Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O punto morto da xuventude: para traballar piden experiencia, e para ter experiencia hai que traballar

David Fernández, opositor: “Parece ser que para ter acceso ao emprego segundo saes dunha carreira é necesario ter unha bagaxe que non adquiriches porque non tes unha formación práctica como tal”

Desde hai uns cantos anos a xuventude en Galicia, e no conxunto do territorio estatal, é sinónimo de desemprego. Isto compróbase na taxa de paro que nos deixaba o ano 2020, un 26,3% de paro xuvenil (persoas entre 16 e 29 anos) no noso territorio e se ollamos ao conxunto do estado, sitúase nun 40,13%. Esta situación non é nova, xa que se trata dunha realidade que o noso país leva arrastrando desde a crise do ano 2008. Ademais, os problemas son dous, xa que por un banda temos o desemprego e por outra a precariedade, é dicir, unha bomba explosiva para as novas xeracións que queren poboar o mercado laboral. Falamos con algúns afectados. Araceli Villarino, mestra de 27 anos; David Fernández, opositor de 27 anos, e Sandra Fernández, de 24 anos, que comezou a traballar nunha empresa alimentaria despois de bastante tempo no paro. Os tres cóntannos a situación que vive a xuventude na nosa comunidade, no caso de Araceli a precariedade é a dificultade para ter un contrato fixo nestes tempos, David expresa o complicado que é atopar un traballo temporal ata que lle outorguen praza da súa oposición e Sandra vén de vivir unha experiencia de dous meses sen cobrar, mentres estaba a traballar en concepto de formación nunha empresa para ser seleccionada para o posto de traballo. Os tres teñen como características comúns a xuventude e a gran formación que presentan mozos e mozas de hoxe en día en comparación con outras xeracións.

-Como definirías a situación laboral da mocidade en Galicia?

David. É unha situación precaria, así coma no resto do estado, na miña opinión. Parece ser que para ter acceso ao emprego segundo saes dunha carreira é necesario ter unha experiencia que non adquiriches porque non tes unha formación práctica como tal.

Araceli. Moi complicada, non creo que haxa moitas ofertas e as que hai teñen unhas condicións nas que prima a precariedade.

Sandra. Pois as poucas posibilidades que existen están nunha situación moi complicada.

-Consideras que as accións das institucións facilitan o acceso ao emprego da mocidade galega?

David. Nunha parte si e por outra non. Se ti ves os cursos na oficina de emprego de Galicia, si que é certo que están bastante actualizados pero o problema destes cursos é que logo non garanten unha acollida de esa xente polas empresas.

Araceli. Non. Non considero que se estean a facer iniciativas para fomentar a inclusión laboral da xuventude no mundo empresarial.

Sandra. Non. Porque as poucas oportunidades que temos esixen experiencia e se non temos experiencia pois non te collen. É un círculo vicioso. Se es novo e che piden tres anos de experiencia e ninguén te colle por non ter experiencia pois nunca vas traballar.

-Cres que existen posibilidades suficientes de emprego sen ter que marchar fóra de Galicia ou de España?

David. Non, de feito no meu caso rematei a carreira no ano 2015 e púxenme a traballar pero a precariedade laboral non me permitía vivir fóra da casa dos meus pais sen depender de ninguén, por isto púxenme a preparar unha oposición ao Estado para poder marchar da casa.

Araceli. Si existen posibilidades, pero se ti estás a buscar un perfil novo cun número determinado de anos de experiencia pois é imposíbel, xa que non se nos dá oportunidade para obter esa experiencia cunhas condicións laborábeis correctas. Esta situación o que orixina e que acabes marchando fóra para obter esa experiencia.

Sandra. Creo que non, e isto está a vista co que estar a pasar agora, que a xente marcha para buscar posibilidades.

-Consideras que independizarse é algo factíbel para os mozos e mozas de menos de 30 anos?

David. Non, desde logo que non. De feito, se ves a estatísticas parece ser que a porcentaxe de xente que se independiza antes dos 30 anos non chega nin ao 20% en relación co estado.

Araceli. En liñas xerais non, é dicir, se ti non tes unha independencia económica como na situación que estamos a vivir pois é case imposíbel marchar da casa.

Sandra. Non, en xeral eu creo que non. Supoño que haberá casos particulares, pero polo que vexo todo o mundo está na mesma situación.

-Que aspectos cres que deberían cambiar no mundo empresarial galego en relación co emprego xuvenil?

David. Eu penso que as empresas deberían involucrarse máis na formación universitaria e colaborar coas universidades para ofrecer unha saída rápida para a xente que se gradúe. Pero non só das carreiras, tamén da formación profesional.

Araceli. Debería aumentar a oferta de emprego e mellorar as condicións de acceso a un posto de traballo.

Sandra. Pois as esixencias para a xente nova, é dicir, é necesario un relevo xeracional no mercado laboral para deixar paso á xuventude e que teña a oportunidade de formarse e obter experiencia.

13 abr 2021 / 11:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.