Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Movemento Galego da Saúde Mental califica o Plan da Xunta de electoralista e insuficiente

Desmenten que sexa o maior desde a transferencia do Sergas // Sanidade replica que as melloras neste eido téñense recoñecido como prioritarias

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) critica o novo Plan do sector presentado por Feijóo a semana pasada, calificándoo de electoralista e insuficiente. Ademais, indican que para a Xunta a saúde mental sempre “queda para o último lugar”, desmenten que este sexa o plan de maior envergadura desde a transferencia do Sergas e indican que o incremento de prazas queda na metade do recomendado hai 20 anos.

Este movemento cívico, cuxo manifesto fundacional, no ano 2014, foi asinado por máis de 400 profesionais da saúde mental pública galega, así como asociacións profesionais, de familiares e usuarios, sindicatos, profesionais da Adminsitración de Xustiza, Colexios profesionais, etc., rexeita “con firmeza a utilización electoralista dunha necesidade que levamos denunciando como urxente desde hai anos”. Indican que o sector sempre ocupou una situación de “marxinación” dentro do servizo público de saúde, polo que este anuncio do que para eles é “unha reclamación de xustiza”, confirma que “sempre queda para o último lugar”.

Recorda, así mesmo, a campaña de 2016 baixo o título Badaladas polo suicidio, e as protestas nas rúas como imprescindibles para que a Xunta elaborara un plan contra o suicidio, sendo Galicia unha das comunidades máis golpeadas por este feito; e o baile de datas para un Plan específico de Saúde Mental, demandado en innumerables ocasións.

Ademais, manteñen que este non é o mellor plan da historia, porque o incremento das dotacións profesionais que se anuncian están na metade das recomendadas hai máis de 20 anos e o número de dispositivos e prazas tampouco alcanza as recomendadas en 1997. En calquera caso, continúa o MGSM nun comunicado de prensa, o importante na saúde mental non son os números senón as persoas e o avance nun trato máis digno para as que teñen problemas de saúde mental. Espera que o plan sirva para que non se volva falar de vulneración de dereitos no hospital psiquiátrico de cuartos de contención mecánica.

E defenden como imprescindible que se teña en conta como “determinantes sociais” nos enfermos a pobreza económica, a exclusión, as desigualdades de todo tipo, a violencia, a desigualdade de xénero... Finalmente, recorda que é prioritario reforzar a atención á saúde mental coa pandemia. “Os que estaban mal estarán peor”, aseguran, e “isto non se arranxa implantando de forma prioritaria a tele-psiquiatría”, se non cunha “accesibilidade real aos profesionais”, rematan.

sanidade Pola súa banda, fontes da Consellería de Sanidade, a petición deste diario, respostaron ao comunicado do MGSM indicando que “as melloras na atención á saúde mental téñense recoñecido como prioritarias polo Goberno galego tanto no Plan de prioridades sanitarias como na Estratexia Sergas 2020, onde xa quedou reflectido o compromiso da posta en marcha do Plan galego de saúde mental”. Así mesmo, enumeran diferentes melloras levadas a cabo, como a creación dunha unidade de Psicoxeriatría na área de Vigo, as melloras na atención infantoxuvenil, a recuperación do orzamento para programas sociosanitarios de saúde mental a do 2008 ou o Plan de Prevención do Suicidio, entre outras.

anuncio
REsume das medidas que recolle

··· O orzamento do Plan é de 83 millóns.

··· Incrementa o número de prazas de profesionais en 241 en catro anos. Serán 54 para psiquiatras; 45 para psicólogos clínicos e 66 para enfermeiros especialistas en saúde mental. Tamén 5 novas prazas para terapeutas ocupacionais, 42 para auxiliares de enfermería e 29 para traballadores sociais.

··· Os novos dispositivos que se crearán son cinco novas unidades de Saúde Mental de Adultos, dúas unidades de Psicoxeriatría, unha unidade de hospitalización para nenos e adolescentes en Vigo, dúas unidades ambulatorias de saúde mental infanto-xuvenil e hospitais de día infanto-xuvenís, en todas as áreas.

··· Hospitalización de agudos e rehabilitación das persoas con trastorno mental grave terá 22 novas de hospitalización de agudos e 40 de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria.

29 jun 2020 / 23:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito