Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PPdeG prevé manter as listas e Feijóo deberá volver cesar á ducia de cargos que recuperou hai dous meses

Tellado asegura que os populares dan “plena validez” ás candidaturas do 5A: “Non é preciso introducir ningún cambio”

SANTIAGO. EP. O PP galego dá "plena validez" ás listas que presentou para as eleccións que ían celebrarse o 5 de abril e que foron suspendidas polo coronavirus, polo que, na liña do xa avanzado polo seu xefe de filas e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prevé mantelas para a cita coas urnas do 12 de xullo.

"Non é preciso introducir ningún cambio", defendeu este mércores o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en relación a unhas listas nas que o aspirante dos populares a volver presidir o Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, ía á fronte da candidatura de Pontevedra, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, de número 2.

Para o resto das tres provincias, o PPdeG optou por tres mulleres como cabezas de cartel: a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, como número 1 pola Coruña; a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, por Lugo; e que a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, como cabeza de cartel por Ourense.

Feijóo optou tamén por volver incorporar a todos os conselleiros ás súas listas, na liña coa reivindicación da súa xestión, así como a unha ducia de altos cargos que tivo que cesar como condición imprescindible para que entón puidesen incorporarse ás candidaturas.

Xa suspendidas as eleccións do 5 de abril, na reunión do seu Executivo do 20 de marzo, o presidente optou por recuperar aos 12 altos cargos que cesara e cuxo cesamento deberá volver impulsar agora se desexa que repitan como integrantes das listas para o 12 de xullo.

UNHA DUCIA DE CARGOS VOLVERÁN A DEIXAR A XUNTA

Así, xunto con Corina Porro e Marisol Díaz Mouteira, terán que causar baixa nos seus postos os outros tres delegados territoriais da Xunta --Ovidio Rodeiro (A Coruña), José Manuel Balseiro (Lugo) e José Manuel Cores Tourís (Pontevedra).

O seu camiño seguirano, se os populares cumpren coa súa intención de reeditar as listas sen cambios, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Silvestre José Balseiros, director xeral de Gandaría; Marta Fernández Tapias, á fronte da Dirección Xeral de Administración local; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; e Borja Verea, secretario xeral técnico da Consellería de Economía.

O Goberno tamén terá que aprobar en breve, nalgunha das poucas reunións que quedan antes do prazo para presentar as listas electorais (a principios de xuño), o cesamento dun dos homes de confianza do presidente, Álvaro López Perez, secretario xeral de Presidencia.

TRES ALCALDES E UN EXMILITANTE DE CS

As listas que os populares presentaron para o 5 de abril tamén levaron entón a renuncia aos seus cargos Elena Candia, á fronte da Alcaldía de Mondoñedo (Lugo); e de quen eran os seus homólogos nas localidades ourensás de Bande, José Antonio Armada, e Cenlle, Gabriel Alén.

Así mesmo, após semanas de debate público (aínda que os populares galegos nunca foron favorables) sobre unha posible coalición con Ciudadanos (Cs), que non chegou a frutificar, a modo de xesto "simbólico" os populares sumaron como primeiro suplente pola Coruña, a título particular, a un exdelegado da formación laranxa en Galicia, Juan José Chouza, que foi edil na localidade de Ribeira por esta formación.

En 2017, Chouza, que tamén pasou por UPyD, anunciara que deixaba a política, e concorría en calidade de independente nas listas populares do 5A.

20 may 2020 / 20:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.