Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PPdeG confía na súa sólida solvencia mentres o Bloque fala de cambio de ciclo

Para os populares o obxectivo é “perfeccionar o noso proxecto para convencer a unha maioría aínda máis ampla de galegos”// BNG: “Estamos preparados para disputarlle a hexemonía ao PP”

Este 6 de xuño producirase o primeiro encontro entre o novo presidente da Xunta e os responsables dos dous partidos con representación parlamentaria. Disfrazado de intercambio de pareceres con algúns matices. O PP busca unha estratexia común contra o Goberno central, mentres que Bloque e PSdeG prefiren falar das cousas de Galicia. Unha cita que vai supoñer o pistoletazo de saída a un larguísimo período preelectoral cunhas municipais a menos dun ano vista e a sempre posibilidade dun adianto das xerais que, no peor dos casos, levaríanos até decembro de 2023.

É dicir, entramos de cheo nunha carreira que na nosa comunidade presenta un matiz importante: Alberto Núñez Feijóo xa non xoga nesta liga, o que, segundo a maior parte dos analistas, abre un novo escenario no que o PPdeG parte co obxectivo de acadar unha quinta maioría absoluta consciente de que “o noso partido sempre busca mellorar os seus resultados para ofrecer, con todas as garantías, os gobernos estables que precisa a sociedade”, segundo manifestaron fontes do PPdeG que quixeron deixar claro que “somos a alternativa dos que sempre cren en nós, pero tamén daqueles que non se recoñecen na política do PSdeG, convertido nunha sucursal do sanchismo na nosa comunidade que aplaude cada un dos agravios do Executivo central a Galicia”.

En fronte, dentro do Bloque, que mantén un sólido papel liderando a oposición, fálase claramente dun cambio de ciclo. “Hai momentos nos que parece que nada cambia, pero nos que en realidade hai un movemento de fondo que avanza un cambio de ciclo, e desde o BNG pensamos que estamos nun deses momentos, un cambio que empezou a fraguarse na noite electoral do 12 de xuño de 2020, cando o Bloque se converteu na segunda forza política, triplicando a súa representación, resultado histórico que non souberon ver as enquisas, que daban unha subida pero máis modesta”, engaden dende o partido que lidera Ana Pontón.

“A tendencia é clara: o PP baixa, o BNG sube. Por iso o PP non convocou eleccións (trala marcha de Feijóo), porque sabe que as perdería”, sentencian as fontes do Bloque consultadas por EL CORREO, puxanza que poñen en dúbida desde o PP lembrando que “somos un partido amplo e de maiorías, no que teñen cabida os que sempre confiaron en nós pero tamén aqueles que non o fixeron anteriormente e ven agora que somos a única alternativa de estabilidade, de certezas e de solucións”. “A nosa vocación segue sendo gobernar con todos e para todos. As nosas portas están abertas a todos os que queiran contar cun goberno útil ao servizo dos cidadáns”, lembran os populares.

As fontes do PPdeG lembran que “o Bloque segue sendo o mesmo Bloque de sempre. Por máis que a súa portavoz nacional intente disfrazarse de moderada ao tempo que afianza o seu vínculo co independentismo vasco e catalán. Respecto do PSdeG, é revelador que a primeira decisión de Valentín González Formoso fose premiar cun cargo a Carmela Silva mentres os tribunais condenaban a penas de prisión ao funcionario que accedeu a enchufar á súa cuñada con cargo aos contribuíntes de Vigo”.

“Dito o cal”, engaden, “o PPdeG non pensa en rivais. Pensa en perfeccionar cada día o seu proxecto para convencer a unha maioría aínda máis ampla de galegos”.

Una visión que loxicamente non compartante dende as filas nacionalistas que, fronte a designación de Alfonso Rueda, lembran que “os galegos e as galegas apostaron polo BNG para liderar á alternativa ao PP e, nese sentido, o Bloque está preparado para disputarlle a hexemonía, porque ten un liderado claro, confiable, solvente e transversal na súa portavoz nacional, Ana Pontón, porque ten equipa e porque ten proxecto de país”. “Liderado, equipa e proxecto recoñecible para poñer en marcha unha Galiza con futuro”, sintetizan.

Os nacionalistas consideran que están ante unha ocasión única, un momento histórico, e por iso, din as fontes, “o BNG non se pon límites, nin moito menos teitos, vai ir a por todas, ampliando a súa base social e electoral co obxectivo claro de que Galiza teña, por primeira vez na historia, unha presidenta liderando un goberno da Xunta coas mans libres para defender os intereses dos e das galegas, sen ningunha supeditación a Madrid. O goberno liderado polo Bloque, con Ana Pontón como presidenta, non terá que pedir permiso nin a Sánchez ni a Feijóo para reclamar o que é xusto para Galiza”.

O RETO DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS. Maio de 2023 marcará un punto de inflexión na política galega. Hai eleccións municipais, quizais tamén xerais, e neses comicios saberase se o PP mantén esa sólida solvencia da que fala ou, pola contra, fragua o cambio de ciclo ao que se refiren os nacionalistas.

No PPdeG e no Bloque téñeno moi claro.“As municipais de 2023 son unha excelente ocasión para que os veciños de moitos concellos galegos decidan se queren contar con Gobernos máis estables e centrados unicamente no benestar e o progreso dos seus veciños”, din os primeiros, mentras que pa os segundos apuntan: “o Bloque considera moi importantes as eleccións municipais, que serán o primeiro paso nas urnas para un cambio na Xunta, uns comicios aos que o Bloque concorre coa mellor das cartas de presentación: a dos gobernos municipais demostrando que cando goberna, o BNG é capaz de transformar en positivo vilas e cidades, cunha xestión eficiente onde cada euro conta, con capacidade para mellorar a vida da veciñanza, para colocar as persoas no centro e para ser referentes, dentro e fora, de urbanismo sustentable, dinamización económica e social”.

E que espera cada un deles das urnas? “Saímos a gañar e o noso obxectivo é mellorar os resultados de 2015 e de 2019. Para isto, ofrecemos un proxecto que é o máis útil para o progreso dos 313 concellos”, din as fontes do PP. “Imos a ofrecer gobernos municipais de calidade, e esa maneira de gobernar é a que o BNG quere estender a toda Galiza con Ana Pontón como presidenta”, contan no Bloque.

[EL CORREO pediu, vía whatsapp, a responsables de prensa do Bloque, PSdeG e PPdeG as súas opinións sobre seis temas políticos para elaborar esta información. Populares e nacionalistas non tiveron ningún problema á hora de aceptar e responder. Ao PSdeG envióuselle por dúas canles distintas e responderon que o valorarían. Ao non recibir noticias volvéuselles a preguntar e a resposta foi un lacónico “Pregunto”. Pasado o prazo convido, non contestaron]

ultradereita en galicia?
“Vox seguirá sendo irrelevante”

··· Houbo dúas cuestións nas que coincidiron as fontes do PPdeG e do BNG: unha sobre o papel de Vox en Galicia e outra acerca da incidencia da plataforma Sumar (ver páxina seguinte) . Sobre a primeira e a diferencia do que ocorre noutras comunidades, ambas formacións pensan que a súa presenza vai seguir sendo irrelevante. “Vox ten cero concelleiros e cero deputados en Galicia. Esa é a realidade. O PPdeG aspira a lograr unha maioría suficientemente ampla que nos permita gobernar, e a única forma de acadalo é acadando a quinta maioría absoluta”, sinalaron as fontes populares, mentras que dende o BNG apuntan que “a representación de Vox é irrelevante agora e vai ser inexistente no futuro. Aa extrema dereita non ten representación no Parlamento, pero tampouco ten un só concelleiro ou concelleira e iso é mérito dos galegos e galegas que rexeitan un discurso racista, machista, xenófobo e profundamente antigalego”.

06 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito