilia Pardo Bazán, ben á de Francisco Franco en calidade de xefe do Estado durante a ditadura.

O Goberno autonómico consider que con este novo paso reforza a postura que leva mantendo desde o inicio do proceso, “apoiando sempre a unidade de acción co resto de administracións e traballando de forma leal e coordinada para favorecer os intereses xerais de Galicia”. Lembra a Consellería de Educación, neste senso, que a Xunta foi adheríndose como parte coadxuvante ás diferentes decisións da Avogacía do Estado dentro di proceso xudicial, cumprindo así o mandato feito polo Parlamento de Galicia.

A reclamación nun xulgado de Madrid da propiedade pública de diferentes bens, presentada por parte do Goberno de España hai unhas semanas, era un paso que dende Galicia se levaba solicitando desde hai tempo. “O Executivo galego considera que, como se vén acreditando, a única forma de garantir a propiedade destes bens é acadala a través da vía xudicial, como xa se fixo con éxito co inmoble e con determinados elementos vinculados”, apuntou a Conselleria de Cultura .

No seu escrito ante o Xulgado, a Xunta expón o seu interese lexítimo para participar neste preito, como xa fai no proceso sobre a propiedade do inmoble de Meirás que se sigue nos últimos anos nun xulgado da Coruña. Neste novo caso, que se acaba de abrir, entende que a consideración como bens de dominio público de determinados obxectos relacionados coas dúas persoas que habitaron o inmoble (Pardo Bazán e Franco) e a permanencia destes bens no seu contexto faría máis transmisible e comprensible os acontecementos históricos que alí se produciron.

Tamén entende que sería fundamental para difundilo dun xeito máis preciso e auténtico á cidadanía e engade que as administracións públicas teñen interese en que se acheguen os valores culturais dos bens nas mellores condicións e da forma máis precisa e completa posible.

11 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito