Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PP critica o desprezo absoluto por parte do Goberno de Sánchez

Calvo condenou que os partidos da oposición estén nerviosos ante a rebaixa de impostos

O Partido Popular vén de reiterar a súa demanda ao Goberno central para que cese o “desprezo absoluto” que, dende o seu punto de vista, mantén pola comunidade e as peticións que fai o Executivo Galego. Así o expuso a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Pardo, nun acto de Novas Xeracións en Boborás no que tamén participou o presidente provincial do partido, Manuel Baltar.

Isto acontece logo da visita do delegado do Goberno, José Miñones, que constatou o gran peso que ten Galicia no Plan de Recuperación e aproveitou para pedir “lealdade institucional”.

Pardo aludiu ao compromiso que vén mantendo o Partido Popular coa cultura na nosa comunidade, e quixo lembrar que a Xunta xa lle solicitara no seu momento ao Goberno central a aprobación dun PERTE cultural por valor de 400 millóns de euros, ideado en consenso co sector.

Con todo, a secretaria xeral dos populares galegos asegurou que a resposta do Goberno de Sánchez foi “o desprezo absoluto” ás peticións da comunidade, algo que, segundo indicou, xa aconteceu con outros sectores. Ante esta situación, remarcou que o PP seguirá traballando en ofrecer propostas centradas en crear un sector cultural asentado en todo o territorio e que se constitúa nun revulsivo económico para todos os municipios galegos.

Neste senso, o presidente provincal do PPdeG de Ourense, Manuel Baltar, salientou que a cultura debe formar parte da acción política dos gobernos en todas as institucións, e insistiu en que dentro do “proxecto común, colectivo e forte” do Partido Popular a cultura sempre será unha parte fundamental, pois é “o máis importante” e o que diferenza a un territorio.

Mostra disto, segundo explicou o presidente provincial, é a celebración do Festival de cine internacional de Ourense, da Mobile Week, que busca achegar a tecnoloxía e dixitalizar a veciñanza; ou da ICC Week, que acolle en Ourense o marco nacional de industria culturais e creativas.

Defensa da baixada de impostos. Pola súa banda, tamén o día de onte e ante as numerosas críticas da oposición pola baixa de impostos, o vivepresidente segundo da XUnta Diego Calvo, quixo defender as políticas adoptadas polo Executivo. Deste xeito, indicou, serán “as familias”, nun escenario onde “lles custa chegar a fin de mes”, as que decidan “en que gastar” o diñeiro. Calvo insistiu en que Galicia ten un camiño fiscal “propio” e xustificou que coa recente decisión os gobernos do PP están a trasladar a súa “receita”, con rebaixas de impostos que dan “bos efectos”.

“Nesta situación na que ás familias cústalles chegar a final de mes, é mellor que teñan máis diñeiro eles e non o Goberno”, defendeu, tras denunciar que o Executivo estatal leva recadados “máis de 22.000 millóns de euros máis este ano” con impostos debido á inflación.

Deste xeito, o vicepresidente segundo, Diego Calvo lamentou que “a esquerda en xeral está moi mobilizada contra as políticas do Partido Popular a nivel nacional”. A isto precisamente achacou as críticas vertidas por BNG e PSdeG desde que Rueda anunciou a ampliación da bonificación do imposto do patrimonio por “beneficiar aos máis ricos”.

Calvo considera que a oposición se pon“nerviosa” ante unha medida que atopa, ao seu xuízo, “bastante aceptación” entre a cidadanía. “A esquerda quere ter todo o diñeiro da maior parte da poboación e despois repartir axudas. Nós cremos que os que teñen que decidir en que gastalo son as familias”, insistiu.

24 sep 2022 / 20:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito