Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PP de Lugo rexeita converter nunha vía 2+1 a A-56 e pide que se faga como estaba prevista

Non van renunciar a comunicar as dúas capitais de provincia do interior da comunidade por autovía

    Chantada. Elena Candia, presidenta provincial do PP de Lugo, amosou en Chantada o rexeitamento do PP da provincia de Lugo a converter nunha vía 2+1 a A-56 entre Lugo e Ourense. “Non sei se é un globo sonda para despistar; pero Lugo non pode renunciar a esa infraestrutura imprescindible para o sur da provincia”, mencionou.

    Polo tanto, reivindicou que “se faga canto antes a autovía tal e como estaba proxectada: unha vía de nova construción que parte da autovía Lugo-Santiago, en Guntín, ata chegar á A-52 en Ourense. Non imos renunciar a comunicar as dúas capitais de provincia do interior de Galicia por autovía”.

    Acompañada polo senador e alcalde do municipio, Manuel Varela, e o deputado nacional Jaime De Olano, a presidenta dos populares lucenses advertiu que “para nós, a alternativa 2+1 sería moi negativa” e, polo tanto, pediu que “tanto o Goberno de España coma os socialistas de Galicia e da provincia de Lugo manifesten de maneira contundente o seu rexeitamento e amosen o seu compromiso claro e explícito coa autovía”.

    Candia sinalou que “as infraestruturas son clave para a vertebración do territorio e o desenvolvemento socioeconómico da nosa provincia, un discurso no que tamén coinciden o resto das forzas políticas”. A este respecto, criticou o estado da estrada nacional N-540: “o seu abandono e falta de mantemento derivan na presenza de numerosas fochancas que afectan á seguridade deixando patente o nulo compromiso do Goberno socialista coa nosa provincia”.

    Por outra parte, reiterando o abandono do goberno na A-56, sen dotación para Lugo nos PGE 2021: “Os presupostos do Goberno PSOE-Podemos para este ano 2021 non contemplaron investimentos para avanzar nas infraestruturas estratéxicas da nosa provincia”. Según deu a coñecer, só recollen unha ínfima dotación para os tramos da autovía correspondentes á provincia de Ourense.

    A presidenta provincial recordou que actualmente só está en marcha, dende setembro do 2020, o tramo entre San Martiño e A Barrela. ecg

    16 ago 2021 / 19:29
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.