Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O reforzo de persoal derivado da pandemia ascendeu aos 63 millóns

O Informe do Consello de Contas de Galicia constata un aumento notable da temporalidade e unha caída sen precedentes do nivel de actividade asistencial

Segundo o informe de fiscalización do Sergas no ano 2020, publicado o pasado venres polo Consello de Contas, o gasto orzamentario dos reforzos de persoal con orixe na Covid-19 ascendeu a 63,5 millóns de euros, período no que o persoal interino aumentou en 610 persoas á vez que se perderon 366 efectivos medios con praza en propiedade. Por áreas sanitarias, este gasto orzamentario foi maior na Coruña, seguida de Vigo, Santiago e Ourense; e finalmente Lugo, Pontevedra e Ferrol.

No tocante ao número medio de profesionais que prestou e prestou servizo no organismo autónomo durante o ano 2020 foi de 41.490, o que representa un 4% máis que no ano anterior. O 75% do persoal total correspóndese co destinado á Atención especializada, un 21% á Atención primaria e o 4% restante á formación, investigación e administración.

En canto o ás contratacións temporais de eventuais e substitutos, aumentaron en 1.429 efectivos respecto do exercicio 2019, motivado polas necesidades nadas da pandemia do coronavirus.

En términos porcentuais, esta variación do persoal representou un incremento do 4,2%. Así e todo, o informe do Consello de Contas fai referencia a un “aumento notable” dos índices de temporalidade, un 48% na Atención especializada e un 30% na Atención primaria, observándose un incremento interanual de dous puntos en ambos casos. Asemade, o Consello de Contas fai unha “mención especial” á variación interanual da temporalidade motivada pola Covid no exercicio 2020, cuxo incremento ascendeu a un 30% en persoal eventual, un 8% en interino y un 3,7% en persoal substituto.

Actividade asistencial. O impacto da covid-19 na actividade asistencial tamén está recollida no informe de Contas, que indica que “se viu afectado de xeito significatovo pola pandemia, experimentando respecto a 2019 diminucións de distinta intensidade nos principais indicadores”.

Esta “caída sen precedentes do nivel de actividade desenvolvida” foi, sobre todo, notable nas urxencias (25%), en cirurxía maior ambulatoria (25%), cirurxía con ingreso (17%) e finalmente consultas (16%).

Alén da caída da actividade asistencial, no informe reflíctense as súas consecuencias en termos de demoras na atención sanitaria. Contas conclúe que os tempos medios de espera experimentaron incrementos significativos nos distintos ámbitos asistenciais, cun 33% en cirurxía, un 19% na área de consultas externas e cun 56% na área de probas diagnósticas.

Recomendacións. Finalmente, o informe recolle unha serie de novas recomendacións, a maiores das xa vixentes, estén ou non aplicadas con éxito por parte do Executivo galego. Motivado polo “cambio do modelo organizativo e das conclusións do informe”, expoñen que na Memoria da Conta Xeral do Sergas “para os efectos do cumprimento do principio de transparencia e dunha mellor rendición de contas”, debería recollerse unha ampla información sobre os efectos da covid-19, tanto no ámbito económico-financeiro coma no da actividade asistencial desenvolta.

Asemade, recollen que a actividade sanitaria prestada con medios alleos debe estar sustentada en todo momento polo procedemento contractual axeitado. Segundo se expón no informe, o Sergas debe cesar na utilización da figura da autorización de uso como forma contractual e suxeitar ao marco legal os gastos que se veñen detectando pola vía do contrato menor e que non se axustan a regulación.

Segundo os datos, o gasto en asistencia sanitaria con medios alleos no exercicio 2020 elevouse a 209 millóns, un aumento do 2%. En termos de gasto real, o gasto en actvidade concertada supón un 5%.

Contas sinala que hai determinados servizos nos que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso, e conclúen que esta figura carece de sustento para ser utilizada con esta finalidade e vulnera os principios esenciais da contratación pública.

Galicia comeza o mes de agosto con máis de tres mil casos activos de coronavirus
A área sanitaria da Coruña é a que rexistra máis casos, seguida das de Lugo e Ourense

Santiago. Segundo os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, publicados onte día 1 de agosto, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende aos 3.553 casos.

Do total de casos activos de coronaviros e dividos por áreas sanitarias, 753 son da área da Coruña, 416 da de Lugo, 565 da de Ourense, 335 da de Pontevedra, 553 da área de Vigo, 556 da de Santiago e, finalmente, 356 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 19 están nas Unidades de Coidados Intensivos, 377 en unidades de hospitalización e 3.157 están a ter un seguimento dende o seu domicilio.

En termo xerias, polo de agora, en Galicia hai un total de 662.996 persoas curadas, e rexistráronse un total de 3.820 falecementos. O número total de PCR levadas a cabo na comunidade galega ascende case aos catro millóns: 3.960.881 concretamente.

Pola súa banda, o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas en Galicia case alcanza os 7 millóns de unidades, con 6.712.397.

O uso da máscara continúa a ser de carácter obrigatorio en determinados espazos públicos e interiores da comunidade galega, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros. E.N.

Parte dos fondos covid usados para “cadrar contas”, segundo o PSdeG
Denuncian que non se empregaran a totalidade dos fondos en apoiar ao sistema público sanitario

Santiago. O PSdeG fixo alusión onte ao sistema sanitario público galego, neste caso para denunciar que o Goberno autonómio do PP deixou sen executar máis de 200 millóns de euros dos fondos covid que acabaron sendo destinados a “cadrar contas” e a amortizar a débeda pública xerada, en vez de reforzar a asistencia sanitaria nos momentos peores vividos durante a pandemia.

Así o explicou a viceportavoz do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, que fixo referencia aos informes de fiscalización do Consello de Contas, nos que, segundo indicou, se reflexa que o Estado enviou 735 millóns de euros, mentres que na sanidade galega se gastaron unicamente 517 millóns extra.

Rumbo quixo sinalar que non entende como, coa coxuntura existente en 2020, non se dedicou “cada euro” a mellorar a atención sanitaria, con “decenas de persoas morrendo diariamente” nas UCI ou nas residencias de maiores. Rumbo lembrou que cando o Estado asinou os acordos do reparto dos fondo covid, o presidente daquela, Núñez Feijóo, criticaba todas a medidas tomadas polo goberno central e chegou a cualificar o pacto como “político, non sanitario”.

Do mesmo xeito, quixo trasladar que, segundo Contas, a Xunta non executou a partida de 42,5 millóns de euros que se lle enviou do Fondo Compensación Interterritorial, dos que se tocaron “cero euros”. E.N.

O BNG critica as actuacións do Sergas: “a maior ETT deste país”
Culpan da “espantada” dos MIR á precariedade imposta polo PP nos trece anos de goberno

Santiago. Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego quixo deixar claro que “non podemos asumir como normal esperas de dúas semanas para ser atendido no centro de saúde polo médico ou médica de cabeceira”, denunciando unha situación de falta de medios e persoal que se agudiza en verán.

O viceportavoz parlamentario, Manuel Lourenzo, atribúe a precariedade do sector a trece anos de recortes e privatizacións da sanidade pública por parte do Goberno do PP, que afecta especialmente á atención primaria e provoca unha desbandada do persoal MIR. Lourenzo indicou en Galicia este ano remataron a súa formación MIR 89 persoas, das que só 30 aceptaron quedarse.

“E ante esta situación de espantada dos MIR, o Goberno do PP vai en dirección contraria porque precariza aínda máis as condicións laborais ampliando horarios, incrementando cupos, incidindo nunha situación insostible e absolutamente disuasoria para os e as profesionais”, denunciou o Lourenzo, “hai que rematar coa precariedade, o SERGAS non pode seguir convertida na maior ETT deste País”.

Asemade, Lourenzo tamén quixo denunciar “a convivencia do PP coa sanidade privada”, e en especial o caso de POVISA, en Vigo, un centro privado que volve pasar de mans “nunha gran timba entre multinacionais”, e do que depende case media área sanitaria. E.N.

01 ago 2022 / 23:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito