Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“O obxectivo é que o Arde Lucus sexa unha festa de interese internacional”

A rexedora presume de que ten máis de catrocentas actividades dende circo a loita de gladiadores

Descarga el suplemento completo en PDF /

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, disfruta do Arde Lucus como unha nena pequena. Xa se ten vestido de castrexa e de romana.

Que supón o Arde Lucus para Lugo?

O Arde Lucus, que alcanza este ano a súa XXI edición, é, sen dúbida ningunha, a mellor festa de recreación histórica do país, froito do enorme traballo que desenvolven as 19 asociacións que traballan nela todo o ano para manter vivo o sentimento de orgullo e de identidade da cidade co seu pasado.

A celebración supón, polo tanto, unha importante proxección exterior da cidade e un forte reclamo turístico vinculado coa nosa cultura, así como unha fonte de dinamización económica durante os catro días de celebración.

O que diferencia o Arde Lucus sobre outras festas é a rigorosidade histórica co que Lugo retrocede á cidade romana castrexa que foi hai 2.000 anos, non só porque se transforma o seu casco histórico e a súa contorna, senón porque se vive o día a día do legado dos nosos devanceiros en cada unha das 400 actividades programadas do 9 ata mañá en todos os espacios públicos.

Que novidades hai este ano?

O Arde Lucus regresa ao grande tras dous anos de pandemia. Nesta ocasión contamos co maior respaldo tanto público como privado da historia desta festa xa que ao apoio das institucións súmase ao do tecido empresarial. O obxectivo é acadar o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, xa que agora somos de interese galego e nacional.

Como dixen, a programación deste ano inclúe 400 actividades de animación das rúas, obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, teatro, recreación de loitas de gladiadores, grandes desfiles, circo romano e un amplo etcétera. Pero entre as novidades podemos destacar un espectáculo pioneiro en Galicia de realidade aumentada 5D en A Mosqueira, que reflectirá a época de esplendor de Lugo no século I, recreando a muralla romana na súa altura orixinal, cos romanos paseando polo adarve e permitindo aos espectadores integrarse na época.

Así mesmo, a Capela do Carme acollerá por vez primeira unha obra de teatro na que participarán todas as asociacións de teatro de Lugo,e celebraremos dous grandes concertos de balde, o da banda irlandesa Sor Patrol hoxe e o das Tanxugueiras nañá domingo, que suporá o broche de ouro a unha edición histórica.

Invita aos lucenses a caracterizarse?

Animo non só á cidadanía lucense a caracterizarse de castrexos e romanos como xa o fan desde os inicios da festa xa que o éxito do Arde Lucus non se entende sen a súa implicación e compromiso, pero tamén convido a todas as persoas que nos visiten a que se vistan de época porque axudará a que se mimeticen coa cidade nesta volta ó pasado. Na cidade incluso poderán atopar tendas onde poden comprar ou alugar as vestimentas apropiadas.

A ocupación hostaleira será do 100%?

No ano 2021, a pesar de celebrar un Arde Lucus moi reducido polas dificultades derivadas da emerxencia sanitaria, a ocupación hostaleira chegou ao 80%. Nesta ocasión seguramente alcance o 100% de Lugo pero tamén nos concellos da contorna, porque a festa non só é un enorme revulsivo económico para a cidade senón para a súa área de influencia.

Arde Lucus leva camiño de superar o San Froilán?

Son dúas festas completamente diferentes, que se complementan. Ambas as dúas, xunto coa celebración do Caudal Fest, que é o último festival do verán en Galicia e que organizamos na contorna do Miño, son xa celebracións con enorme alcance social, turístico e económico, todas imprescindibles para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez máis xente nos conozca e nos visite.

Vostede de que se caracterizara de castrexa ou de romana?

Ambas as dúas, e depende do día, como moitos lucenses. Representan a nosa tradición e a nosa historia, e síntome cómoda representada tanto como romana como castrexa.

FROILÁN VARELA

11 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito