Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O grao en Intelixencia Artificial abrirá paso a traballar en múltiples sectores

Alberto José Bugarín, responsable do título compartido polas tres universidades galegas, cree que as empresas deben incorporar esta disciplina si buscan innovación

A posta en marcha do grao en Intelixencia Artificial será unha realidade no vindeiro curso 2022-2023. Será un dos dous novos títulos que a Universidade de Santiago vai ofertar xunto ao grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. Trátase dunha formación interdisciplinaria, “onde conviven a compoñente tecnolóxica de base coas achegas doutras disciplinas do ámbito social, da ciencia experimental, ciencias da saúde e humanidades”, explica o responsable do título e catedrático da USC, Alberto José Bugarín Diz.

O grao en Intelixencia Artificial (IA) é unha titulación interuniversitaria, coordinada dende Compostela e froito da sinerxía entre as tres universidades públicas galegas. O número de prazas ofertadas será de cincuenta en cada unha delas. No caso da USC, este grao impartirase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

A IA estase a integrar na vida cotiá cada vez máis rápido a través do uso de aplicacións como os buscadores da Internet, os asistentes virtuais, os GPS, ou os tradutores automáticos, entre outros. “O seu impacto está a ser importantísimo e vaino ser máis en todos os ámbitos, polo que unha persoa graduada neste título vai poder traballar en sectores tecnolóxicos, coma o sector TIC; pero tamén, no eido da saúde, o sector dos coidados, a enerxía, automoción, agricultura, clima, finanzas... por suposto, no sector do ocio, turismo e servizos en xeral, incluíndo tamén o sector público onde a IA está a prestar servizos de grande utilidade á cidadanía”, explica o responsable do título. Calquera sector que queira ser innovador na súa área de actividade ou queira diferenciarse da competencia, “terá que incorporar servizos baseados en IA, que só poderán ser desenvolvidos coa calidade suficiente con perfís profesionais ben formados , como van ser os nosos graduados ou graduadas”, engade.

orientación en tecnoloxías intelixentes na usc O grao consta de catro cursos (240 ECTS), nos que as materias dos dous primeiros anos serán comúns ás tres universidades. En terceiro e cuarto, na USC desenvolverase a orientación en ‘Tecnoloxías Intelixentes’, a cal integra elementos propios das tecnoloxías da información e dos modelos da intelixencia artificial cos novos modelos naturais de intelixencia e de comportamento (humano, animal), “imprescindible para acadar unha IA centrada nas persoas”, explica o profesor Bugarín.

“A combinación de características xenuinamente humanas como a creatividade, o liderado, ou as habilidades sociais, coas capacidades da Intelixencia Artificial, está a producir ferramentas que permiten mellorar calquera ámbito”, engaden as tamén profesoras do grao María Jesús Taboada Iglesias, catedrática da área de Ciencia da Computación e IA e coordinadora do mestrado en IA; e Mariña Canabal Juanatey, investigadora predoutoral no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), no grupo de Sistemas Intelixentes.

“Cada vez máis as persoas usuarias demandamos un nivel maior de calidade e de intelixencia (nivel cognitivo) nas aplicacións e servizos que utilizamos. Para dar resposta a esta demanda, como fan con éxito moitas aplicacións hoxe en día, é preciso combinar formación en ámbitos tecnolóxicos de futuro (como a Internet das cousas, a computación de altas prestacións ou a computación na nube), con outros ámbitos de saber non tecnolóxico, como a neurociencia, a psicoloxía, ou a lóxica”, matizan.

Ademais, outro trazo distintivo desta orientación é o módulo profesional, que durará un cuadrimestre, no que o alumnado realizará proxectos integradores de varias disciplinas, que dean resposta a retos propostos por entidades externas, e no que van desenvolver habilidades de comunicación e interpersoais, proxectos de emprendemento ou estenderán as prácticas profesionais externas en empresas.

PRIMARIA, SECUNDARIA E UNIVERSITARIA
IA “a todos os niveis”

··· Para Alberto José Bugarín Diz, a importancia actual da Intelixencia Artificial no referente á formación para o estudantado “é tal que debería formar parte tamén dos currículos a todos os niveis, tanto en primaria, secundaria como universitaria”. “É algo que está xa identificado. Por exemplo, o cardiólogo Dr. Eric Topol, unha das referencias no ámbito da transformación dixital na saúde, xa en 2019 dixo que os profesionais sanitarios do futuro van desenvolver o seu traballo en contornas ricas en datos, e que van precisar habilidades para avaliar novas tecnoloxías, entre as que se atopa a IA”, explica.

··· Asemade, o profesor indica que os estudos de grao en IA teñen “xa moita tradición en Europa e EEUU”. “En España son moito mais recentes, de menos de dous anos, en Madrid, Cataluña e o País Vasco. Na USC elaboramos unha proposta de Grao en IA para Galicia xa en 2020 e agora estamos moi contentos de que esa visión pioneira sexa agora compartida por todos e que por fin se concrete co grao en IA que vai comezar este setembro”, di.

09 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito